agronomía
(< agronomo + -ía < gr ἀγρονόμος ‘habitante do campo’ + -ία ‘calidade’)
Rama da agricultura que estudia as relacións entre as plantas cultivadas e os animais co clima, o solo e as técnicas utilizadas para mellorar a produción. A mediados do s XIII aplicouse o método experimental que desenvolvera Bacon, investigando as causas das manifestacións agrícolas, o que se pode considerar como o comezo da agronomía. A súa evolución comporta tres etapas marcadas por diversas influencias: a da utilización de maquinaria, aplicación de abonos, etc; a da asociación agropecuaria e a da aplicación dos descubrimentos da microbioloxía. Na produción moderna de recursos de orixe animal ou vexetal ten moita importancia o control dos parámetros externos. No caso dos produtos de orixe animal, o tratamento dos factores ambientais inclúe o clima, o tipo de solo, a comida e a auga. Un dos principais factores que afectan a eficiencia na produtividade é a temperatura de crecemento; a temperatura ideal será aquela que dea a mellor relación entre gramos de produto por gramo de comida consumida (eficiencia da conversión dos alimentos). A dieta mellor será aquela que teña mellores taxas de dixestibilidade. As tendencias actuais están dirixidas a concentrar a comida en forma de pensos. As condicións externas que os rodean tamén inflúen nos produtos agrícolas de orixe vexetal. O deseño de novas técnicas agrícolas e a obtención de novas variedades máis adaptadas favorecen o elevado rendemento actual dos cultivos ao aire libre. Os invernadoiros poden dar condicións máis estables, pero a súa extensión é limitada. Hai que ter en conta principalmente o microambiente do cultivo e a arquitectura do dosel vexetal. Un dos parámetros máis importantes é a cantidade de área foliar que hai por unidade de superficie de terreo, coñecido como índice de área foliar ou LAI (leaf area index). Hai tres aspectos que modifican o LAI, e que interactúan na produtividade dun cultivo: a manipulación agronómica (tempo de sementar e uso de produtos fitosanitarios), as características xenéticas e os condicionamentos ambientais. Normalmente, non se atopan puntos de LAI óptimos na maioría dos cultivos a causa das follas que quedan en sombra. Por iso, procúrase que o cultivo teña o LAI crítico, é dicir, aquel en que pode captarse o 95% da radiación solar.