Aguiar
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica. O topónimo Aguiar, moi espallado por todo o territorio (concello de Pereiro de Aguiar e as parroquias de San Clodio e San Lourenzo de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei) designaba probablemente antano un lugar caracterizado pola presenza de aguias. Etimoloxicamente procede do latín aquila + -ale (sufixo con valor abundancial). Este apelido xa se documenta no s XIII, tanto baixo forma latina, nun documento de 1282 (“Johan d’Agiar”), como romance, nun documento procedente do Tombo de Lourenzá datado no ano 1229 (“Roderico Fernandiz de Aquilar”).
-
[HIST/HERÁLD]
Antiga liñaxe á que se lle atribúen orixes moi diversas. Segundo algúns tratadistas procede dun capitán grego, Biomedes, que asentou a súa casa na terra de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei ou na vila de San Pedro de Taboi a tres leguas de Lugo. Logo espallouse por Asturias e León creando casas en lugares próximos á raia portuguesa e tamén en América e este nome deu orixe a distintas localidades como Sobrado de Aguiar e Portela de Aguiar no Bierzo. Algúns documentos falan doutra casa primitiva en Ares (de Pontedeume ou de Abadín). A segunda hipótese, defendida pola maioría dos investigadores, di que vén dun dos cabaleiros mozárabes de Toledo, Men Gómez Ibáñez, que participou na conquista desta cidade no 1085 servindo ao Rei Afonso VI. En compensación desta axuda recibiu moitos privilexios que o confirmaron como rico home de Castela. Os seus fillos, o conde Gueda Bello o Vello e Egas de Obiñal, foron galardoados á súa vez polos seus servicios prestados ao conde don Enrique que arredor do 1090 pasou a Portugal. O primeiro recibiu o señorío de Aguiar en terras lusitanas e os seus descendentes tomaron este nome por apelido e ao pasaren a Galicia fundaron casa no lugar que dende aquela foi coñecido como San Lourenzo de Aguiar. O segundo, recibiu o señorío de Obiñal que constituiría o tronco da liñaxe de Aguilar, forma coa que se espallou en boa parte de España e tamén en Nova Granada (Colombia) e Quito. Nobres desta caste atopámolos en Aguiar, Mondoñedo, Viveiro, Lourenzá, Monforte de Lemos, Castro de Rei, A Coruña, Arzúa, Vimianzo e Compostela. Moitos ingresaron na Orde de Santiago e na Orde de Carlos III. As súas armas traen, en campo de azur, unha aguia parda, da súa cor, voante coroada e armada de ouro. Algunhas variantes levan, en campo de azur, unha aguia de prata. Outras, en campo de ouro, unha aguia de goles, membrada de sable e superada dunha flor de lis de goles. Hai algunha que trae, en campo de sinople, unha aguia de prata, coroada do mesmo metal, rezando no xefe a sentenza en letras de sable: “Aguiar por más valer”. Outras variantes levan, en campo de prata, unha aguia de sable, ás veces co engadido, no bordo de ouro, dun cordón de San Francisco. Finalmente, outras levan, en campo de azur, unha aguia da súa cor grifada de ouro.