Airiños do Parque de Castrelos
Grupo de gaitas vigués. A historia desta formación musical está intimamente ligada ao grupo Airiños da Nogueira, xa que este daría orixe ao grupo Airiños do Parque de Castrelos no 1946. Cuarteto integrado por Severo Davila, Enrique O Merello, Juan González e Manolo Davila, verá alterada a súa formación coa incorporación de Wenceslao Cabezas Polo que dende ese momento converteríase na voz do grupo. A década que vai do 1955 ata o 1966 supuxo para Airiños do Parque de Castrelos unha etapa de continuas substitucións dos compoñentes e cambios na súa estrutura instrumental, xa que o cuarteto se converte en quinteto coa inclusión da pandeireta e a substitución da caixa, moi empregada por aquel entón nos grupos tradicionais, polo tambor. Airiños sempre tivo unha forte vinculación co baile, en concreto con Coros e Danzas da Sección Femenina, que posteriormente se integraría no Concello de Vigo baixo o nome de Escola Municipal de Danza, e Coros e Danzas de Redondela, xa no 1993. A calidade musical de Airiños do Parque de Castrelos leva ao grupo a ser considerado un histórico dentro das formacións da súa categoría. En 1993 reciben a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo e o título de Vigueses Distinguidos. Participan con frecuencia en todo tipo de actos populares ou institucionais e en festivais de Galicia, así como en diversos festivais europeos. Outros compoñentes ao longo da súa historia foron: Crispín O Moneco, Ricardo Silveira, Manolo Figueroa, José Pérez e José Fernández.