Akhenaton ou Amenofis IV

Akhenaton ou Amenofis IV

Faraón (1379-1362 a C) do Imperio Novo, un dos últimos da XVIII dinastía. Fillo de Amenofis III e da raíña Tiy (ou Tiyi), tivo a coñecida Nefertiti como esposa principal. Non se sabe con certeza se cogobernou asociado ao trono do seu pai durante os catro primeiros anos do seu reinado. Residiu en Tebas e Malgatta. Durante o período inicial do seu goberno tentou facer chegar a un compromiso os sacerdotes de Ammón, que acadaran un gran poder fáctico nas estruturas de poder político do Imperio Novo. Ao non acadar o entendemento esperado, rachou con eles tralo seu primeiro xubileo. Seguindo o exemplo dos seus predecesores, tentou apoiarse nos servidores do Deus Sol de Heliópole, estando certos elementos da súa reforma, unha herexía de feito, inspirados no culto heliopolitán. Contra 1374, sexto ano do seu faraonado, sendo xa seguidor do deus Atón, cambiou o seu nome de Amenofis   polo de Akhenaton (‘Aquel en que se comprace Aton’ ou ‘útil para o disco solar’) e abandonou Tebas, a cidade de Ammón, por ‘Amārna (Tell al-’Amārna), urbe de nova planta á que dá o nome de Akhenaton (‘Horizonte de Aton’), e á que traslada a administración central; dende a nova capital desenvolve unha actividade proselitista, traducida no terreo relixioso na construción de templos dedicados a Aton por todo o Exipto e no peche de santuarios doutras divindades. A relixión atónica pretendía que fose recoñecida por todos a universalidade de Aton como Creador, cunha mística que tentaba atraer o amor da humanidade cara ao Deus, de carácter paternalmente protector. Moitos quixeron ver na experiencia de Amãrna o primeiro gran sistema relixioso monoteísta, mesmo unha das orixes do Cristianismo. O propio Akhenaton instruíu os seus funcionarios sacerdotais e os artistas, para propiciar un estilo artístico que, se ben nidiamente exipcio, non segue a rixidez na norma que caracteriza ao canónico doutros períodos, estando significativamente caracterizado polo naturalismo. Deste período proceden algunhas das máis sobranceiras obras artísticas do antigo Exipto, que non deixarán de influír formalmente na arte posterior. Coñecemos algo da literatura do período, sobre todo himnos a Aton de autoría atribuída ao propio faraón, e dos que derivan certas pasaxes bíblicas, pertencentes ao Libro dos Salmos. A situación política non estaba preparada para unha reforma de tales dimensións nin dentro nin fóra das fronteiras de Exipto: o Imperio Exipcio, confiado a gobernadores que pactaban con príncipes estranxeiros satélites, corría perigo de se dislocar, o que desaxustaba a vida económica e social tamén no interior do país. Akhenaton, concentrado nas reformas internas, despreocupouse excesivamente dos asuntos de Siria-Palestina, como o demostran as cartas de Amārna, caendo en mans hititas a maior parte das posesións exipcias. Semella que nos últimos tempos do seu goberno separouse da súa muller Nefertiti, para tentar unha reconciliación co clero tebano por medio do seu correxente e efémero sucesor Smenkérê, a quen á súa vez sucedeu Tutankhamón, faraón moi novo que cede aos desexos do clero de Ammón, e que retorna ao antigo culto. Akhenaton foi recordado, ao igual que os outros faraóns da casa de Amãrna, como unha abominación polas xeracións posteriores, que tentaron destruír toda a memoria do episodio, mesmo a cidade e o seu corpo, privándoo da inmortalidade que prometía a relixiosidade exipcia.

Palabras veciñas

Akh ar, | Akhatovna, Isabella | Akhelōos | Akhenaton ou Amenofis IV | Akhetaton | akhiana | Akhila I