alano -na
(
-
adx
Relativo ou pertencente aos alanos.
Ex: As tribos alanas procedían do Cáucaso.
-
s
Individuo pertencente a algún dos pobos alanos.
-
s
[ETN/HIST]
Confederación de pobos nómadas de procedencia escita, no norte do Cáucaso, posiblemente emprazados entre Europa e Asia, ao leste do río Don e do Bósforo, onde vivían como mercenarios ao servizo das colonias gregas de Asia Menor. Foron coñecidos por gregos e romanos como sármatas. Mesturáronse con poboacións iranianas das que conservan a lingua e algúns costumes. No s I d C localízanse en zonas do Danubio. A partir do s III únense a ostrogodos e hunos realizando incursións de saqueo nas provincias orientais do Imperio Romano (Armenia e Asia Menor). Penetraron sucesivas veces en territorio romano; así mesmo, durante algúns anos do s IV estiveron confederados co imperio. Finalmente, no 406 invadiron a Galia por Maguncia. Un grupo deles, unidos a suevos e vándalos, chegou a Hispania no 409 polos pasos occidentais dos Pireneos, establecéndose na Lusitania e na Cartaginense. No ano 418 foron derrotados polos visigodos e empurrados primeiramente cara á Bética, onde quedaran os vándalos, marchando logo ambos pobos ás Baleares para pasar despois ao norte de África. Os que quedaron ao norte do Cáucaso foron cristianizados polos bizantinos e probablemente combateron aos turcos. Estiveron ás ordes de Roger de Flor, a quen asasinaron no 1305. Resto dos alanos son os actuais osetios do Caucaso medio. Nunca constituíron un reino organizado e desapareceron en África fusionados con outros pobos.