alcalde

alcalde

(< ár al-qā-dī ‘oxuíz’)

  1. [DER/ADM]
    1. s m

      Presidente do concello, da comisión de goberno e xefe da administración municipal en funcións executivas. Corresponden ao alcalde todas as facultades de goberno e administración do municipio non reservadas expresamente ao concello en pleno ou á comisión de goberno, e as que esta delega nel.

    2. alcalde de barrio Persoa nomeada polo alcalde que nas zonas periféricas ou afastadas do núcleo urbano o representa; adoito nun poboamento concentrado, no que o alcalde de barrio exerce as súas funcións como delegado administrativo local. Actualmente as súas funcións son asumidas polas xuntas de distrito.

    3. alcalde pedáneo Alcalde que preside unha entidade local menor, designado entre os seus rexedores polo alcalde do concello do que esta entidade forma parte. Ten as competencias que corresponden a un alcalde, limitadas ao territorio da entidade local menor.

    4. tenente de alcalde Rexedor do concello, nomeado polo alcalde para exercer funcións delegadas, ben en relación con determinados servicios, ben nunha parte do territorio municipal. Son nomeados entre os membros da comisión de goberno, se a hai, ou entre os rexedores, segundo unha orde xerárquica e correlativa de acordo coa que substitúen o alcalde nos casos de ausencia, enfermidade ou calquera outro impedimento.

    1. s m

      A denominación de alcalde comeza a constar documentalmente a finais do s XI, ao longo do s XII convive coa latina xuíz, ambas distribuídas entre os varios tipos de funcionarios municipais. Semella estar inspirada nos cadis (al qadi) dos consellos das entidades de poboación árabes. Durante a Idade Media identifícase co xuíz ou “xustiza” por exercer funcións de xudicatura en determinadas vilas, aínda que, polo xeral, non era máis ca un xuíz con carácter especial; paulatinamente aumentou as súas competencias municipais, mais cómpre lembrar que no s XVII cando se publicou O Alcalde de Zalamea, o funcionario mantén características esenciais das súas primitivas funcións. A finais da Idade Media os xuíces ordinarios nas vilas eran os alcaldes, ao tempo que individuos dos concellos. Durante a Idade Moderna, xa a partir de mediados do s XV, os rexedores municipais das cidades episcopais presentaban ao bispo os candidatos a alcalde ordinarios, dos que elixía dous, sempre procurando evitar que fosen elixidos directamente polo prelado. De calquera xeito, o cargo ficou acaparado por unha oligarquía que posuía tamén os de rexedor e mesmo o de procurador. Coa Constitución de 1812 os alcaldes deixan de asumir ese duplo carácter, quedando reducidos ao exercicio de funcións administrativas ao se crearen xuíces letrados aos que se lles encomendan as funcións xudiciais. Tradicionalmente, a sociedade rural galega non tivo unha valoración, a figura do alcalde -e, por extensión, da institución municipal-, o que provoca actitudes que van dende o trato irónico á insubmisión; esta situación remite en tanto se vai conformando un ordenamento municipal acorde coa realidade xeoeconómica e social de Galicia, nomeadamente no mundo rural. Dende a instauración da democracia en España e a celebración dos primeiros comicios municipais no 1979, os alcaldes dos concellos galegos son elixidos polas corporacións municipaisque resultan da expresión da vontade popular a través do sufraxio, o cal outorga máis credibilidade e achega aos cidadáns a figura do alcalde, que se converte nun personaxe fundamental no escenario político do país, adoitando ser representantes destacados noutras institucións de rango superior alleas á administración local, ben no Parlamento de Galicia ou nas Cortes (Congreso dos Deputados e Senado). O carácter carismático que reviste a figura do alcalde, favorecido por un sistema municipal de corte presidencialista no cal esta maxistratura acapara moitas funcións en exclusiva, fai que nalgunhas ocasións a súa estratexia electoral se basee máis en enfatizar as súas virtudes persoais coma xestor e interlocutor con outras administracións que en presentacións ideolóxicas, que fican nun segundo plano do debate. Isto provoca o fenómeno de que nas eleccións municipais os resultados non responden ás tendencias de evolución política do electorado en procesos de ámbito máis amplo, e mesmo o éxito de candidatos alleos aos grandes partidos que dominan o panorama político xeral.

    2. Alcalde da Irmandade Durante a Segunda Guerra Irmandiña, encargado da dirección dos irmandiños no ámbito local. Cun grupo de cuadrilleiros ao seu mando, tiña a función de manter contacto directo cos participantes nas distintas poboacións, comunicando e facendo cumprir as ordes dos capitáns e dos deputados da Irmandade. No rural, nomeábase un alcalde coa súa cuadrilla por cada dúas ou tres freguesías, ou, segundo outras fontes, por cada catro ou cinco, sendo o máis seguro que estivese en proporción co número de habitantes.

    3. [MAR]

      alcalde do mar

    4. Alcalde Maior meiriño.

    5. Alcalde Maior da Audiencia do Reino de Galicia Xunto cos oidores, e os intendentes a partir do s XVIII, era o oficial encargado pola Coroa de Castela de transmitir aos órganos de goberno do Reino de Galicia os designios da Coroa e os seus distintos Consellos. O establecemento deste tipo de funcionario en Galicia respondeu ao desexo de integrala na Coroa de Castela rematando coa irredenta nobreza galega. O primeiro foi Garci López de Chinchilla, nomeado polos Reis Católicos con poderes extraordinarios e encargado, xunto co Gobernador Xeral Fernando de Acuña, do artellamento da Audiencia Xeral do Reino de Galicia como tribunal colexiado presidido polo Gobernador-Capitán Xeneral a partir do 1531. Antes do s XVIII só o 2% dos nomeados para o cargo eran galegos; durante esta centuria, o 15%.

    6. Alcalde Maior do Reino de Galicia Funcionario nomeado pola Coroa como letrado para o asesoramento nas funcións xudiciais do corrixidor. Aparecen xa en Galicia durante o reinado de Enrique III de Trastámara como lugartenentes do adiantado ou substitutos letrados seus, funcións que manterán ata o establecemento do corriximento, institución á que auxiliarán, habendo nas grandes cidades dous alcaldes maiores en auxilio do corrixidor, con atribucións na xurisdición civil e na criminal, se ben non se adoitou acudir a eles. A súa función primordial foi rematar cos abusos da nobreza e facer respectar o poder real, podendo entrar en todas as casas fortes e pazos de Galicia. O establecemento do cargo acadou relevancia por constituír unha primeira división de poderes, antes acumulados no cargo de Adiantado Maior do Reino de Galicia. Logo da morte de Enrique III no 1406, ben que se mantiveron os cargos de corrixidor e alcalde, o adiantado usurpou os seus poderes. Coas reformas administrativas da monarquía autoritaria dos Reis Católicos, tendentes a un absolutismo centralizador, dáselles maiores atribucións aos funcionarios reais co fin de someter á nobreza, particularmente a galega. No 1484 noméase Alcalde Maior do Reino de Galicia ao licenciado Antonio Cornejo “porque ese dito reino estea provido de xustiza e haxa nel persoa que a administre”: no 1486 creouse en Galicia un tribunal colexiado para intervir en todo tipo de cuestións en segunda e aínda primeira instancia, cun grupo de funcionarios vidos de Salamanca. Carlos I no 1543 regulamenta nunhas Instrucións o estatuto e funcións dos alcaldes maiores como auxiliares do corrixidor ou os seus lugartenentes e substitutos na súa ausencia. A medida que avanza o absolutismo e o centralismo monárquico, os alcaldes maiores desenvolverán unha actuación máis dependente da Coroa.

  2. [ADM/RELIX]

    alcalde parroquial

  3. alcalde de monteira

Frases feitas

  • Ser alcalde de vara verde. Dise de quen é novel.

Refráns

  • Alcalde de aldea, o que queira selo, que o sexa.
  • Alcalde de monteiriña ¡ai, se cargado te pilla!
  • Alcalde de vara verde e muller de pouco importa non hai que fiar deles cousa.
  • Alcalde novo, todo é xusticia / todas son leis.
  • Alcalde, nin de balde.
  • Coraxudo alcalde é este, que a tódalas donas prende.
  • De alcalde a verdugo mirade como subo.
  • Non ornearon en balde un alcalde e outro alcalde.
  • Padriño de voda e alcalde de aldea, o demo que o sexa.
  • Por faIta de homes bos a meu pai fixeron alcalde.
  • ¡Deus te garde de alcalde novo e de escribán vello
  • ¡Deus te libre de alcalde novo e de escribán vello!