alcume

alcume

(< ár al-kuniâ ‘sobrenome’)

  1. s m [LING]

    Tipo de antropónimo engadido ao nome dunha persoa ou mesmo a todos os membros da mesma familia que vén motivado por algunha atribución persoal: particularidade física, moral, biográfica ou profesional. Nunca substitúe o nome propio e non se transmite legalmente por filiación. Moitos dos nosos apelidos actuais tiveron a súa orixe en antigos alcumes. A súa tipoloxía é variada, aínda que podemos establecer unha serie de grupos principais: 1) cargos, dignidades, oficios e posición social: o Conde, o Infanzón, o Xuíz, o Carpinteiro, a Mestra; 2) calidades físicas ou morais: o Grande, a Cega, o Santo, a Gorda, o Lambón, o Olliños, o Risiñas; 3) animais: o Cabalo, a Vaca, a Ra, a Rata, o Porco, o Cágado; 4) vexetais: o Nabo, o Figo, o Repolo; 5) personaxes famosos: o Vampiro, o Bebetinho, a Pantoxa. A efectos de funcionalidade pódense considerar tamén como alcuños os que teñen a súa orixe en topónimos: Pepe de Redondela, María de Carnota, Pinto de Herbón ou en patronímicos: Antón o do Luís, Xavier o de Xoana, etc.

    Ex: Ese rapaz que ti coñeces ten o alcume de “negro” polo moreno que está.

    Sinónimos: alcuño. Confrontacións: sobrenome.
  2. s m [INFORM]

    Nome escollido por unha persoa, ou mesmo por un grupo de persoas, para identificarse a si mesma nunha rede informática. O seu uso máis común dáse nas conversas en tempo real (chats) a través do ICQ ou o IRC. A intención do usuario é permanecer no anonimato fronte a outros navegantes, tanto no referido ao nome real coma ao sexo.

    Sinónimos: alcuño.

Formas incorrectas

mote

Refráns

  • Nin alcume que escoza nin burla que doia.
  • Por un can que matei, matacáns me chamaron e en matacáns quedei.

Palabras veciñas

Alcuéscar | Alcuíno de York | alcumar | alcume | alcuñar | alcuño | Aldabra, illas