Alemaña
Estado de Europa central que limita ao O cos Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo e Francia, ao S con Suíza e Austria, ao L coa República Checa e Polonia e ao N con Dinamarca e o mar Báltico [357.021 km2; 82.012.000 h [estim 1997]). A capital é Berlín.
A xeografía física
O relevo e a xeoloxía
Ó estudar o relevo de Alemaña adóitase distinguir tres grandes unidades rexionais: ao sur, unha rexión alpina e prealpina (Hochgebirge); máis ao norte, unha rexión montañosa de transición, extensa e variada, formada por un conxunto de macizos e depresións de gran complexidade orográfica (Mittelgebirge); e por último a rexión setentrional (Norddeutsches Tiefland), que é o sector alemán da gran chaira do N da Europa central. O Mittelgebirge está constituído por antigas serranías hercinianas, formadas durante o Carbonífero e igualmente anuladas pola erosión posterior, cubertas durante o Secundario por unha serie de transgresións mariñas e lacustres. Durante o Terciario tivo lugar un novo proceso oroxénico, o pregamento alpino, que atinxe á rexión montañosa do S (Hochbirge) e que produciu tensións no zócolo herciniano que provocaron unha serie de dislocacións e de fosas que orixinaron o peculiar relevo do Mittelgebirgue. A secuencia das glaciacións acabou de configurar, nos trazos esenciais, o relevo das rexións alemanas: as zonas montañosas do S constitúen un sector de intensa erosión glacial, namentres que a chaira do norte acumulou materiais morrénicos e glacio-fluviais. O Hochgebirge, no S, está formado por unha estreita fachada montañosa, que se estende de L a O, ao longo duns 250 km, e que separa Alemaña de Austria. Numerosos vales escavados polos ríos alpinos que proveñen de Austria (Iller, Lech, Ammer, Isar, Inn, Alz, Salzach) atravesan transversalmente estas serranías prealpinas, e separan tres conxuntos ben diferenciados: os Alpes de Allgäu, ao oeste do Lech; os Prealpes de Baviera, entre o Lech e o Inn e os Prealpes de Salsburgo, ao leste do Inn, que penetran xa en Austria. As altitudes non superan os 3.000 m. Ao N desta fachada alpina, unha zona de transición -o altiplano bávaro- descende lentamente cara ao val do Danubio. Dentro do Mittelgebirge pódense distinguir catro grandes unidades morfolóxicas: o sudoeste alemán, os macizos escarpados renanos, o Bergland de Hesse e Wesfalia e o Bergland de Saxonia. O sudoeste alemán ten como eixe o val do Alto Rin, situado entre os Vosgos ao O e a Selva Negra ao L. Cara ao norte o Rin, que discorre cara a Maguncia (Mainz), penetra nos macizos renanos. Os vales (Rin, Lahn, Mosela) encaixados e pintorescos, contrastan vivamente co relevo monótono do macizo. Ao L do macizo renano, esténdense cara aos macizos de Bohemia unha serie de pequenas unidades topográficas, de estrutura irregular, que forma un conxunto heteroxéneo, unificado polo río Weser e os seus afluentes, o Werra e o Fulda, que se denomina Bergland de Hesse e de Westfalia. Cara ao L, xa na área de drenaxe do Elba, encóntranse as últimas unidades do Mittelgebirge: o Bergland de Turinxia e o de Saxonia. O primeiro constituído por dous conxuntos montañosos: o Harz, macizo herciniano elevado por unha serie de fallas, e a Selva de Turinxia, ramificación do macizo de Bohemia. Finalmente, o Bergland saxón é unha rexión montañosa de transición entre o Mittelgebirge e a chaira do norte. A Norddeutsches Tiefland é a extensa chaira setentrional, cuberta cunha espesa capa de sedimentos moles (arxilas, areas, aluvións), onde a pegada do glacial é moi visible. As tres fases da expansión glacial (glaciacións de Eslter, do Saale e do Vístula) orixinaron os únicos relevos perceptibles nesta zona: Lünneburg, aliñamentos de outeiros de Brandenburgo e Mecklenburgo, con abundantes pequenos lagos residuais.
O clima e a vexetación
A rexión alpina ten un clima de invernos rigorosos e de veráns suaves e chuviosos. Os macizos e as concas centrais acusan un clima máis continental, namentres que na chaira setentrional as temperaturas son moderadas e son frecuentes as néboas, con abundantes precipitacións. Alemaña está situada en plena área de bosques caducifolios atlánticos e centroeuropeos. Na terra baixa da parte occidental do país dominan as aciñeiras, que nas rexións do NL son substituídas, sobre solos areosos, ácidos, por bosques de piñeiro rubio. A baixa montaña está, en xeral, cuberta por faias que máis arriba son substituídas por piñeiros. A vexetación alpina aparece principalmente nas altas montañas da parte meriodional do país, nos Alpes. A intensa acción humana reduciu fortemente a superficie dos bosques e das marismas, o que facilitou a extensión das gándaras e dos prados.
A hidrografía
A rede fluvial artéllase fundamentalmente ao redor de tres concas: a do Mar do Norte, onde desembocan o Rin, o Ems, o Weser e o Elba; a do Mar Báltico, onde destaca o Oder; e a do Mar Negro, co Danubio e os seus afluentes. O Rin nace nos Alpes, atravesa o lago de Constanza e tras recibir as augas do Ruhr, entra nos Países Baixos. O Ems, nado en Teutoburguer Wald, percorre 371 km. O Weser está formado pola confluencia do Werra e mais do Fulda, atravesa as montañas do Weser e entra na chaira setentrional. O Elba nace en Bohemia, recibe a contribución do Mulde, Saale e Havee e conecta cunha extensa rede de canles navegables que o comunica co Oder, que marca gran parte da fronteira entre Alemaña e Polonia. O Danubio percorre 647 km por territorio de Alemaña: nace na Selva Negra, bordea o Xura de Suabia e o Xura de Franconia, recibe unha serie de afluentes (Iller, Lech, Isar, Inn) e penetra en Austria por Passau.
A xeografía económica e a economía
Os sectores produtivos
A agricultura, moito máis importante no sector oriental, ten, no conxunto, escasa importancia e supón o 7,5% dos activos de Alemaña. As principais producións son os cereais (trigo e cebada), a remolacha azucreira e as patacas. No Mittelgebirge, ou Alemaña Media, é onde a agricultura é máis importante. Pódese tamén citar a riqueza das rexións de Leipzig, Halle ou a Baixa Saxonia, especialmente axeitadas para a agricultura pola súa constitución. As características principais da agricultura alemá son o policultivo intensivo, a alta mecanización, o elevado uso de produtos químicos e unha forte presenza do movemento cooperativo (determinado na antiga República Democrática Alemana pola estrutura organizativa do réxime comunista) e elevado grao de autoabastecemento agrario do Estado, que facía que o volume de importacións sexa moi baixo. Así mesmo, hai unha importante produción forestal. A gandería céntrase principalmente no bovino (principalmente na zona alpina) e o porcino. A gandería foi tomando importancia nos últimos anos, o que fixo que se reorientase boa parte da produción agrícola á produción do consumo da cabana gandeira. As actividades industriais e extractivas son actualmente a principal fonte de ingresos de Alemaña; ocupan o 40% dos activos (44% no sector occidental). O Mittelgebinge (e especialmente as grandes concas mineiras) e as cidades portuarias do norte (Bremen, Hamburgo, Rostock, etc), que unen ao carácter comercial unha importante función industrial, son as zonas nas que o sector secundario está máis implantado. Destacan, no que se refire á actividade extractiva, as minas de carbón (antracita e sobre todo lignito) situadas principalmente na conca do Ruhr, Aquisgrán (Aachen) e o Bergland de Saxonia e Turinxia. Os sales potásicos (Baviera, Württemberg) son outro recurso mineral importante. A base histórica da actual potencia industrial alemá atópase precisamente na minería, xa que é arredor das grandes concas mineiras onde se desenvolveu unha importante industria siderúrxica, que implica o desenvolvemento doutras actividades industriais. Actualmente a siderurxia, aínda que segue a ter unha significativa importancia mundial (cunha importante concentración en Düsseldorf e Colonia -Köln-), cedeulle o seu peso dentro do conxunto económico alemán a outros sectores industriais e, moi especialmente, ao subsector do metal (sobre todo, maquinaria, automoción, mecánica de precisión e electrónica), claramente na vangarda con grandes grupos como Siemens ou AEG no campo da electrotecnia ou Volkswagen, Daimler-Benz e Opel na automoción. Outros subsectores importantes dentro do sector secundario alemán son o téxtil e a industria alimentaria. Tamén cómpre destacar un importante sector químico, vencellado a tres grandes empresas do sector (Bayer, Hoeschst e BASF). O comercio exterior está moi diversificado, pero diríxese fundamentalmente a Francia, Italia e os Países Baixos. As principais exportacións céntranse nos produtos da industria metalúrxica (cunha presenza moi importante do sector da automoción), na industria química, no téxtil e no carbón. Así mesmo, a importante industria alemá (unha das primeiras exportadoras do mundo), precisa de materias primas para o seu funcionamento, sendo precisamente este tipo de produtos os que constitúen a maior parte das importacións alemanas. A banca alemá ten un papel primordial na economía mundial. No que respecta a este sector, proliferan a banca comercial privada e as institucións de crédito; dentro do primeiro grupo, o máis poderoso, destacan o Deutsche Bank, o Dresdner Bank e o Commerzbank. No tocante aos transportes, a antiga República Federal da Alemaña presentaba unha estrutura máis desenvolvida ca a República Democrática Alemana, ben que en ambos casos o equipamento dos transportes tiña unha ampla cobertura, con máis de 10.000 km de autoestradas, dos que 8.000 pertencen á antiga RFA, e 40.000 km de ferrocarril. O tránsito marítimo ten unha especial importancia no aspecto comercial, con grandes portos como Bremen, Hamburgo ou Wilhemshaven. Cómpre citar ademais a importancia da navegación fluvial, que dispón dunha extensa rede de canles navegables e desenvolve o 20% do tráfico de mercadorías. Os principais aeroportos son os de Frankfurt, Berlín, Bonn e Düsseldorf. A moeda oficial é o marco alemán, incluída no grupo de moedas que fundaron o euro o 1 de xaneiro de 1999.
A evolución económica
A evolución económica da Alemaña estivo marcada pola súa partición en dous estados despois da Segunda Guerra Mundial. A economía da zona occidental comezou a organizarse a partir do 1946 mediante os préstamos recibidos do Tesouro dos EE UU, do Import Export Bank e, sobre todo, a través do Plan Marshall. O nacemento formal da República Federal de Alemaña, en setembro do 1949, deu lugar á aparición dunha nova política económica pulada polos economistas do grupo Ordo, capitaneado por Ludwig Erhard, que impulsou aeconomía social de mercado. Entre 1950 e 1960 a produción industrial aumentou extraordinariamente e, cando se formou a Comunidade Económica Europea, a República Federal da Alemaña atopábase xa nunha situación privilexiada entre os estados fundadores. A parte oriental de Alemaña pasou por momentos difíciles entre 1945 e 1948, dando os primeiros pasos para a reconversión a administración militar soviética. En outubro do 1949 naceu oficialmente a República Democrática Alemana, independente a partir do 1955. Todas as fontes de enerxía e todas as grandes fábricas das industrias básicas foron estatalizadas; en anos posteriores a estatalización estendeuse considerablemente ao resto do tecido industrial. O novo sistema económico, malia aos desequilibrios de infraestrutura, constituíu un éxito a nivel global, acadando o índice de crecemento máis alto dos estados socialistas europeos. Así mesmo, a Reunificación alemá (1990) evidenciou os grandes contrastes entre as dúas Alemañas; na prensa falábase dun país de dúas velocidades, que centrarían os debates económicos do período 1992-1993. En efecto, en 1993, logo de varias reunións, o goberno de Bonn e os distintos länder subscribiron un pacto de solidariedade (Solidarpakt) para consolidar as finanzas públicas que significou, na práctica, o aumento a partir de 1995 dos impostos e do incremento a curto prazo da débeda pública. O ano 1993 Alemaña sufriu a recesión económica máis grave despois da Segunda Guerra Mundial. A Treuhandanstalt (THA), organismo encargado dende 1990 da privatización das empresas estatais dos länder orientais, culminou o seu programa a finais de 1994. Nese momento privatizou de xeito total ou parcial 14.500 empresas, pechou outras 3.661 e deixou 350 que privatizaron os organismos que sucederon á THA. Malia o crecemento da economía alemana, favorecida polo incremento das exportacións, os desempregados aumentaron ao longo da década dos noventa, en particular nos länder orientais. Alemaña é un dos países que máis invisten no estranxeiro, sobre todo, nos estados da Europa oriental e balcánica: nos anos noventa os investimentos alemáns no exterior foron dez veces superiores aos investimentos exteriores en Alemaña. O conxunto da economía alemana, malia a incorporación de industriais obsoletas que procedían do sistema socialista do leste, mantivo o seu nivel de competitividade, perdido en 1993 e estabilizado no ano 1997.
A xeografía humana e a sociedade
A poboación
En 1997 a poboación total de Alemaña eran 82.012.000 habitantes e a densidade de poboación de 230 hab/km2; así mesmo, en 1995, o 86,6% da poboación alemá era urbana. No período interanual 1991-1996 o crecemento anual da poboación foi o 0,5%. Outros indicadores demográficos, que agoiran unha difícil renovación xeracional, son un crecemento natural negativo (-1,4 ‰) en 1995, provocada pola súa baixa taxa de natalidade (9,3‰) asociada a unha taxa de mortalidade máis alta (10,7‰). A lingua oficial é o alemán, aínda que se fala tamén o dinamarqués e o alsaciano. A relixión maioritaria é a protestante (41,2%), seguida pola católica (40,6%) e musulmá (3%). O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1995 situaba a Alemaña entre os países cun alto desenvolvemento humano (ocupa o posto 19 cun índice 0,925). Este indicador ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida é de 76,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 81%; e o PIB real por habitante (PPA) é 20.370. A escolarización, que se inicia aos 6 anos é obrigatoria durante nove anos (nalgúns länder 10), é universal e gratuíta. O primeiro ciclo secundario divídese en tres pólas, das que só unha (Gymnasium) permite o acceso á Universidade. O segundo ciclo secundario orienta especificamente cara a un título universitario concreto ou cara á formación profesional. Os investimentos do estado en ensino supuñan o 4,8% do PIB en 1994, e o 2,2% en investigación e ciencia. A seguridade social alemá cobre enfermidades, accidentes, pensións, invalidez, desemprego, etc.
A inmigración e as limitacións ao dereito de asilo
A evolución da poboación alemá ao longo do século XX atravesou varias oscilacións: en 1915 tiña unha poboación de 68 millóns de habitantes; logo da Primeira Guerra Mundial, esta poboación reduciuse drásticamente, recuperándose de novo en 1937. Trala Segunda Guerra Mundial, os dous estados alemáns que se crearon seguiron evolucións demográficas diferentes. A RDA diminuíu de 19 millóns en 1946 a 17 millóns no 1964 mentres que a RFA incrementou a poboación en máis de 15 millóns no mesmo período. Este aumento estivo ocasionado en gran parte polos movementos de inmigración procedentes principalmente dos países do leste, entre eles a propia RDA. A composición da poboación na actualidade está formada por alemáns (91,4%), turcos (2,4%), balcánicos (1%), italianos (0,7%), gregos (0,4%), polacos (0,3%), austríacos (0,2%) e españois (0,2%), incluíndo unha significativa colonia galega. A lexislación alemá actual establece unha distinción entre inmigrantes, que en 1994 eran 1.082.553, e estranxeiros. O número de estranxeiros era, en 1995, de 7.173.900, dos que o grupo maioritario eran os turcos. En Alemaña conviven unha Lei de Asilo que entende que todo asylbewerber (que designa tanto aos asilados económicos e políticos) ten dereito a que se recoñezan uns dereitos básicos de residencia en Alemaña, fronte a unha restritiva Lei de Nacionalidade, baseada no ius sangui, que só recoñece como alemáns aos descendentes de alemáns. Así, dáse o paradoxo de que o dereito alemán é quen de recoñecer como alemán a un alemán étnico, nacido en Rusia pero descendente dun grupo alemán emigrado hai varios séculos aínda que fale ruso para comunicarse con outros membros do seu grupo, pero non a un turco nacido en Alemaña fillo de pais turcos residentes en Alemaña que contribúen co seu traballo e cos seus impostos á construción da forte economía alemana. Na actualidade (1999) poden establecerse tres modelos diferentes de inmigrantes/estranxeiros en Alemaña: o modelo representado polos aussiedler, alemáns étnicos repatriados; ao representado pola poboación turca, nacidos en Alemaña sen dereito á nacionalidade; e os inmigrantes comunitarios, entre os cales os galegos son un exemplo salientable. Ningún destes modelos pode explicarse sen o concurso dos outros, sen embargo, este feito é evidente na relación entre os aussiedler e os turcos. A integración dos turcos en Alemaña, como demostran os definitorios indicadores demográficos (fecundidade, taxa de internupcialidade, natalidade, etc), era un feito ata 1990, o ano da unificación. A unificación alemana, o derrubamento das democracias populares orientais e a necesidade dunha integración silenciosa dos alemáns étnicos repatriados coinciden co agromar da violencia racial (ataque a un fogar de estranxeiros en agosto de 1992, incendio da casa e violación dunha familia turca en Mölln en novembro de 1992 e en Solingen en maio de 1993). Todo parece indicar, pois, que a violencia contra o turco significa a designación dunha víctima expiatoria como un paso preliminar á completa reunificación. O terceiro modelo, o inmigrante comunitario, nun primeiro momento pode asemellarse ao modelo turco, sen embargo, o afastamento verificouse ao integrarse o país emisor na Unión Europea, o que obrigaba a ambos os dous países a unificar o trato aos inmigrantes como nacionais e a homologar as lexislacións. A emigración galega a Alemaña, comezou oficialmente no ano 1960, cando os gobernos de España e Alemaña subscribiron un Acordo de Contratación de Traballadores. Este Acordo establecía un movemento emigratorio dirixido denominado en termos legais ‘emigración asistida’, promovida polo Instituto Español de Emigración. As bases ordenadoras da emigración fanse públicas na Voz de Galicia do 20 de outubro de 1960, se ben a lei en materia migratoria é de 1962. Non obstante , o desenvolvemento dunha infraestrutura educativa en Alemaña por parte do Goberno español non comezou ata o ano 1969 (O M do 28 de xullo de 1969, pola que se establece a creación do ‘Consejo Escolar Primario para la Enseñanza de Emigración’. Entre 1960 e 1967 emigraron 40.621 galegos a Alemaña. No ano 1973, no ámbito do Consulado Xeral de Hamburgo, que abrangue desde a fronteira con Dinamarca ata a franxa sur do río Elba e dende a raia con Alemaña Oriental ata Cuxhaven no Mar do Norte, un 60% da poboación inmigrante procedía de Galicia; feito que explica que en Cuxhaven a segunda fala da cidade fose o galego. Por grupos profesionais os artesáns, traballadores industriais e peóns representaban o 59,36%. En novembro de 1973 o Goberno alemán decretou o corte da inmigración obreira non procedente do Mercado Común e en 1974 freouse o emprego para os galegos chegados á RFA por reagrupación familiar. Estas novas medidas supuxeron que a xente nova que chegase a Alemaña despois do 30 de novembro de 1974 non obtiñan permiso de traballo, así, aos rapaces con 16 ou 17 anos (aproximadamente 9.000 nenos) permitíaselles estar no país pero non traballar, podendo ser expulsados aos seus países de procedencia ao chegar aos 18 anos. A partir de 1975 o Goberno abandonou a política expulsiva de man de obra orientándoa ao retorno. A corrente migratoria cara a Alemaña esmorece en 1980; a partir dese ano a emigración galega a Europa representa un continxente migratorio de 8.000 persoas anuais, dos que Alemaña é o destino do 24,33 %. O retorno de Europa significa o 60 % da totalidade de emigrantes que volven a Galicia. Malia o problema racial e a violencia xerada nos últimos anos en Alemaña, o certo é que coa súa actual taxa de crecemento demográfico, necesitan a inmigración para manter a cifra actual de man de obra. Os inmigrantes e os estranxeiros asumiron traballos que outros non aceptaban e contribúen indirectamente a crear postos de traballo para os cidadáns de pleno dereito, co cal están a axudar a reducir o desemprego e os custos sociais.
O goberno e a Administración
A República Federal da Alemaña está rexida constitucionalmente pola Lei Fundamental do 23 de maio do 1949, na que se estableceu un réxime democrático, federal e respectuoso dos dereitos humanos. A constitución dispuxo na cabeza do Estado a existencia dun Presidente da Federación, elixido cada 5 anos por unha asemblea composta polos membros do Bundestag (parlamento federal) e por un número igual de membros elixidos polos parlamentos dos länder (estados federados); é o representante internacional do Estado e propón o Chanceler ao Bundestag. A Asemblea Federal está formada por dúas cámaras: o Bundestag ou Cámara Federal (663 membros) e o Bundesrat ou Consello Federal. A meirande parte dos poderes parlamentarios residen no Bundestag que aproba as leis, elixe o Chanceler e controla o poder executivo. O Bundesrat está formado por membros dos gobernos dos länder e ten un poder de veto temporal sobre as leis aprobadas polo Bundestag. O Chanceler, en quen reside todo o peso político da RFA, é elixido, a proposta do Presidente da Federación, polo Bundestag por maioría absoluta. O Presidente da Federación nomea os ministros a proposta do Chanceler, que é o único responsable da liña política adoptada. A constitucionalidade das leis está garantida por un Tribunal Federal Constitucional (24 membros). Os länder teñen unha total autonomía en cuestións culturais e de ensino (obrigatorio entre os 6 e os 18 anos) e posúen amplos poderes en canto á orde pública, servicios públicos, prensa e cine. A República Federal de Alemaña é membro da ONU, da OCDE, da UE, da OTAN e do Consello de Europa.
Historia
Alicerces dos pobos xermánicos
En case todas as etapas do Paleolítico hai evidencias de poboamento paleolítico. Cómpre salientar a mandíbula de Mauer de Heidelberg, do Paleolítico inferior. No Neolítico, xa a partir das primeiras evidencias de actividade agrícola, pódense diferenciar varias zonas: a do Rin, a costa atlántica, a de Baviera e Saxonia e a gran chaira setentrional, sempre menos dinámica. As primeiras culturas con tecnoloxía metálica consolidáronse durante o Megalitismo e o Campaniforme. A plena Idade do Bronce recibiu as influencias do grupo de Unetice (ou Aunjetitz). A finais da Idade do Bronce foron importantes as culturas dos túmulos e dos campos de furnas (Urnenfelder) que se estenderon cara ao oeste de Europa e que representan o paso á Idade de Ferro (Hasltatt). Os antigos pobos da Alemaña comezaron a entrar na historia escrita a través dos contactos cos romanos, que darán o nome de xermánicos ao conxunto non homoxéneo dos pobos establecidos na beira esquerda do río Rin, que tiñan en común as linguas indoeuropeas, o feito de pertencer á cultura de La Tênne e certas estruturas sociais. A zona xermana renana foi ocupada por Xulio César e dividida en dúas provincias, Germania Superior e Germania Inferior, ás que se pode unir a de Retia (Raetia) e o Nórico (Noricum), entre os Alpes e o Danubio (15 a C). Aproveitando a crise do Imperio Romano, cara á metade do século III d C, grupos xermánicos comezaron o asalto dos limes, conseguindo francos e alemáns chegar á Península Ibérica. A principios do s V outros grupos xermánicos (suevos, burgundos, etc) anovaron os movementos cara ao sur tendo un papel decisivo no desmembramento do Imperio Romano de Occidente. Finalmente, a zona entre o Elba e o Rin quedou repartida entre cinco grandes grupos: saxóns, francos, turinxios, alemáns e bávaros. Perante a presión de alemáns e burgundios, os diferentes pobos francos uníronse baixo o dominio de Clodoveo (465-511). Durante o seu reinado, os francos da ribeira e as zonas sometidas máis alá do Mosa formaron o reino de Austrasia, que continúa o avance cara ao leste, colonizou a Franconia e acabou enfrontándose cos pobos eslavos e ávaros. As loitas entre Austrasia e Neustria (reino franco formado no 561) delibitaron o poder real, o que fixo que a nobreza, encabezada polos ‘mordomos de palacio’, se apropiasen dos dominios imperiais e exercesen o único poder efectivo no que é coñecido como a ‘dinastía dos mordomos de palacio’, que unifica novamente Austrasia (687) e todo o Regnum Francorum durante o goberno de Pipino de Heristal. No 751 Pipino o Breve, fillo de Carlos Martell, fíxose unxir como rei dos francos. A pesar dos foedus e contratos con Roma, a meirande parte remaneceron nas súas crenzas relixiosas orixinarias ata ben entrado o s VIII, en que se desenvolveu a grande etapa de evanxelización cristiá xermánica.
Carolinxios e otóns
Carlomagno (768-814), no centro dos dominios do que era a antiga Austrasia, consolidará as conquistas do seu pai Pipino o Breve, impoñendo a súa autoridade nos territorios xermánicos. Pero, trala súa morte o seu ideal de monarquía universal sucumbiu, dada a diversidade de pobos e as divisións provocadas pola concepción patrimonial da soberanía. O Tratado de Verdum (843) sancionou a formación dos futuros reinos de Francia (Carlos o Calvo) e da Xermania (Luís o Xermano) e da zona intermedia da Lotarinxia, punto de litixio entre os dous reinos case ata a actualidade. Nin estes monarcas nin os seus sucesores puideron evitar a sólida implantación do réxime feudal, consolidado definitivamente trala extinción da dinastía carolinxia coa morte de Luís o Xove (911), conformándose os grandes ducados nacionais de Saxonia, Franconia, Suavia e Babiera, sobre os que a coroa, electiva, non tiña máis poder ca o derivado dos territorios patrimoniais do monarca. Oton I (936-976), fillo de Enrique de Saxonia, propúxose a restauración do Imperio Carolinxio e recibiu no 962 o título de Emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Comezaba así unha longa etapa de proxectos imperiais, sempre dificultados pola atomización feudal, a falta de cohesión territorial e a resistencia do Papado e das cidades italianas á aceptación da supremacía do Emperador. O poder e a permanencia dos emperadores, enfrontados á nobreza, descansaba nos señores eclesiásticos, bispos e abades, o nomeamento dos cales se atribúen, e entre os que estaban os máis fieis seguidores da súa política. A paz carolinxia, coa relativa tranquilidade que impuxo e coa organización administrativa e fiscal, permitiu unha progresión económica e demográfica. O denominado ‘Renacemento Carolinxio’, esforzo de recuperación da cultura clásica, desenvolveu, principalmente na Renania, unha cultura eclesiástica, en gran parte monástica, moi evidenciable nas súas formas artísticas, que perviviu, con evolucións, ata conectar co Románico. A caída do Imperio Carolinxio e o período das invasións normandas e húngaras provocaron unha crise de todo o complexo político-económico carolinxio, pervivindo as súas características culturais nun ton menor e cunha gradual integración nunha cultura xa propiamente alemana.
Os casos de Franconia e de Suabia
Coa Casa de Franconia, a pretensión imperial de considerar as autoridades eclesiásticas vasalas feudais que reciban do Emperador a investidura temporal e espiritual dos seus cargos, e os abusos cometidos por Enrique IV (1056-1106) nos nomeamentos, enfrontaron á institución imperial coa reforma cluniacense. Comezou así a “loita das investiduras”, que aínda que rematou cunha transacción (Concordato de Worms, 1122), representou en Italia o fracaso da institución imperial fronte á Igrexa, e na Alemaña fronte aos grandes señores, que precisaron o soporte da pequena nobreza e da burguesía comercial das cidades do Rin. A extinción da Casa de Franconia á morte de Enrique V (1125) abriu a gran rivalidade entre o partido dos güelfos e o dos xibelinos: os primeiros, dirixidos principalmente polas casas ducais de Saxonia e de Baviera, representaban a arela de expansión cara ao leste (Drang nach Osten) e a renuncia ao dominio sobre Italia e a Igrexa; os segundos, encabezados polas dinastías de Franconia e de Suevia (Hohenstaufen) pretendían por riba de todo o mantemento da idea imperial. Soamente Federico I Barbarubia (1152-1190) puido acadar unha etapa de paz para o Imperio. Isto, sen embargo, foi cambiando ata o punto de que á morte de Enrique VI, foi o Papa Inocencio III quen coroou e destituíu emperadores, considerando o Imperio como feudo do Papado. Á morte do Emperador Federico II (1215-1250), comezando un grande interregno (1250-1273), Alemaña, carente de calquera poder central, queda definitivamente dividida nun mosaico de estados feudais, laicos e eclesiásticos, comunidades labregas libres e ligas autónomas de cidades e cabaleiros; desta complexa situación xurdirán con forte personalidade a Hansa e o primeiro núcleo suízo. Froito importante das relacións coa Europa Occidental e Meridional foron a introdución da filosofía escolástica dende Francia e do renacido dereito romano dende Italia. A introdución da chamada Orde da Cabalería, co conxunto dos seus ideais éticos, sociais e culturais, foi decisiva para a cultura deste período; fundamentándose nestes ideais, as Cortes dos príncipes territoriais alemáns convertíronse en centros de cultura laica. Nesta época produciuse a renovación da cultura monástica da man da Orde de Cluny e posteriormente da do Císter. Esta época foi a da grande arte románica alemá e, cara ao final, a da introdución do gótico de orixe francesa.
A Baixa Idade Media
Rodolfo de Habsburgo (1273-1291) poñerá fin ao interregno, desentendeuse das cuestións de Italia, evitou a intromisión papal nos asuntos do Imperio e principiou unha política baseada na consolidación dos seus dominios territoriais e no soporte ás cidades e á Hansa, mais fracasou no intento de lle dar un pouco de unidade ao conglomerado alemán. A crise do poder imperial, en calquera caso, correspondeuse cun período de remarcable vitalidade no mundo alemán (colonizacións e desenvolvemento do comercio cara ao Mar Báltico, auxe das cidades renanas, fundación das universidades de Praga, no 1348, e de Viena, no 1365), pero tamén de rivalidades internas. O emperador Sexismundo de Luxemburgo (1410-1437) tamén fracasou no seu intento de afirmar a autoridade imperial (recadación de impostos, reforma da administración, fin das guerras privadas); á súa morte (1437), o seu xenro Alberte de Austria axuntou os territorios das casas de Habsburgo e de Luxemburgo e ligou o título imperial á súa familia, pero tampouco puido contar máis que coas súas posesións patrimoniais, ben que aumentadas por unha afortunada serie de bos casamentos, que culminaron na grandiosa herdanza de Carlos V (1500-1558), a pesar do cal non puido impoñer o seu ideal de Imperio universal nin evitar a Reforma. O ascenso da burguesía, xunto co fracaso da idea imperial e a perda de rango social do estamento cabaleiresco, provocou o desenvolvemento dunha cultura burguesa en contraposición á nobiliaria do período dos Hohenstaufen. Deste período destaca a aparición dos Volksbücher (libros populares), o nacemento da escola mística renana, iniciada por Eckart, o desenvolvemento da arte gótica e, finalmente, a invención da imprenta.
A época das loitas relixiosas
Neste fenómeno non soamente relixioso senón tamén político e social, mesturáronse cos motivos teolóxicos e disciplinarios da revolta de Martín Lutero, a tendencia dos magnates a desligarse do poder imperial, o devezo da nobreza de se apoderar dos bens eclesiásticos, o das cidades de fuxir do dominio dos bispos e o das clases empobrecidas polo incipiente capitalismo (cabaleiros, labregos e menestralía urbana) de modificar a súa situación social. As inesperadas consecuencias sociais da Reforma (revoltas dos cabaleiros e dos labregos e a revolución anabaptista de Münster os anos 1533-1535), inclinaron a Lutero a prol dos príncipes que, despois de rematar coas revoltas e sobrepoñerse ás embestidas do Emperador, converteranse pola Paz de Augsburgo (1555) nos grandes beneficiarios da Reforma. O incumprimento da paz, a expansión calvinista e os intentos contrarreformistas dos xesuítas, conduciron á formación de dous bloques hostís: A Unión Evanxélica (1608), que agrupa os príncipes protestantes, e a Liga Santa (1609) dos católicos. Ambos os dous bloques enfrontáronse na Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), que convertería a Alemaña no campo de combate de todo os exércitos de Europa. A partir de finais do s XV e ata mediados do XVI, producíronse en Alemaña dous feitos decisivos para a súa cultura, de talle e resonancia universais: o Renacemento e a Reforma. O primeiro, orixinario de Italia, penetra na Alemaña ao comezo deste período da man do holandés Erasmo de Rotterdam e de Ulrich von Hutten, madurecendo un xeito peculiar de humanismo alemán. A Reforma de Lutero entrará en contacto de xeito dialéctico co humanismo, sendo hostís a ela os máis dos humanistas. En calquera caso, a idea reformista de que a ignorancia era o gran mal para a verdadeira relixión foi moi positiva para a difusión da cultura. As universidades protestantes foron o gran centro de cultura e de polémica. A tradución da Biblia de Lutero fixo posible por primeira vez o acceso de grandes masas de poboación á cultura escrita. A reacción católica coñecida como Contrarreforma, tivo a súa expresión máis notable na creación dos colexios dos xesuítas e na acción dos confesores desta mesma orde sobre príncipes e magnates.
A Alemaña da Paz de Westfalia
A intervención no conflito da potencia francesa, que ao mesmo tempo inmobilizaba España coas insurreccións de Portugal e Catalunya, así como o cansazo da loita, conducirán á Paz de Westfalia (1648), que arruinou definitivamente a unidade alemá e dividiu o imperio en 350 estados independentes, con dereito a facer guerras, paces e alianzas sen o consentimento imperial. Un novo estado, Prusia, amosábase cada vez máis potente, sobre todo grazas á enerxía de Federico Guillermo I (o Grande Elector, 1640-1688). Dentro do conglomerado alemán, Prusia pasou a disputar a hexemonía a Austria. Produciuse así dentro da Alemaña a oposición entre Austria, católica e cesarista, e Prusia, protestante e aberta ás novas ideas do Despotismo Ilustrado; a vitoria prusiana na Guerra dos Sete Anos (1756-1763) e a súa mellor organización política e militar, déronlle a preponderancia sobre os estados alemáns, dos que Austria foi quedando cada vez máis illada. Ao mesmo tempo, Federico II protexeu as ideoloxías ilustradas e, se ben el foi completamente afrancesado na súa cultura, as ideas dos filósofos produciron nos pequenos estados protestantes un realzamento do espírito alemán, e comezou a tomar forma a conciencia dunha unidade, por contraposición ás divisións relixiosas e políticas. O triunfo político de Francia, que vivía o seu gran século, elevou a este país á categoría de exemplo e de modelo, a miúdo imitado servilmente polos príncipes alemáns, constituíndo estes os centros de cultura característicos desta época. Neste período fundáronse, baixo a protección principesca, as principais academias alemanas, e aparece o primeiro gran período da música en Alemaña (Bach, Telemann, Händel). O Racionalismo francés orixinou, por unha banda, o inicio do desenvolvemento da ciencia físico-matemática moderna e, por outra banda, achegou Alemaña os fundamentos da Aufklärung ou Ilustración alemana. A Aufklärung, en principio universalista e filantrópica, produciu o complexo cultural que ten sido cualificado de prusianismo. Sonlle característicos un certo cosmopolitismo e unha receptividade cultural, unha actitude profundamente laica, unha exaltación do estado como o punto de converxencia dos valores e das aspiracións sociais, un senso ético fundamentado na disciplina, na austeridade e na renuncia persoal, etc. As universidades alemanas, dominadas pola teoloxía protestante ou a católica, adquiriron un forte desprestixio durante o s XVII, pero a partir do s XVIII comezaron a asumir unha función directiva na vida intelectual alemana. Dentro da segunda metade do s XVIII, a Ilustración produciu figuras da importancia de Lessing e de Wieland, ata rematar en Kant. Máis tarde, na mesma época do desenvolvemento do Aufklärung, comezou a debuxarse, como en Europa en xeral, unha reacción complexa e difícil de definir, inserida dentro do concepto xeral de prerromanticismo. Esta reacción, dirixida contra a sequidade e frialdade da versión corrente da Ilustración e contra a súa esterilidade como elemento de progreso social de figuras como Jacobi e Herder, culmina literariamente no Sturm und Drang.
As guerras revolucionarias e a reacción
A Revolución Francesa foi seguida con entusiasmo entre os intelectuais e artistas alemáns. A realización dos novos ideais revolucionarios, encontrouse en primeiro lugar coa atomización do pobo alemán nunha manchea de pequenos estados feudais. As clases dominantes reaccionaron coa natural alarma. Francisco II, Emperador dende 1792, e o Rei Federico Guillermo de Prusia iniciaron sen éxito unha longa guerra contra o novo estado francés. A pesar disto, Napoleón foi finalmente expulsado de Alemaña (1813). O longo período de guerras e, sobre todo, a derrota de 1805, desfixeron o Sacro Imperio Romano-Xermánico. Durante a guerra, o mapa político mudou profundamente, xa que moitos estados se incorporaron a entidades políticas máis grandes. A reorganización foi conflitiva, por mor das diferencias entre Prusia e Austria, manifestadas no intento unificador do Congreso de Viena (1814-1815), do que resultou unha confederación cun poder central moi feble e composto por tan só 38 estados. A revolución en Francia de xullo de 1830 repercutiu en Alemaña cunha serie de movementos parellos. A realización máis interesante, cara ao liberalismo mercantil, foron as unións aduaneiras, que rematarán no 1834 co Zollverein, unión aduaneira de 33 estados alemáns, Prusia o máis salientable deles. Austria mantívose á marxe do Zollverein, feito decisivo xa que perdeu a oportunidade de ter un papel dentro do conglomerado alemán. A Revolución de febreiro de 1848 en Francia provocou que, con grandes limitacións, na maior parte dos estados, incluída Prusia, se adoptasen constitucións escritas e institucións parlamentarias. A idea nacional alemá cristalizou baixo a tradición proveniente do Rexurdimento e da Reforma, como contraposición do nacionalismo liberal da Revolución francesa. Fronte á idea de nación como estado de cidadáns, conformouse o concepto de Volksgemeinschaft (comunidade nacional), como organismo biolóxico movido polo Volksgeist (espírito nacional ou ánima colectiva), elaborado polos pensadores de finais do século XVIII e comezos do XIX, especialmente Herder, Hegel e Fichte. Caracterízase especialmente este período pola extraordinaria conmoción cultural representada polo Romantismo que, se ben na orixe non era máis que un movemento puramente alemán, converteuse na primeira gran contribución de Alemaña á cultura europea dende os tempos de Lutero. Coexistiu co Romanticismo o Clasicismo de Weimar, que foi aceptado, -e diversamente interpretado-, por todos os movementos desta época e das posteriores.
O proceso de unificación política
O acceso de Napoleón III ao poder en Francia, ao facer renacer a lembranza das invasións napoleónicas, foi motivo dunha entente entre os estados alemáns, sobre todo entre Austria e Prusia. Ao comezo do decenio 1860-1670, nun momento agudo do conflito entre parlamentarios e militares, o Rei de Prusia encomenda a dirección do goberno a Bismarck (1862). Bismark realiza, no curso dun dilatado período de goberno, de arredor de trinta anos, a ambición prusiana de establecer a hexemonía sobre os estados alemáns e crear así as bases da unidade alemana. Despois de establecer relacións de confianza con Rusia e Francia, en 1864, Prusia, aliada con Austria, declarou a guerra a Dinamarca para recuperar os ducados alemáns de Schleswig e de Holstein para a Confederación. A administración destes ducados deulle motivo a Bismark para desencadear unha guerra contra Austria, que terá como resultado a disolución da Confederación Alemana, e que rematará coa vitoria de Sadova (1866). O ano 1867 foi constituída, coa exclusión de Austria, a Confederación de Alemaña do Norte, da que foi nomeado Presidente o Rei de Prusia. Bismark preparou coidadosamente cada conflito armado, que comezou polo illamento diplomático do inimigo do momento. A derradeira manobra foi a guerra contra Francia. Aproveitando a onda de entusiasmo que a espectacular vitoria sobre Francia produciu en todo o pobo alemán, o Rei de Prusia, Guillerme I, foi proclamado Kaiser (Emperador) da Alemaña en xaneiro do 1871, no Salón dos Espellos do Palacio da Versalles ocupada. O período comprendido entre marzo de 1848 e 1871, foi o período de nacemento na evolución do pensamento e da ciencia alemáns. A continuidade da filosofía idealista chega ao seu cume con Hegel e contribuíu, dun xeito decisivo, xuntamente con outros elementos de moi diversa procedencia á síntese das ideas de Karl Marx e Friedrich Engels. Os estudios históricos e lingüísticos coñeceron un período de eclosión e posteriormente acadaron unha grande influencia, namentres que a expansión industrial impulsou a investigación no campo das ciencias naturais, puras e aplicadas. O illamento e posterior exclusión de Austria da política alemana, deixou o movemento de unificación nacional baixo o impulso de Prusia.
O Imperio alemán
A partir da proclamación do Reich (imperio), a atención de Bismarck, xa chamado o Chanceler de Ferro orientouse principalmente cara á consolidación do novo sistema. Os conflitos cos católicos de centro e co puxante movemento socialista foron os problemas claves que debeu afrontar na política interior. Na orde exterior, Bismarck dedicouse á expansión ultramarina, conquistando entre outros o Camerún, Tanganica, Togo e Suráfrica. A morte de Guillerme I (1888), marcou o inicio do declive de Bismarck que non se vai entender co novo Kaiser, Guillerme II, e en 1890 Bismarck deberá demitir. Os que o sucederon no cargo non chegaron a facerlle sombra e durante todo o seu reinado Guillerme II foi directamente responsable das principais decisións políticas. As principais características do seu reinado foron a continuidade da política colonizadora, unha importante expansión económica, sobre todo industrial, feita a costa dos traballadores, (inclinados cada vez máis cara ao socialismo), e un reforzamento do exército e o alto estamento militar cun papel político cada vez máis importante. A partir do 1900, o imperialismo militarista alemán soñará cunha Europa Central integrada baixo a súa influencia, isto é, baixo a supremacía do pobo alemán, desvelada polo panxermanismo. Esta idea conduciu a unha estreita relación co imperio austríaco, e a unha contraposición co movemento paneslavista. Sobre esta base xurdiu unha coincidencia de intereses entre Alemaña, Austria e Turquía; fronte a este bloque xurdiu a Triple Alianza, constituída por Rusia, Francia e Gran Bretaña. A situación entre os dous bloques, durante os anos que preceden á Primeira Guerra Mundial, foi definida coa expresión ‘paz armada’. A morte nun atentado do Arquiduque Francisco Fernando, Príncipe herdeiro da coroa austríaca, o 28 de xuño de 1814, foi o pretexto que desencadeou a Primeira Guerra Mundial, rematada o outono de 1918 coa desfeita, non soamente do estado alemán, senón tamén do réxime imperial. As causas da derrota foron a febleza interna do mesmo imperio e dos imperios austríaco e turco, o illamento diplomático no que o Imperio Alemán se situara nos anos anteriores ao conflito e a intervención decisiva dos EE UU. Un último factor foi a inestabilidade interna pola dureza da guerra, as malas colleitas de 1916 e de 1917 e o exemplo da Revolución Soviética en Rusia de outubro de 1917. A finais de setembro do 1918, o exército alemán demandou o armisticio, mais, antes de que rematasen as negociacións, a revolución era inminente. O Kaiser Guillerme II fuxiu a Holanda e o Chanceler, o Príncipe Max de Baden, cedeu o poder ao Partido Socialdemócrata. O líder deste partido, Friedrich Ebert, formou un goberno provisorio nomeado Comité de Comisarios do Pobo. O exército e os sectores conservadores déronlle apoio ao novo goberno para conter o desencadeamento da revolución, que foi finalmente reducida ao comezo de 1919. Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht, líderes revolucionarios, foron executados en xaneiro deste ano. Na fin do século XIX e no comezo do XX xurdiu, en parte como a reacción contra a rigorosidade e a austeridade da vida alemá e en parte como consecuencia de múltiples influencias exteriores, un conxunto de ideas irracionalistas e radicais que conformarán o fin de siècle alemán, que irradiou ao exterior e constituíu despois da Reforma e do Romanticismo, unha das épocas de expansión da cultura alemana, (Nietzsche, Jungedstill, ‘a arte pola arte’, etc). Deste período de apoxeo nacerán, xa próxima a Primeira Guerra Mundial, os movementos que na filosofía, na literatura e na arte -principalmente na arquitectura-, iniciaron a cultura contemporánea (o expresionismo, as vangardas plásticas, o funcionalismo, etc).
A república de Weimar e o nacionalsocialismo
O mes de febreiro de 1919 reuniuse en Weimar a Asemblea Nacional constituínte, elixida por votación popular; Friedricht Ebert foi elixido Presidente da República. Pouco despois, o Tratado de Paz de Versalles impoñía a Alemaña un duro castigo, tanto territorial (perda das colonias e de Alsacia e Lorena, entre outros), como económico (foi condenada a pagar os gastos da guerra) e militar (a actividade militar queda moi limitada. A todo isto hai que engadir unha serie de conflitos internos provocados por unha forte reacción nacionalista -en novembro de 1923, un dos principais mandos militares da Primeira Guerra Mundial, o Xeneral Ludendorff, e Adolf Hitler tentaron lanzar a revolución nacionalsocialista en Múnic (München) o denominado ‘putsch de Kapp-Lutwitz (1920) e de Hitler (1923)-. Por outra banda, a economía resentíase dunha inflación extraordinaria, que conduciu á total perda do valor da moeda no remate de 1923. Por parte das potencias vencedoras houbo unha tendencia a axudar ao desprestixiado réxime parlamentario de Weimar, o que favoreceu unha breve recuperación económica, que cambia de signo en 1929, coa gran crise económica capitalista. As eleccións de 1930 amosaron o grande avance dos nacionalsocialistas, encadrados no NSDAP (Nazionalsocialist Deuscht Arbeiter Partei, Partido Nacionalsocialista dos Traballadores Alemáns) e dos comunistas, que acadaron, respectivamente, a segunda e a terceira posición no Reichstag, dentro dunha República xa en crise terminal. O nacionalsocialismo continuou avanzando e o trinta de xaneiro do 1933 o ata daquela Presidente Hindenburg, designa a Hitler para o cargo de Chanceler. En poucas semanas os nazis acaparan totalmente o poder. As eleccións parlamentarias do 5 de marzo de 1933, que lle deron o triunfo ao Partido Nacionalsocialista, constituíron a derradeira ficción democrático liberal. O día 21 do mesmo mes, en Postdam, foi proclamado o Terceiro Reich (considerouse que o Primeiro inciárase cando a proclamación do Sacro Imperio Romano-Xermánico e o Segundo fora o proclamado en Versalles no 1870). Simultaneamente, desencadeouse unha durísima persecución contra os comunistas e os xudeus; algúns sectores socialistas e católicos tamén foron perseguidos. Todas as actividades do país foron reorganizadas sobre bases totalitarias, cunha ideoloxía consistente na exaltación da supremacía racial do pobo alemán. En política exterior, o novo réxime adoptou unha actitude agresiva. En marzo de 1938 terá lugar a ocupación fulminante e a anexión de Austria (Anchluss). Un ano máis tarde, as tropas alemanas ocuparon Checoslovaquia e, en setembro do 1939, sen declaración formal de guerra, o exército alemán comezou a invasión de Polonia; posteriormente, Gran Bretaña e Francia declaráronlle a guerra ao Terceiro Reich, principiando a Segunda Guerra Mundial. A entrada no conflito da URSS e dos EE UU, durante 1941, determinou, a partir de outubro de 1942, un declive que remataou na derrota total e na ocupación de Alemaña polos aliados, en maio do 1945. A Primeira Guerra Mundial suspendera mais non acabara co desenvolvemento dos movementos da preguerra. Tal e como sucedera coas tentativas revolucionarias da inmediata posguerra de 1919, quedou consolidada a división entre os pensadores marxistas radicais que se identificaban coa revolución rusa e os socialreformistas, que propugnaban un evolucionismo democrático. Na literatura, as tendencias expresionistas axeitanse á situación de crise e confusión moral da derrota. Contra esta situación tentaron reaccionar o neohumanismo de tradición clásica alemá (Thomas Mann e Herman Hesse) e os revolucionarios marxistas (coa figura central de Bertol Brecht e a renovación do teatro), desenvolvéndose con forte pulo as tendencias de vangarda -tanto na literatura coma nas artes-, xa insinuadas anteriormente (a Bauhaus, con Gropius e Mies van der Rohe e a abstracción). Esta época crítica asistiu ao nacemento do fenómeno político, social e cultural concretado na Gleichschaltung nacionalsocialista. Este grupo de homes apoderouse de todos os mecanismos da vida social do país e intentou, no período 1933-1945, implantar unha cultura fundamentada nun nacionalismo exacerbado, provocando o exilio dunha gran parte das personalidades máis destacadas da cultura alemana.
A segunda posguerra e a división de Alemaña
As grandes potencias vencedoras estableceron na Conferencia de Postdam (1945), a división de Alemaña en zonas de ocupación. Os territorios ao leste da liña Oder-Neisse foron atribuídos a Polonia; a Prusia Oriental foi dividida en dúas partes, a setentrional asignada á URSS e a meridional igualmente a Polonia, con zonas de ocupación. Posteriormente, estas zonas rematarían anexionadas aos territorios polaco e soviético. O resto de Alemaña foi dividida en catro zonas de ocupación, correspondentes aos Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia e a URSS. En 1949 as tres zonas de ocupación occidentais unificáronse para constituír a República Federal de Alemaña. A zona oriental, no mesmo ano, constituíuse na República Democrática Alemana.
A República Democrática Alemana
A República Democrática Alemana constituíuse o 7 de outubro de 1949, baixo a protección da URSS. Namentres a República Federal de Alemaña se constituíu nun aliado das potencias occidentais, en maio de 1955 a RDA é convertida en aliada da URSS e membro do Pacto de Varsovia. O seu Primeiro Presidente e Primeiro Ministro foron, respectivamente, (outubro de 1949), Wilhelm Pieck e Otto Grotewohl. Non obstante , o poder real quedou en mans de W. Ulbricht, Primeiro Secretario do SED. En 1968 aprobouse a segunda constitución, que definía a RDA como un “estado socialista dunha nación alemana”. En 1970, coa adopción realizada polo goberno da RFA dunha nova política orientada cara aos países socialistas (Ostpolitik), iniciáronse conversas entre representantes dos dous estados, que rematarán en 1972 coa sinatura dun tratado básico de boas relacións. En 1973, logo da morte de Ulbricht, Willi Sotph, anterior primeiro ministro, ocupou o cargo de Xefe do Consello de Estado, mentres que Horst Sindermann foi o novo Xefe de Goberno. En 1974 a constitución foi totalmente reformada. A partir deste momento fálase soamente dunha “nación socialista” e o termo nación alemá desapareceu. A RD Alemana manterá unha forte dependencia da URSS, especialmente manifestada na supervisión das directrices de política exterior. Neste sentido, en 1979 foi decretada unha ampla amnistía, co obxecto de mellorar as relacións con Occidente, e en 1981 tivo lugar a primeira reunión oficial de alto nivel despois de once anos entre as dúas Alemañas. Durante os anos oitenta tentouse establecer relacións diplomáticas con algúns países europeos do bloque occidental, coa República Popular da China e outros países do Extremo Oriente. En xuño de 1989, a desfeita do partido comunista nas eleccións polacas foi o sinal que desencadea a decisiva resolución da poboación xermano-oriental de poñer remate ao Estado e o réxime nados despois da Segunda Guerra Mundial. En outubro do mesmo ano, Honecker, Xefe do Consello de Estado dende 1971, viuse na obriga de demitir e, ao mes seguinte, abríronse as fronteiras coa RF de Alemaña, o que provocou o desprazamento libre e masivo dos cidadáns do este. O reformador Hans Modrow, novo Primeiro Ministro, tentou rapidamente estabilizar a situación rapidamente, cedendo ás aspiracións democratizadoras e preparando unhas eleccións libres. Simultaneamente, o SED trocou o nome polo de Partido Socialista Democrático (PDS). Mais o que comezara coa reivindicación de dereitos democráticos, converteuse en poucas semanas nunha esixencia popular unánime da unificación de Alemaña. As eleccións foron protagonizadas practicamente polos partidos occidentais e impúxose a coalición Alianza por Alemaña (48% dos votos) encabezada pola CDU, que defendía a consecución da unidade do pobo alemán de xeito inmediato. A unificación comezou a materializarse no verán de 1990 coa unión monetaria e o 3 de outubro do mesmo ano coa desaparición oficial da RD Alemana.
A República Federal de Alemaña
A República Federal de Alemaña foi constituída o 21 de setembro de 1949, sobre a base territorial das zonas de ocupación dos EE UU, Gran Bretaña e Francia, aínda que non asumiu soberanía plena ata 1955. As primeiras eleccións ao Bundestag celebráronse no mes de agosto de 1949. A Unión Demócrata-Cristiá (Christlich-Demokratische Union, CDU) e o partido socialdemócrata (Sozialdemokratische Partei Deutschland, SPD) repartíronse o 60% dos votos. O primeiro Presidente da República, Theodor Heuss, do partido liberal (Freie Demokratische Partei, FDP), chamará á chancelería ao líder da CDU, Konrad Adenauer. Este, Chanceler ata a fin de 1963, consolidou o réxime e favoreceu a espectacular revolución económica denominada como o Milagre Alemán. Despois das eleccións lexislativas de 1969, constituíuse un goberno de coalición entre o partido socialdemócrata e o partido liberal, con Willy Brandt como Chanceler. Brandt, sobre todo, principiou unha nova orientación en política exterior e posibilitou un achegamento aos países do leste, (Ostpolitik), actitude que foi moi criticada pola oposición demócrata-cristiá. En 1972 o SPD gañou as eleccións anticipadas mais encontrábase en momentos difíciles, tanto económica como politicamente. O novo goberno loitou con resultados moi positivos contra a inflación e o desemprego, pero debeu facer fronte ao aumento do terrorismo (grupo Baader-Meinhof), e a problemática da súa loita xurídica. Nas eleccións de 1976 e nas de 1980 formouse unha coalición do SPD e do FDP. Esta situación facilitou a tarefa do goberno Schmith, pero a situación política viuse afectada pola crecente crise económica e polas controversias entre o SPD e o FDP en temas de política fiscal e económica. En setembro de 1982, como consecuencia de perder o SPD o apoio do FDP, caeu o goberno e o SPD pasou á oposición. Helmut Kohl, do CDU, foi elixido novo Chanceler por medio do apoio do seu partido, do FDP e do CSU. Nas eleccións xerais de marzo de 1983, a coalición CDU-CSU-FDP obtivo a maioría absoluta e Helmut Kohl continuou como xefe de goberno. O goberno Kohl tivo que facer fronte a diferentes crises, entre elas a instalación de mísiles norteamericanos, diversos conflitos sindicais e escándalos en varios casos de espionaxe. En maio de 1984 o democrata-cristiá Richard von Weizsäcker foi elixido presidente da República. Nas eleccións de xaneiro de 1987, a coalición CDU-CSU-FDP obtivo de novo a vitoria. A partir de 1989 sen embargo, a RF de Alemaña foi sacudida polos feitos que estaban a suceder na República Democrática e o goberno de Helmut Kohl adoptou unha actitude activa con vista a capitalizar o proceso de unificación, que foi consumado en poucos meses. O goberno de Kohl abriu rapidamente conversas, tanto cos novos gobernos de coalición de Alemaña Oriental como con diversos estados occidentais. En particular participaron os catro grandes vencedores da Segunda Guerra Mundial, Polonia e a CEE, alarmados pola inminencia da unificación e polo feito de que Alemaña puidese volver a ser a potencia que fora antes da guerra mundial.
A Alemaña reunificada
O ano 1990 presenciou a unificación política dos dous estados alemáns, sen embargo, no ano 1991 aínda non se avanzara na súa verdadeira unión económica. A unificación logrouse en dous tempos. O primeiro paso, logo da caída do muro de Berlín, deuse cando a URSS renunciou no curso das negociacións ‘dous máis catro’ (as dúas Alemañas e os catro vencedores da Segunda Guerra Mundial: EE UU, URSS, Gran Bretaña e Francia) a esixir un tratado de paz; o acordo final asinouse o 12 de setembro de 1990 en Moscova co nome de ‘Disposición final relativa a Alemaña’. O segundo paso foron as eleccións celebradas o 2 de decembro de 1990, que confirmaron o triunfo do Chanceler Helmut Kohl e do seu goberno democristián, nos 16 länder da nova República Federal de Alemaña formalizada o 3 de outubro de 1990. A nova capital de Alemaña decidiuse que fose Berlín, se ben ata o ano 1998 Bonn seguiu a ser a sede do goberno federal e do Parlamento. Na práctica, a reunificación, cando menos política e economicamente, foi unha absorción do Estado oriental por parte da RF de Alemaña. A idea soviética dunha Alemaña neutral non ten éxito e, finalmente, quedou establecida a adscrición do novo estado á OTAN, se ben manteranse os límites fixados ao exercito alemán ao rematar a Segunda Guerra Mundial. Así mesmo, polas conversas do 18 de agosto de 1990 eliminouse o sistema parlamentario e as estruturas xurídicas e administrativas da República Democrática Alemana. Esa decisión política supuxo a fin da Stasi (Staatssicherheitsdients, servizo secreto da RDA) a partir do 19 de agosto de 1990, feito que revelou numerosos datos sobre a colaboración da RDA na formación dos membros das RAF (Fracción Armada Vermella da Alemaña occidental) ou da Organización para a Liberación de Palestina. A unión social e económica, asinada en maio de 1990, asumiu a decisión dos dous Parlamentos de constituír o novo Estado sobre a base da economía de mercado, da propiedade privada, a liberdade de prezos e do movemento do traballo, do capital dos bens e dos servicios. Despois de fixar o marco da RF de Alemaña como a moeda corrente, acordouse un sistema de paridades provisorias do marco oriental de xeito que respectase ata un teito fixado o poder adquisitivo dos salarios, das pensións e dos aforros dos cidadáns da antiga RDA, acordos que traerán protestas, xa que representaban a inferioridade económica inicial dos habitantes orientais. As eleccións de 1994 confirmaron a Helmut Kohl como Chanceler. Entre os problemas que tivo que afrontar o novo goberno, destacaron a problemática reunificación económica das dúas Alemañas, que viña de liquidar as empresas estatais da Alemaña oriental en 1994 a través da Treuhandanstalt (THA); un importante aumento do desemprego que afectaba ao 6,4% da poboación activa (máis de 4 millóns de persoas); un decrecemento do PIB, que caera un -2,1% en 1993; unha emisión de empréstitos que chegaron ao 4% do seu PIB; ou o gasto público do 52% do PIB. Non obstante , malia estes indicadores tan pouco optimistas, a Alemaña reunificada iniciou unha reactivación da súa competitividade industrial e comezou albiscarse a saída da crise económica do período 1992-1993. A sociedade alemá asumiu con certa celeridade a súa reunificación, non obstante xurdiron conflitos novos derivados da marxinación e desemprego de determinados sectores sociais. Neste contexto deben ser comprendidas a violencia racial e o agromar das actitudes xenófobas son constantes en certos sectores da nova sociedade alemana, así como as actitudes políticas dos alemáns: nas eleccións de 1990, 1994 e 1998 a extrema dereita, representada polo Republikaner (que chegaron superar o 7% dos votos) e a Deutsche Volksunion (que en 1994 non acadou o 1% dos votos), oscila con diferentes apoios electorais, pero con bastante forza na rúa. A crise económica, a conflitividade social e outras tensións provocadas pola rápida reunificación remataron coa era Kohl, quen tralas eleccións de outubro de 1998 tivo que ceder a chancelería ao socialdemócrata Gerhard Schröder, que goberna en coalición cos Verdes. O novo goberno de esquerdas tivo que renunciar a varias das súas propostas programáticas: o revés electoral nas eleccións dos länder fixeron que recuasen no seu proxecto de modificación da Lei de Asilo; a Guerra de Kosova obrigou a Alemaña a tomar partido pola intervención aliada, de feito na actualidade o continxente alemán está encargado dunha das áreas máis conflitas de Kosova baixo o mando da Kfor, feito que provocou unha fonda polémica no seu de Die Grünen/Bundnis 90 (Os Verdes e Alianza 90) posto que un dos seus dirixentes máis pragmáticos Joschka Ficher é Ministro de Asuntos Exteriores; Oskar Lafontain, Ministro de Economía, demitiu do seu cargo en abril do 1999 alegando motivos persoais, sen embargo, nas eleccións europeas posteriores Schröder presentou xunto co Primeiro Ministro británico un modelo político denominado de Terceira Vía que significaba de facto a renuncia a todas as propostas económicas do histórico líder socialista alemán Lafontain.