Alföld
Nome dado á chaira de Hungría que abrangue a maior parte do país ao N de Iugoslavia e de Romanía e ao L de Croacia. Afundida no Terciario, foi un mar interior, posteriormente recuberto por unha capa de aluvións. Os areeiros alternan coas arxilas e outros sedimentos que proveñen de limos aluviais. A cordilleira dos Bakony atravésaa oblicuamente ao NO, separando o Kisalföld, pequena chaira occidental, do Nagy Magyar Alföld, gran planicie que ocupa máis da metade oriental de Hungría. O Danubio comunica as dúas chairas abríndose paso ao N da serra de Pilis cos seus afluentes, especialmente o Tisza, tamén de dirección N-S, drena a rexión formando numerosos meandros e coas súas crecidas ocasiona inundacións periódicas. O solo fértil, xunto ao clima seco (chuvias moi irregulares, inferiores aos 600 mm anuais), determinan que sexa unha rexión eminentemente cerealista.