Alfredo/Alfreda

Alfredo/Alfreda
[ONOM]

Antropónimo no que confluíron dous nomes de orixe anglosaxona Aelfraed formado por aelf ‘elfo’ e read ‘consello’ e Ealdfrith, formado por eald ‘vello’ e frith ‘paz’. Os elfos, procedentes na mitoloxía escandinava, eran os espíritos asociados ás forzas naturais que residían na auga, nas fragas ou nos montes. Moitos homes importantes da historia inglesa chamáronse Alfrid/Alfridus coma Alfredo o Grande (s IX), pero a difusión en Europa deste nome procede de Francia onde se fixo frecuente no XVII na forma Alfred. A festa de santo Alfredo (s IX), monxe bieito e Bispo de Hildesheim, celébrase o 15 de agosto. Este nome presenta como hipocorístico a forma Firuco.