alimento
(< lat alimentu
-
s
m
[ALIM/BIOL]
-
Substancia que proporciona aos seres vivos enerxía e materias primas para a formación e reparación dos tecidos e os compostos químicos indispensables para o bo funcionamento e regulación dos mecanismos vitais. Os alimentos están compostos principalmente por: glúcidos, lípidos, proteínas, vitaminas, minerais e auga. A proporción de cada un deles varía segundo o tipo de alimento do que se trate. Os glúcidos e os lípidos proporcionan principalmente enerxía. As proteínas, aínda que tamén poden proporcionar enerxía, a súa principal función é estrutural. As vitaminas son compostos orgánicos que aparecen en pequenas cantidades e son imprescindibles para o crecemento, a saúde e o equilibrio nutricional dun organismo; non producen enerxía, senón que regulan os procesos metabólicos. Os minerais son compostos inorgánicos (sodio, potasio, ferro, fósforo, calcio, etc) que aparecen en baixas proporcións, pero a súa deficiencia pode carrexar enfermidades. A auga é un composto esencial para a vida; na especie humana constitúe aproximadamente un 70% da masa corporal, polo que a súa falta pode ser fatal (pódese vivir máis tempo sen comida que sen auga); pódese tomar directamente ou indirectamente, formando parte da estrutura doutros alimentos. Segundo a formación de alimento e a obtención deste, pódense clasificar os organismos en: autótrofos, que elaboran os seus propios alimentos mediante a fotosíntese e reaccións químicas, e heterótrofos, que non poden elaborar o seu propio alimento e necesitan tomalo doutros organismos. Dentro dos heterótrofos diferéncianse: os fitófagos, toman os alimentos das plantas, os zoófagos, toman os alimentos doutros animais, e os detritófagos, toman os alimentos da materia morta. O ser humano obtén os alimentos de distintas fontes. Dos vexetais seleccionouse a parte máis nutritiva ou de calidades organolépticas agradables; así, dependendo da especie, cómese a raíz (iuca, cenoria), o talo (apio, porro, cana), o tubérculo (pataca), a folla (acelga, espinaca), a flor (brócoli, coliflor), o froito (tomate, berenxena) e a semente (cereais, leguminosas). Outros alimentos proveñen do procesamento de distintas partes dos vexetais, como o azucre da cana ou da remolacha, o aceite das sementes de oliva, millo, xirasol ou coco, etc. Dos animais seleccionouse un grupo de especies domésticas e outras salvaxes, das que se obtén distintos alimentos. Na maioría consúmese o tecido muscular e as vísceras. Dalgúns mamíferos obtéñense leite e derivados (queixo, manteiga, etc). Dos minerais o máis importante é o sal. Os alimentos van intimamente ligados á saúde e mesmo á supervivencia da especie humana. Dende o momento que son producidos ata que chegan aos sitios de abastecemento, os alimentos poden sufrir modificacións sen a intervención do ser humano, como cambios no estado de maduración, descomposición ou enranciamento. Tamén ocorren cambios provocados por procesos industriais, como a moenda, a evaporación, a acidificación, ou coagulación, que poden alterar o seu valor nutritivo e o seu estado hixiénico. Por iso, o criterio para elixir o alimento debe estar baseado non só no seu custo e no seu valor nutritivo, senón tamén no seu estado hixiénico. Un dos primeiros descubrimentos, respecto á conservación dos alimentos, foi que as baixas temperaturas aumentan a súa vida útil, igual que a eliminación parcial de auga (desecación, liofilización) e a fermentación. O estudio de novos alimentos ricos en proteínas e das técnicas para producilos en cantidade vai asociado á extracción de proteínas a partir de alimentos semiconvencionais, e á produción de alimentos mediante métodos totalmente novos (alimentos non convencionais). Entre os primeiros pódense nomear diversas fariñas vexetais de alto contido proteico (40-50%), trazos de subprodutos de sementes e froitos oleaxinosos. Entre os non convencionais, cómpre destacar o cultivo de organismos autótrofos, principalmente unicelulares, de crecemento rápido. Como produtores de proteínas destacan as algas (20-60% de riqueza) e os lévedos (50-55%). A química achega tamén substancias alimenticias sintéticas (aminoácidos e vitaminas), a prezos progresivamente menores. É tamén interesante a síntese química de aromatizantes, de tanta importancia na saborización dos alimentos. Recorreuse tamén a tentar aumentar a produción de alimentos convencionais mediante diversos métodos: aumento da terra cultivada, combate de pragas agrícolas, selección de novas razas e variedades, uso de fertilizantes orgánicos ou químicos e outras técnicas, como no caso dos alimentos transxénicos.
-
Aquilo que acotío se come e bebe nun tempo determinado.
Ex: O pan é o noso alimento diario.
-
Aquilo que serve para manter unha cousa.
Ex: A leña é o alimento do lume. Servir de alimento á curiosidade. Dar alimento a un vicio, a unha pasión.
-
-
s
m pl
[DER]
Prestación económica que determinadas persoas están legalmente obrigadas a cumprir cara a familiares próximos en caso de necesidade, co fin de que poidan cubrir as necesidades mínimas de subsistencia. Fálase dun deber dos alimentos por parte de quen os ten que aboar, e dun dereito de alimentos por parte de quen os recibe. É posible que a obriga de alimentar proveña tamén de contrato voluntario e non por obriga da lei.
-
[ALIM]
alimento adulterado
-
[ALIM]
alimento alterado
-
[AGR]
alimento concentrado
-
[ALIM]
alimento dietético/de réxime
-
[ALIM]
alimento fruitivo
-
[ALIM]
alimento infantil
-
[ALIM]
alimento natural
-
[ALIM]
alimento non calórico
-
[AGR]
alimento voluminoso
Refráns
- A barriga manda á perna.
- A bos e malos mantén a cidade.
- A burro vello, pouco verde.
- A cabalo cansado mudarlle o prado.
- A carne carne cría; e os peixes, auga fría.
- A galiña non pon do galo senón do papo.
- A galiña non pon polo galo senón polo papo.
- A galiña polo bico pon.
- Antes o pan có viño e antes o touciño có viño.
- Antes pan que viño, antes viño que touciño e antes touciño que liño.
- As galiñas así poñen, como comen.
- As galiñas, como comen, poñen.
- Besta sen cebada nunca fixo boa cabalgada.
- Burro vello tamén quere a súa cebada.
- Cada boca quere a súa sopa.
- Cebada do día non faí a cabalería.
- Come, nena, e criarte has; come, vello, e vivirás.
- Comendo ben, o traballo non mata a ninguén.
- Crían bo sangue o pan, o viño e a carne.
- Gato que non come, marre.
- Gran a gran a galiña mantense no inverno e no vran.
- Máis mantén pan duro que figo maduro.
- Non pon a galiña senón a fariña.
- O bo viña cría bo sangue.
- O burro do vilán é mulo no verán.
- O home mantido estira o frío.
- O lume é media mantenza; e enriba da cea, mantenza enteira.
- O mellar penso do cabalo está no olla do amo.
- O que mal pensa, cánsalle a besta.
- O viña dá forzas e a auga quítaas todas.
- O viña é o leite dos vellos.
- O viña é o sangue dos vellos.
- Pacen os poldros o mesmo uns que outros.
- Para vianda fría, estómago quente.
- Quen se mantén de pan, moi mal mantido non vai.
- Tanto andamos, como comemos.
- Un saco baleiro non se ten dereito.
- Viña acedo, touciño vello e pan centeo sosteñen a casa en peso.
- Vivirás longamente, se comes moito caldo e andas sempre quente.
- ¡Deus nos manteña e veña o que veña!