Allariz

Allariz


Concello da comarca de Allariz-Maceda situado na provincia de Ourense ao S da Comunidae Autónoma de Galicia. Limita ao Norte con Taboadela (comarca de Ourense), ao L con Paderne de Allariz e Xunqueira de Ambía, ao S cos de Sandiás, Vilar de Santos e Rairiz de Veiga (os tres na comarca da Limia), e ao O cos concellos da Bola e A Merca (da Terra de Celanova). Abrangue 86 km 2 cunha poboación de 5.506 h (2007), dsitribuídos nas parroquias de Allariz (Santiago e Santo Estevo), Aguas Santas, Coedo, Os Espiñeiros, Folgoso, Meire, Queiroás, Requeixo de Valverde, San Mamede de Urrós, San Martiño de Pazó, San Trocado, San Vitoiro da Mezquita, Santa Baia de Urrós, Seoane e Torneiros. A capital do concello é Allariz (42° 11’ N - 7° 47’ O), que comparte a súa condición de cabeceira comarcal con Maceda. A vila está situada a 21 km da cidade de Ourense. Está asdcrito ao partido xudicial e á diocese de Ourense.
Xeografía física
Allariz sitúase nun rebordo da depresión de Ourense, a medio camiño entre esta e A Limia. Correspóndese co curso alto do río Arnoia. A altitude media do termo municipal correspóndese cunha superficie de aplanamento de 600-700 m. O punto máis alto é o Monte Panamá con 927 m. Predomina unha base rochosa de materiais graníticos. As formas do relevo artéllanse ao redor do trazado do río Arnoia que atravesa o concello de L a O. A partir deste eixo elévase a topografía formando dúas divisorias de augas: unha co río Miño na zona Norte e outra co río Limia ao S. Conta con fontes de augas medicinais: o manancial ferruxinoso do Ferradal e o bicarbonatado de Vilariño. Isto permitiu que ata o s XVIII fose un importante centro balneario. Climaticamente é un espazo de transición entre o dominio oceánico continental e o oceánico mediterráneo do val do río Miño. As precipitacións son moderadas, da orde de entre 900-1.000 mm de media anual. Os días de chuvia están entre os 100 e os 110 por ano. Presenta un déficit hídrico estival ao redor dos 100-200 mm. As temperaturas marcan unha oscilación térmica anual entre 14°-15°. Os invernos son fríos (o mes máis frío é xaneiro con 4°-7° de media) e os veráns calurosos e secos (o mes máis cálido é xullo con 19°-21°). Os ventos predominantes son do SO e destaca a ausencia de néboas.
Xeografía humana
A poboación de Allariz experimentou unha ruptura na súa evolución do último século na década de 1960. Ata ese momento o seu número oscilaba ao redor dos 10.000 h. A partir de aquí ábrese unha etapa de descenso acusado e continuado ata o 1981 onde se acada o mínimo, para chegar a poboación á metade, 5.009 h. A partir de aquí estabilízase o número de habitantes. As razóns desta perda son: éxodo rural e intensa emigración, debilidade das actividades tradicionais da vila de Allariz -industria do curtido e comercio-, non adaptación das estruturas productivas agrarias aos novos sistemas de mercado e o efecto de absorción de iniciativas por parte da cidade de Ourense. Os datos censuais de 1996 (5.178 h) e 2001 (5.125 h) apenas mostran variacións, destacando que os datos de padrón de 2007 refliten un aumento (5.506 h) que supón o 6,3% respecto da poboación de 1996. As taxas demográficas sinalan unha natalidade do 5,8‰ (2006) e unha mortalidade do 14, 5‰, datos que proporcionan un crecemento natural negativo, -8,7‰, e que se reflicten nunha composición da poboación na que os menores de 20 anos supoñen o 13,4% da poboación fronte ao 29,3% dos maiores de 65 anos, quedando o grupo intermedio coa maior composición cun 57,3%. A composición por sexos mostra un lixeiro predominio das mulleres: 51,6% fronte ao 48.36% de homes. O mantemento estabilizado da poboación nos últimos anos débese, xa que logo, ao feito de ter Allariz un saldo migratorio positivo. Entre 1991 e 1996 o retorno de emigrantes do exterior supón un incremento medio ao redor das 20 persoas por ano. Os retornados proceden do estranxeiro e doutras comunidades españolas. A beira do río Arnoia é a área de máis intensa ocupación humana do concello. Aquí sitúanse as entidades de poboación de maior tamaño. É a área de clima máis benigno e mellores condicións agrolóxicas. O modelo de asentamento tradicional é o de pequenas aldeas concentradas. Se ben nos últimos anos a construción de moitas vivendas de xeito espallado e diseminado, algunhas de segunda residencia, introducen un cambio na estrutura tradicional. Allariz ten 87 núcleos de poboación, o que supón unha media de 5,4 por parroquia. A parroquia de maior número de núcleos é Aguas Santas con 9.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello é do 43,8% (54% a masculina e 34,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,9% (48,6% a masculina e 30,1% a feminina) e a taxa de paro é do 11,1% (10% a masculina e 12,7% a feminina). Allariz presenta unha estrutura socioprofesional terciarizada debido ao tirón que está a acadar a súa vila como centro comercial e de ocio para os ourensáns, e a que moitas persoas que residen dentro do concello traballan na cidade de Ourense. O 53,5% dos activos empréganse nos servizos. Conta con máis de 150 establecementos comerciais, 38 de hostelería e restauración, 6 entidades financeiras e servizos públicos de ámbito supramunicipal: ensino secundario, sanidade, etc. A economía mudou moito desde o 1981. Neste ano a agricultura era o principal xerador de emprego, un 38,1%, fronte ao 6,6% de 2001. Os empregados na construción e na industria manufactureira tamén incrementaron o seu número (15,9% e 24% respectivamente) a causa da atracción de empregos da veciña capital provincial. A actividade industrial é moi cativa pese á forte tradición artesá no curtido do coiro. A principal empresa por facturación está no sector da confección. A agricultura é de autosubsistencia e pouco modernizada no seu conxunto e aínda que conta con 1.100 explotacións agrícolas o sector é pouco importante. Predomina o gando bovino en granxas de pequeno tamaño. Pola ausencia de relevo xeracional no agro e a súa mínima dimensión, o futuro próximo suporá a perda de protagonismo da actividade. Cóntase con algunha explotación intensiva de porcino e aves ligadas ao grupo COREN. O resultado na paisaxe é que só o 19,3% das terras están destinadas a cultivos ou a pastos. O terreo forestal ocupa un 26,2% e o monte baixo, matogueira improductiva, ocupa a gran parte da superficie do concello, un 54,4%. O maior potencial económico do actual Allariz céntrase no atractivo do seu núcleo histórico e das beiras do río Arnoia ao seu paso pola vila., conserva o seu rueiro medieval. Nos últimos anos foi obxecto dun programa integral de rehabilitación centrado na recuperación arquitectónica e na recuperación de vellas instalacións industriais obsoletas para destinalas a funcións recreativas. O resultado foi a posta en marcha dun proxecto de recuperación integral de claros efectos na economía local. Mereceu o recoñecemento da Comisión Europea que no ano 1994 lle concedeuo premio europeo de Planificación Urbana e Rexional. O turismo preséntase como unha actividade de futuro: rutas de sendeirismo, rutas ecuestres, festas etnográficas como a do Boi ou a da Empanada, riqueza patrimonial e arquitectónica, museos especializados, áreas recreativas, instalacións e aloxamentos de Turismo Rural e outros. A vila atópase a carón da N-525 en dirección a Castela. Serve de nó de estradas locais coa OU-300 e a OU 320. AO seu carón pasa a A-52, a autovía das Rías Baixas
Historia
Terra de antiga ocupación, o concello está salpicado de vestixios arqueolóxicos e referencias castrexas. Trala repoboación polo suevo Alarico no s VI., a vila Alarici foi, segundo o cronista local Cid Rumbao, capital histórica do Reino de Galicia: vila e corte románica. O núcleo asóciase a un emprazamento estratéxico: nun punto de paso na ruta de comunicación coa Meseta, e ao pé dun promontorio onde se construíu, no seu cume, un castelo. Adquiriu un carácter militar e defensivo, reforzado polo meandro do río que rodea ao núcleo, facilitando a súa defensa. No 1154 foi dotado de foro por Afonso VII. Acolleu a Corte de Afonso VIII. Na Idade Moderna a vila continuou a manter unha situación de privilexio como sede dos condes de Benavente. En 1848 destruíuse o castelo e as súas pedras utilizáronse no enlousado das rúas. Coa creación dos primeiros concellos en 1812 xurdiu o de Allariz aínda que só coas parroquias de Pazó, Vilanova, Espiñeiros, Seoane, San Troncado e Allariz. En 1820 foi adscrito ao partido xudicial de Maceda da nova provincia de Ourense e en 1834 convertiuse en cabeceira do seu propio partido xudicial, condición que perdeu en 1965 para incorporarse ao de Ourense. Os inicios do s XX son aínda momentos de protagonismo gracias ao curtido de coiro e ás actividades protoindustriais vencelladas ao cultivo do liño.
Patrimonio cultural
O centro histórico de Allariz foi declarado BIC en 1985. Destaca as igrexas románicas de San Pedro (s XII) e de Santiago (s XIII) que incorpora elementos ornamentais, como a sucesión de rolos impresos con formas xeométricas, que se difunden noutras construcións coetáneas da comarca, e o convento de Santa Clara, fundado en 1282 e reconstruído no s XVIII tras un incendio. Destacan tamén as igrexas románicas de Santa María de Aguas Santas, San Martiño de Pazó, San Pedro e Santa María de Vilanova. Consérvanse tamén o barrio xudeo e, entre os pazos e as casas grandes, o pazo do Xulgado e a Casa Torre de Castro Oxea. No eido da enxeñería destaca a ponte de Vilanova. Na vila atópase o Parque Etnográfico do Río Arnoia formado polo Muíño do Burato, o Museo do Tecido o Fiadeiro, o Museo do Coiro Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras e o Museo Galego do Xoguete. Destacan tamén o Museo Iconográfico Asier Seara e o Museo de Arte Sacra de Santa Clara. A Fundación Vicente Risco ten a súa sede na casa do escritor en Allariz. Xunto coas festas parroquias destaca a festa patronal de San Bieito no mes de xullo; cómpre destacar a celebración da Festa do Boi, cunha orixe datada no s XIV, a Festa da Empanada en agosto, e a festa da malla en todas as súas festas que se inicia en Queiroás da Igrexa, continua en Allariz e finaliza na Torre de Seoane.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Allariz-Maceda
Extensión 85 Km2
Poboación Total 5506 h
Poboación Homes 2663 h
Poboación Mulleres 2843 h
Densidade de poboación 64.78 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias