almorábide
(<ár al-murābiṭ ‘o ermitaño’)
-
adx
Relativo ou pertencente aos almorábides.
-
s
Individuo da seita islámica almorábide.
-
s
[HIST]
Secta islámica orixinaria do Sáhara, fundada en 1042 por ‘Abd Allāh ibn Yāsīn. Por mor do veo que lles tapaba o rostro ata os ollos, os seus membros foron tamén chamados al-mulattimūm. A tribo lamtūna (do grupo bérber dos sanhāǧa, antecesores dos tuareg) foi partidaria da nova doutrina, grazas ao feito de que os seus Xeques, os irmáns Yaḥyà e Abū Bakr, se converteron en discípulos de ‘Abd Allāh. Inspirados polas doutrinas islámicas, dedicáronse á ğihad (guerra santa). A actuación militar de Yaḥyà e de ‘Abū Bakr determinou o dominio das tribos do deserto e asimilou os territorios de Siğilmasa, Sūs e Agmāt. Abū Bakr, encomendou o norte ao Xeneral Yūsuf ibn Tašfin, dirixiuse cara ao sur e refuxiouse en Gana (1076), onde formou un primeiro núcleo de musulmáns negros e fundou a cidade de Tombouctou (1077), centro destinatario das rutas de caravanas procedentes da outra banda do Sáhara. Yūsuf, que puxo os fundamentos da capital do imperio almorábide, Marraquex, no 1062, estendeu os seus límites ata Alxeria e pasou á Península Ibérica, dende onde fora reclamado por unha delegación dos principais reinos de taifas, impotentes ante o avance dos reinos cristiáns. Na súa primeira expedición limitouse a derrotar a Afonso VI de Galicia e León en Zalacas (1086); sen embargo, máis tarde, instigado polo pobo e polos alfaquíns, fartos da arbitrariedade das respectivas autoridades e desexosos dun estado xusto e centralizado, volta a Al-Andalus, expulsou os reis das taifas meridionais e instaurou alí o poder almorábide. Máis tarde conquistou as taifas da Šarqiyya. Murcia caeu en 1091; Dénia e Xàtiva, en 1092; Tortosa, preto de 1099; València, que resistiu en vida do Cid, capitulou en 1102, despois de nove meses de asedio; Albarracín caeu en 1104. O Gobernador almorábide de València intentou anexionar a Taifa de Zaragoza dos Banū Hūd, que negociaron directamente con Yūsuf ibn Tasfin a súa independencia; finalmente, a Taifa foi incluída no imperio almorábide por ‘Alī ibn Yūsuf (1110) ata que Afonso I de Aragón a fixo cristiá en 1118. O segundo Califa almorábide, ‘Alī ibn Yūsuf (1106-1143), derrotou a Afonso VI de Galicia e León en Ucles (1108). Tentou a expansión cara ao leste, que quedou freada (1114) pola vitoria do exército catalán. O reinado dos almorábides caracterízase pola súa intransixencia relixiosa, principalmente cos mozárabes, dos que moitos foron deportados ao Magreb e, á raíz da expedición de Afonso I de Aragón a Granada (1125), outros moitos foron con el a repoboar as novas terras conquistadas polos aragoneses. Á morte de ‘Alī o imperio almorábide atopábase en franca decadencia: no Magreb, a nova seita almohade comezaba a ocupar posicións próximas ao poder. En Al-Andalus, iniciábase un período de reacción antialmorábide promovida pola poboación, descontenta pola intolerancia almorábide e polos continuos aumentos dos impostos, feito que orixinou unha nova fragmentación en pequenos reinos de taifas. Só nas Balears continuou o poder almorábide a mans da familia dosBanū Ḡāniya. O sucesor de ‘Alī, Tašfin ibn ‘Alī, malia contar coa axuda das forzas mercenarias do catalán ‘Alī ibn Ruburṭayr, non puido resistir aos almohades e morreu cando tentaba fuxir (1145). Os almorábides cuñaron moedas de ouro, o morabatí, e de prata, o quirate.