alpinismo

alpinismo

(< alpino)

s m [DEP]

Ascensión a cumios elevados ou dificilmente accesibles. Termo aplicado, por extensión ao deporte practicado en todas as montañas do mundo e que foi iniciado a finais do s XVIII coa primeira ascensión ao Mont Blanc (1786), lograda por Jacques Balmat e o doutor Paccard. Un novo elemento dá ao alpinismo a súa dimensión xenuinamente deportiva: a busca deliberada da dificultade. Iso proclámao Whymper (1871) e principia a etapa do alpinismo acrobático, introducido polo inglés Mummery. Durante os anos trinta do s XX, escaláronse as tres famosas caras N dos Alpes: Monte Cervino (1931 por F e T Schmidt, de Alemaña), Grandes Jorasses (1935 por R. Peters e M. Maier, de Alemaña), Eiger (1938 por A. Heckmari e L. Vörg, de Alemaña, e F. Kasparek e H. Harrer, de Austria) e a punta Walker dos Jorasses (1938 por R. Cassin, U. Tizzoni e L. Esposito, de Italia). Nestes anos a moderna fase do alpinismo acomete o Himalaia, con expedicións como a dos norteamericanos Irvine e Mallory en 1924, que aínda manteñen a incógnita sobre se coroaron ou non o cumio do Everest. A finais do ano 1950 e despois de numerosas expedicións por parte de diferentes países europeos, foron os franceses Herzog e Lechenal os que alcanzaron por primeira vez un cumio de 8.000 m, o Annapurna (8.078 m). En 1953 unha expedición inglesa pisa os 8.848 m do Everest; eran E. Hillary e Tensing. Aquel mesmo ano Herman Buhl, compoñente dunha expedición alemana, chega en solitario ao K2 (8.591 m), e o austríaco H. Tichy consegue o Cho Oyu (8.201 m). Desde entón conseguíronse todos os cumios importantes: no ano 1955 unha expedición inglesa alcanza o Känchenjunga (8.586 m); en 1956 foron os suízos os que chegaron ao Lhotse (8.035 m); en 1957 unha expedición austríaca chega ao Broad Peak (8.047 m); en 1958 os americanos alcanzan o Gasherbrum I (8.068 m); en 1960 unha expedición suíza chega ao Dhaulagiri (8.172 m), e en 1964, unha expedición chinesa alcanza o último dos 8.000, o Shisha Pangma (8.046 m). Ata a data seis alpinistas conseguiron subir os 14 cumios de 8.000 m: R. Messner, J. Kukuczda, E. Loretan, C. Carsolio e K. Wielicki Ert, e en abril de 1999, o alavés Oiarzábal. O 27 de maio de 1999, a alpinista viguesa Chus Lago acadou o cumio do Everest sen axuda de oxíseno.

Sinónimos

Palabras veciñas

Alpicat | Alpine Club | Alpinia | alpinismo | alpinista | alpinización | alpino -na