alquitara
(<ár al-qaṭṭāra ‘a que destila, o alambique’)
Aparello utilizado para efectuar unha destilación simple, a escala industrial ou de laboratorio. Consta de caldereira, serpentín, condensador, refrixerador e colector. A caldeira é o recipiente no que se vaporiza o líquido e a calor necesaria pode ser provista por contacto directo das paredes do fervedor coa chama (sistema non aplicable na destilación de líquidos inflamables), a través dun serpentín por onde circula un fluído quente, ou ben cun sistema de calefacción eléctrica. O condensador é o aparello onde se licúa, por enfriamento, o vapor producido na caldeira. O tipo máis sinxelo está formado por un serpentín dentro dun recipiente cheo de auga. Para condensacións a temperaturas altas poden ser utilizados serpentíns ou tubos con aletas refrixerados por aire. O refrixerador é o aparello encargado de enfriar o líquido ata unha temperatura que permita recollelo sen risco e sen perdas por evaporación. Na destilación simple, a condensación e o enfriamento fanse xeralmente no mesmo aparello, que se chama refrixerador e que soamente actúa como tal na súa última parte. O colector é o recipiente no que se recolle o líquido xa frío. A presión atmosférica pódese utilizar nun recipiente aberto, pero, cando se destila a presión reducida, o colector debe ser hermeticamente pechado e debe estar conectado a un sistema de baleiro. É un dos trebellos empregados para destilar augardente en Galicia, e que caracteriza o atrezzo na festa de exaltación en Portomarín, o Domingo de Pascua.