Alsacia-Lorena

Alsacia-Lorena

Nome do territorio formado por Alsacia -agás o territorio de Belfort- e unha parte de Lorena, pertencente a Alemaña nos períodos 1871-1918 e 1940-1944. Foi cedido por Francia a Alemaña na Paz de Frankfurt (1871), que puxo fin á Guerra franco-prusiana, pertencendo ao Imperio Alemán ata 1918, que volta a Francia logo da Primeira Guerra Mundial. O territorio comprende unha grande maioría de poboación de lingua xermanica, agás a zona de Metz, de fala francesa. As súas dúas partes constitutivas xamais tiveron unha historia común. Foi erixido en Reichsland, directamente dependente do Reich, pero sen chegar a constituír un estado federado. O territorio obtén a institución dunha Dieta bicameral e tres votos no Bundesrat no 1911. A vitoria aliada do 1918 prodúcese nunha etapa de incompleta asimilación a Alemaña de Alsacia-Lorena. A reincorporación a Francia comporta dificultades, malia aos sentimentos favorables da maior parte da poboación, debido ao contraste entre o proceso de autonomía que se desenvolvera e o centralismo francés. Despois da invasión de Francia por parte da Alemaña nazi durante a Segunda Guerra Mundial e a firma do armisticio franco-alemán (1940), o goberno nazi segue, a pesar da condición establecida de intanxibilidade do territorio francés, unha política de incorporación da zona, con medidas de xermanización e deportación de elementos non asimilables; trala súa conquista por parte do bando aliado no 1944, volve á soberanía francesa.

Palabras veciñas

Als | Alsacia | Alsacia, Gran Canal de | Alsacia-Lorena | alsaciano -na | alsarda | Alsaticopithecus