América
Continente situado entre 34° 45’ O (no Brasil) e 167° 20’ O (en Alasca, no cabo do Príncipe de Gales) de lonxitude e entre 72° N (83° 20’ N, con Grenlandia) e 54° 5’ S (56°, ata o cabo de Hoorn; 57° S, ata as illas de Diego Ramírez) de latitude (39.937.064 km2; 787.941.000 h [estim 1997]). Está separado do NL de Asia polo estreito de Bering, e do resto, polo océano Pacífico; o océano Atlántico sepárao de Europa e de África (coas illas próximas).
O relevo e a xeoloxía
A historia xeolóxica de América do Norte e de América do Sur é diferente: unha, forma parte do continente noratlántico e, a outra, do de Gondwuana, separáronse ambas as dúas ao final do Secundario dos bloques continentais dos que formaban parte. A emerxencia do sector de Panamá, ao final do Terciario, uniu as dúas unidades continentais. En América do Norte pódense distinguir as seguintes unidades morfoestruturais: o escudo canadense, os Apalaches, as grandes concas interiores, as chairas costeiras e as cordilleiras norteamericanas. O escudo canadense cunha extensión duns 4.850.000 km2, esténdese polo N e o L do Canadá continental, polo Canadá insular e pola parte N do centro dos EE UU, e prolóngase ao L cara a Terra de Baffin e Grenlandia. En conxunto, pódese definir como unha penechaira, de orixe precámbrica, de relevo intensamente erosionado e altitudes escasas, pero non uniformes. As concas interiores forman unha zona central estable estendida polo O do Canadá e polo centro dos EE UU, prolongándose cara ao S ata Texas e Novo México. Polo S e o SL, as chairas interiores ábrense nas chairas costeiras do golfo de México e do Atlántico, de sedimentos mariños practicamente non deformados. As cadeas montañosas do O ou cordilleiras norteamericanas, son un conxunto xeoloxicamente complexo, de orixe, formación e natureza diferentes. Ao N, na península de Alasca, dúas cadeas (os montes Brooks, ao norte, e os montes de Alasca, ao sur) abranguen a conca do Yukon. Este dobre aliñamento prolóngase cara ao S (Cascade Range, montañas Rochosas) ata chegar a México (Sierra Madre Occidental, ao O, e a Sierra Madre Oriental, ao L). As dúas cordilleiras únense ao S, nunha rexión de vulcanización recente que dá os relevos máis elevados (Orizaba 5.653 m, Popocatépetl 5.450 m). América Central pode dividirse en dous sectores: o setentrional, que comprende unha cordilleira en arco convexo cara ao S; e o meridional ou ístmico, que constitúe unha rexión onde alternan materiais volcánicos e sedimentarios, intensamente repregados ao final do Terciario. América do Sur pode dividirse tamén en escudos precámbricos (güianés, brasileiro), concas interiores (Amazonas, Paraná) e unha grande aliñación montañosa occidental. Circundan o conxunto de escudos e concas, as chairas centrais (llanos de Venezuela, pampas da Arxentina), extensas acumulacións de sedimentos de orixe continental provenientes dos Andes. Esta cadea, de máis de 10.000 km de lonxitude, vai dende Venezuela ata Terra do Fogo, percorrendo a costa do Pacífico. O Aconcagua (6.959m) é a cima máis elevada.
A hidrografía
De acordo coa disposición das grandes unidades de relevo, a maior parte das augas do continente americano desembocan cara ao Atlántico. Tres das catro concas fluviais máis grandes do mundo atópanse en América e desaugan no océano Atlántico: a do Amazonas-Ucayali con 7.050.000 km2, a do Mississippi-Missouri con 3.650.000 km2 e a do Río da Prata-Paraná con 3.140.000 km2. Tamén son grandes concas fluviais as do Mackenzie, o Yukon, o Columbia, o Orinoco e Río Bravo ou Río Grande. América dispón igualmente dalgunhas das máis extensas concas lacustres do mundo (Superior, Huron, Michigan, etc), case que todas elas nos EE UU e no Canadá.
O clima, a flora e a fauna
Os dous subcontinentes americanos resultan bastante diferentes en canto á distribución dos climas, da vexetación e da fauna. América do Norte sitúase case totalmente nas zonas temperadas e frías do hemisferio boreal e posúe unha poboación animal e vexetal de tipo holártico, moi relacionada coa das terras temperadas e frías de Eurasia. Ao contrario, América do Sur, situada basicamente en zonas tropicais e subtropicais de ambos os dous hemisferios, presenta unha poboación animal e vexetal abondo orixinal. Estas áreas tropicais americanas constitúen o reino bioxeográfico neotropical (que se prolonga polo norte ata o sur de Florida e de México). As áreas frías do extremo S do continente teñen unha poboación de tipo antártico ou antártico-andino (reino bioxeográfico antártico). O extremo N de América é de clima verdadeiramente polar; o resto do subcontinente é, en conxunto, de clima marcadamente continental, a causa, sobre todo, do efecto de barreira que fan as grandes cordilleiras de Sierra Nevada e as montañas Rochosas sobre os ventos húmidos do O. América do Sur presenta unha área moi extensa de clima ecuatorial húmido, que case atravesa o continente de L a O, coincidindo co curso do Amazonas. Os climas tropicais, con alternancia de estacións secas e chuviosas, esténdense ao N e ao S desta banda ecuatorial. A afinidade da vexetación e a fauna de América do Norte coas de Eurasia é moito máis marcada nos territorios boreais. De N a S pódense establecer as zonas de vexetación seguintes: a zona ártica da tundra, moi parecida á correspondente do N de Europa, con prados de gramíneas, poboacións de brións, liques e salgueiros ananos. Esténdese por todo o extremo setentrional do continente e prolóngase cara ao S polos cumes das montañas Rochosas e Sierra Nevada ata Novo México. A zona boreal da taiga esténdese ao S da anterior. Predomina o bosque de coníferas, que en California se estende cara ao S ata pórse en contacto coa vexetación de tipo mediterráneo do chaparral. En conxunto, na rexión destacan entre os carnívoros: o oso, o lobo, o lobo cerval, o castor, o armiño e a marta; e entre os grandes ruminantes: o ante, o cervo e o wapiti. A zona dos bosques caducifolios ocupa a parte centroriental, atlántica, de América do Norte, exceptuando a metade meridional de Florida. Predominan especies particulares de: pradairos, faias, carballos, castiñeiros, tileiros, bidueiros e tulipaneiros. O centro continental de América do Norte está cuberto por unha zona de praderías homólogas á estepa de Europa Oriental, na que predominan as gramíneas. No tocante á fauna, este é o país dos bisontes que ata o século pasado formaban grandes mandas, de rilladores como o esquío das praderías (Cynomis), de insectívoros escavadores como a toupa, e do lobo das praderías ou coiote. Na zona das rexións áridas do SO de América do Norte, a vexetación pode ser unha matogueira de Artemisia tridentata ou un subdeserto con matas espiñentas (Larrea mexicana), cactáceas suculentas e algúns arbustos (Acacia cornigera, etc). Unha gran parte da fauna da pradería atópase tamén aquí ao igual que algúns réptiles como o Heloderma e o crótalo. A metade meridional do litoral da Alta California constitúe a zona do chaparral que corresponde fisionomicamente á paisaxe da rexión mediterránea. Predominan nesta área os bosques de esclerófilas. A parte meridional de Florida, as terras baixas tropicais de México e de América Central, así como todas as illas do Caribe, presentan xa unha vexetación tropical que pode ser unha sabana ou unha selva húmida. A fauna das Antillas é salientable pola falta de mamíferos, agás os insectívoros e os rilladores. A zona da selva ecuatorial e a zona das selvas tropicais húmidas, de transición cara á sabana, ocupan unha grande extensión en América do Sur. Hai que destacar a existencia da orde dos desdentados e dos simios platirrinos (exclusivos da América tropical), dalgúns marsupiais e do golfiño do Amazonas; dos tucáns e dos colibrís, entre as aves; dos caimáns e moitos ofidios, entre os réptiles; do peixe gato, da anguía eléctrica e da piraña, entre os peixes. Ao N e ao S das selvas ecuatoriais e tropicais, baixo un clima con estacións secas máis marcadas, aparecen a sabana e o espiñeiral máis ou menos rico en caducifolias. As chairas cubertas de sabana ou de bosque pouco mesto ofrecen un hábitat moi adecuado aos grandes carnívoros americanos como o puma e o xaguar. Ao E dos Andes, dende o S do Chaco e do Brasil ata Terra do Fogo, a paisaxe tende a presentar carácter estepario. A alta montaña andina presenta unha vexetación especial de afinidades, en parte, tropicais e, en parte, antárticas. Son notables sobre todo os páramos, paisaxes sen árbores ocupadas por prados. Son moi característicos das montañas andinas algúns camélidos (llama, alpaca, vicuña) e o cóndor. Nos Andes meridionais, correspondentes á latitude dos bosques de Nothofagus, a paisaxe das zonas elevadas ten un aspecto parecido ao do piso alpino das montañas medioeuropeas.
A economía
No continente americano distínguense dous bloques económicos perfectamente diferenciados. Un primeiro conxunto de países composto polos EE UU e Canadá, ao que recentemente se lle uniu México, logo da sinatura do Tratado de Libre Comercio; e un segundo conxunto de países composto polos países do Caribe e o centro e sur do continente. Neste segundo bloque de países existen tamén profundas diferencias internas, que afastan os países do Mercosur (O Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai) dos países con algúns dos PIB máis baixos do mundo (Honduras, Nicaragua ou Haití). O bloque formado polos EE UU e o Canadá -que representa o 5,6% da poboación mundial- produce o 25,9% da renda total do mundo. A distribución desta renda é desigual. Uns 50 millóns de norteamericanos viven en familias de orzamento anual inferior á metade do que se precisa para vivir dignamente. A polarización social é un feito no interior de América do Norte. O seu capitalismo monopolista exerce, ademais, unha poderosísima influencia económica e militar por todo o mundo. Os trazos da agricultura norteamericana son: colonización recente do solo (máximo dous séculos e cuarto); orientación comercial da produción; intensa especialización rexional; monocultivo total en extensas zonas; explotación extensiva, baseada nun alto nivel de mecanización, pero con rendementos inferiores aos europeos; existencia dun tipo determinado de empresarios capitalistas, que dirixe as explotacións e que concentra a terra en poucas mans. As grandes rexións agrarias de América do Norte son: ao S do deserto polar, un inmenso bosque que dá grandes cantidades de madeira e de papel; no Canadá central a pradería, que rivaliza co wheat belt dos EE UU, rexión que constitúe a primeira zona produtora de trigo do mundo; ao S dos Grandes Lagos, o corn belt, que produce boa parte da colleita mundial de millo e que é un dos principais núcleos gandeiros mundiais; ao S de América do Norte hai, de Texas a Alabama, o cotton belt, terceira rexión produtora de algodón do mundo; ao E do cotton belt, na chaira atlántica meridional, hai unha zona de cultivos de tabaco de grande importancia. Ao lado do modelo agrario hai un modelo industrial fundamental dende o punto de vista da participación na produción global. As bases da industria en América do Norte son os recursos mineiros e enerxéticos propios, as materias primas estranxeiras, o progreso científico e técnico e o importante mercado interior e exterior. En canto aos recursos mineiros e enerxéticos propios, destacan as reservas e as explotacións de carbón, petróleo, ferro, cobre, níquel e molibdeno. A industria de América do Norte presenta un elevado grao de concentración rexional. Ata a crise do 1929 e a Segunda Guerra Mundial, esta concentración era aínda máis forte. As principais rexións industriais son: a rexión dos Grandes Lagos, o primeiro centro siderúrxico mundial. O leste atlántico, dende Sidney (estaleiros, siderurxia) ata Baltimore (metalurxia pesada), é unha rexión estreitamente vinculada aos centros industriais dos Grandes Lagos. O sur é unha zona industrial relativamente moderna, mentres que o Pacífico -de Vancouver a San Diego- é a novísima rexión industrial norteamericana que recibiu un impulso definitivo durante a Segunda Guerra Mundial. Os novos sectores industriais e as industrias avanzadas (aeronáutica, electrónica, telecomunicacións, etc) localízanse, maioritariamente, no Pacífico. Os esquemas de rexionalización económica de América do Norte móvense a cabalo dos dous estados que a compoñen: os EE UU e o Canadá. O segundo gran bloque, foi acertadamente descrito por Eduardo Galeano en 1971 como a rexión das “veas abertas”. Dende o descubrimento ata os nosos días, todas as riquezas e os recursos naturais mudáronse en capital europeo (nos anos da conquista) e, posteriormente, en norteamericano. A historia do subdesenvolvemento de América Latina é a historia do desenvolvemento do capitalismo mundial. A historia económica de América do centro e do sur pode describirse por ciclos económicos que se foron pechando deixando atrás pobreza e miseria. O primeiro deses ciclos foi o da prata; Potosí é o exemplo máis paradigmático. O segundo ciclo foi o do ouro, emerxente ao redor de Ouro Preto, cidade brasileira onde se localizara a maior mina de ouro coñecida. Comezou así a medrar a importancia do estado brasileiro de Minas Gerais, o que supuxo o peche dun ciclo que se iniciara no norte, arredor de Belem, o ciclo do azucre. Outro ciclo de moita importancia foi o do caucho, extraído da Hevea brasiliensis, que había significar o explendor efémero da cidade de Manaus no centro da Amazonia. Este ciclo, rematou cando os ingleses conseguiron sacar fóra do Brasil a semente e cultivala en Malaisia baixo o seu control e cunha racionalización económica diferente. Tamén o ciclo do cacao foi de grande importancia en Venezuela; outros ciclos importantes na historia económica de América do sur e central foron o do café, o plátano, o ferro, o cobre, o petróleo, etc. Non obstante , todos estes ciclos mostran unha historia marxinal e periférica. Países como o Brasil, Venezuela ou Perú nunca foron donos de seu, eran produtores e o capital -ó igual que a maior parte do beneficio que se obtiña dos seus recursos- xerábase no estranxeiro e nunca repercutía na rexión. No século XX as disparidades económicas emerxeron con máis forza. O éxodo rural encheu as cidades e acentuou a metropolización (das cen primeiras cidades do mundo, doce están en América do sur e, destas doce, seis están no Brasil). Este proceso de rápida urbanización trouxo unha consecuencia económica inmediata: a marxinalización de amplos sectores da poboación en chabolas (as favelas do Brasil) e nos abandonados e deteriorados centros históricos urbanos. Nas cidades o subemprego e o desemprego fomentaron o crecemento dun forte sector mergullado que lle permite sobrevivir á poboación. Rexionalmente, cómpre distinguir entre Chile e o conxunto de países do Mercosur, que lograron diversificar as súas economías e harmonizar as súas políticas económicas; mentres que os países andinos, Centroamérica e o Caribe continúan a enfrontarse ao subdesenvolvemento e á miseria. Fronte a un pasado colonial e de guerras de independencia que non lograron forxar unha nación americana -como reclamaba Simón Bolivar-, estase a producir un proceso de integración bastante positivo de cara ao futuro. A Asociación Latinoamericana de Libre Comercio (ALALC), denominada a partir de 1980 Asociación Latino-Americana de Integración (ALADI); o Mercado Común Centroamericano (MCCA), creado dende 1960 arredor de Costa Rica, Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador; ou o Caribbean Community and Common Market (CARICOM), creado en 1973 por Barbados, Güiana, Xamaica e Trinidad e Tobago, aínda que foi ampliando os seus membros ata agrupar a 15 estados anglófonos do Caribe, foron entidades creadas para dinamizar as economías rexionais. Non obstante , alén do Tratado de Libre Comercio, en vigor dende o 1 de xaneiro de 1994, o mercado rexional que semella ter mellores perspectivas é o Mercado común de América do Sur (Mercosur), fundado en 1991 polo Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1995 e se ampliou en 1996 para incluír en categoría de asociados a Chile e Bolivia, á espera de integrar tamén a Venezuela ou Perú. Dende 1994, a perspectiva dunha Zona de Libre Cambio Americana, que agruparía as 34 economías capitalistas americanas -quedando fóra Cuba-, parecía arruinar as perpectivas de integración rexional de América do sur e do centro. Non obstante , logo do Segundo Cumio das Américas (Santiago de Chile, abril de 1998), quedou patente que o modelo de desenvolvemento desa Zona non sería a ampliación do Tratado de Libre Comercio, senón que tería en conta as asociacións rexionais existentes con anterioridade.
As comunicacións
América do Norte dispón de grandes facilidades para os transportes e as comunicacións. As vías acuáticas son aínda moi importantes: as vías Mississippi-Ohio e Grandes Lagos-San Lorenzo levan a navegación cara ao interior e a conexión mediante canais dos dous sistemas fornece unha grande rede navegable. Os ferrocarrís tiveron un impacto relevante no desenvolvemento urbano. Os principais centros ferroviarios son Nova York, Chicago, San Luís e Os Ánxeles nos EE UU; Montreal, Winnipeg e Vancouver no Canadá; a Cidade de México domina a rede ferroviaria mexicana. O transporte aéreo arrebatoulle ao tren a maior parte do tráfico de gran distancia. América do Sur, ao revés que América do Norte, non dispón dun sistema de transportes integrado. No que atingue ás vías acuáticas, dous son os principais sistemas: a conca do Paraná-Uruguai (que inclúe territorios de catro países) e a do Amazonas (seis países), con algúns miles de quilómetros de augas navegables. O transporte ferroviario, amais de numerosos problemas operativos, presenta unha persistente perda de importancia pola competencia da estrada e do avión. É moi considerable a lonxitude de estradas, malia que en moitos países só unha pequena parte está asfaltada. O transporte aéreo desenvolveuse axiña adaptándose mellor ás esixencias da área, especialmente no que atinxe ao transporte de pasaxeiros. Cada país tende a ter o seu propio sistema de servicios aéreos internos, xeralmente a cargo de compañías estatais, aínda que tamén, ás veces, de compañías privadas fortemente subvencionadas.
A poboación
Entre a poboación americana cómpre diferenciar entre o norte do continente e o sur. América do Norte foi a rexión do mundo que máis inmigrantes atraeu e, aínda hoxe, segue a ser o destino preferente nas correntes migratorias mundiais. A poboación indixena cífrase ao redor do medio millón de individuos que foron desprazados a medida que se espallaba o territorio das colonias e ex-colonias británicas, españolas e francesas. Malia que xa no s XIX se aplicaban leis restritivas fronte á inmigración, o nivel de chegadas foi en aumento ata a Segunda Guerra Mundial; sen embargo, o decrecemento definitivo comezou entre os anos cincuenta e sesenta. Na actualidade, os mexicanos e caribeños que emigran por razóns económicas constitúen o fluxo maioritario e, en moitos destes casos, os emigrantes chegan sen permiso. Os asiáticos, de maior formación educativa, experimentaron un notable aumento dende a década dos oitenta. Un terceiro caso constitúeo a chamada ‘fuga de cerebros’: calcúlase que máis dun millón de persoas con elevada formación académica emigraron, maioritariamente cara aos EE UU, nos últimos 25 anos. Hoxe, a pesar da escasa densidade global, a poboación atópase moi concentrada e urbanizada entre os Grandes Lagos e o Atlántico e en California. O 76% da poboación de EE UU e Canadá era en 1995 urbana. Dúas das maiores aglomeracións urbanas do mundo están situadas neste subcontinente: Nova York (18.087.251 h) e Os Ánxeles (14.531.529 h). A mortalidade (8,5‰) e a natalidade (15,1‰) dos EE UU e Canadá ofrecen unha posibilidade moderada de relevo xeracional. A composición da poboación dos EE UU é, na súa maioría, de procedencia europea (80,1%), seguidos polos afroamericanos (12,1%), os hispanos (5,4%), amerindios (0,8%), chineses (0,7%), filipinos (0,6%) e xaponeses (0,3%). En Canadá a poboación divídese entre ingleses de orixe (40%), franceses de orixe (27%) e un conxunto diverso de poboacións minoritarias entre as que cómpre salientar os amerindios (1,9%) e os inuit (0,1%). A poboación de América do Sur e Central atópase moi concentrada e urbanizada en Arxentina (88,1%), O Brasil, (78,2%) Chile (83,9%), Colombia (72,2%), Cuba (76%), México (75,3%), Perú (72, 2%), Uruguai (90,3%) e Venezuela (92,8%); sen embargo, en países como Barbados, Belice, Costa Rica, Dominica, Guatemala, Güiana, Haití, Honduras e Suriname a poboación aínda é moi rural, menos do 50% é poboación urbana. Nos países máis urbanizados, onde a debilidade estrutural da súa economía é máis notable, púxose en marcha un proceso de concentración da poboación en grandes aglomeracións urbanas que está a xerar bolsas de marxinalidade urbana cada vez maiores; é o caso de Cidade de México (16.674.000 h), San Paulo (16.417.000 h), Bos Aires (11.295.555 h), Río de Xaneiro (9.888.000 h), Lima (6.483.901 h), Santa Fe de Bogotá (6.004.782 h) ou Santiago de Chile (5.086.808 h). En Iberoamérica a mortalidade media vaise moderando (pasou de 8,7‰ en 1980 a 6,7‰ en 1995), pero mantense forte a natalidade (de 33,1‰ en 1980 a 24,9‰ en 1995), polo que estes países ofrecen unha posibilidade alta de relevo xeracional, acentuado máis nalgúns países ca noutros. Na configuración social de Iberoamérica hai que salientar, en primeiro lugar, a súa ligazón co proceso de conquista e colonización do continente. O primeiro protagonista da poboación americana son os amerindios, que viron afectada a súa vida cotiá polos invasores, aínda que non sexa máis que pola introdución de instrumentos de ferro que transformarían a agricultura, a encomienda (explotación gratuíta do traballo indíxena) ou os repartimientos, sexan agrícolas ou mineiros (como a mita andina). Outras estruturas que afectaron moito á vida cotiá da poboación indíxena foron as reducións, que supuxeron un inmenso movemento de pobos co fin de redistribuír a poboación en comunidades pechadas nas que se puidese impartir a doutrina cristiá. A poboación amerindia precolonial oscilaba ao redor dos 10 millóns de habitantes (aínda que hai cálculos que dan a cifra de 18 millóns); fronte a ese continxente, os invasores europeos non habían ser máis de 100.000. Ademais dos factores socio-económicos introducidos polos europeos, cómpre lembrar que a chegada dos primeiros colonizadores coas súas enfermidades contra as que os indíxenas non tiñan defensas, fixo que comezaran dous séculos dunha gran mortaldade; estímase que a peste iniciada en México en 1580 e 1595 reduciu a poboación indíxena de cinco a dous millóns. O segundo elemento importante na poboación americana son os afroamericanos, descendentes dos escravos africanos que o mercado europeo introduciu en América. En 1504 aparecen os primeiros escravos en San Domingos, que servían como man de obra para a explotación dos recursos agrícolas tropicais (azucre, cacao e tabaco), principiando así un novo xeito de escravismo salvaxe que se prolongou durante varios séculos, sobre todo no que se coñece como Triángulo da Morte. Este triángulo iniciábase en Ámsterdan, Londres, Manchester, Lisboa ou o Havre, de onde partían os navíos con produtos europeos (armas, ferramentas, etc) que intercambiaban por escravos nas costas occidentais de África -que logo vendían en Bahía-, na Cartaxena colombiana, na Habana e no Porto Príncipe de Haití; e por ouro, prata e produtos tropicais nas colonias do sur da Nova Inglaterra americana. Todo ese valor obtido no comercio de escravos chegaba aumentado ás metrópoles europeas. A resistencia dos escravos foi continua, como testemuñan os quilombos do Brasil ou as costas do Pacífico centroamericano, que foron refuxio dos escravos británicos de Xamaica. O número de escravos africanos que chegaron a América estableceuse en máis de seis millóns, aos que cómpre engadir preto de cinco millóns que morreron nos barcos negreiros cruzando o Atlántico. Deste xeito, os escravos africanos distribuíronse ao longo do continente americano: o sur dos EE UU, o Caribe, a costa atlántica de América central, o norte e máis o leste de Colombia, o Pacífico dende Ecuador ata Centroamérica, as tres Güianas e O Brasil. Outro compoñente importante na poboación americana son os asiáticos, entre os que cómpre distinguir os hindús e os indonesios, que chegaron a América traídos dende a India ou Indonesia ás colonias británicas e holandesas; e os chineses, xaponeses, etc, que chegaron como inmigrantes recentemente. Entre os descendentes dos europeos hai que establecer unha clara división entre os mestizos -os “fillos de Malinche”, segundo Carlos Fuentes-, os crioulos e os inmigrantes chegados nos séculos XIX e XX. Os mestizos, fillos e fillas de indias e de españois, son a poboación maioritaria en Iberoamérica; sen embargo, non teñen unha identidade tan clara como teñen os africanos ou os asiáticos, non son nin amerindios nin europeos. Non sufriu como o amerindio ou o escravo africano, pero é igualmente un oprimido dentro da situación estrutural de dependencia cultural, política e económica, tanto na orde internacional como na nacional. O segundo elemento de procedencia europea, o crioulo (a poboación branca norteamericana), son fillos e fillas de brancos nacidos en América. A intensidade do movemento migratorio seguiu as vicisitudes políticas e económicas de Europa; despois do ciclo revolucionario europeo do 1848 chegaron doce millóns de europeos. Na fin da Segunda Guerra Mundial, coincidindo coa momentánea prosperidade dalgúns países, continuou a inmigración, pero dende 1955 o saldo migratorio entre Iberoamérica e Europa é negativo. Un exemplo ben coñecido e moi próximo é o caso da inmigración galega a América. No 1773 produciuse a primeira emigración organizada de galegos a América, principiándose un feito de importantes consecuencias demográficas, económicas e sociais para o país galego. Na primeira metade do s XIX a emigración a terras americanas comezou a adquirir importancia en termos cuantitativos; entre 1860 e 1910 abandonaron a súa terra definitivamente medio millón de galegos. A depresión económica da década de 1930 fixo que volveran parte dos emigrantes, pero logo da Guerra Civil Española e da Segunda Guerra Mundial milleiros de galegos dirixíronse novamente a Iberoamérica. A emigración galega da segunda metade do s XIX e primeira metade do XX dirixiuse preferentemente a Arxentina, Uruguai, O Brasil e Cuba; tamén México, Chile, Perú, a República Dominicana e Porto Rico acolleron inmigración galega. A abertura no 1955 de consulados venezolanos en Vigo e A Coruña facilitou a emigración de galegos a Venezuela dende esa data, feito que se reforzou pola entrada de España ese mesmo ano no Comité Intergubernamental de Migracións Europeas (CIME): entre 1955 e 1958 unha de cada seis persoas ceduladas en Venezuela era de orixe galega. Relacionadas co proceso migratorio, xurdiron asociacións mutuais, recreativas, políticas e culturais galegas en Iberoamérica. Os centros asociativos da propia comunidade, organizadores de actos sociais de confluencia e agregamento adquiriron importancia nas vivencias dos galegos emigrados e na permanencia na súa identidade. As primeiras entidades e asociacións galegas xurdiron na década de 1850 na zona do Río da Prata. Durante as tres primeiras décadas do s XX fundáronse preto de catrocentas asociacións galegas de carácter instrutivo no continente americano, sendo A Habana e Bos Aires os principais escenarios da difusión destas sociedades. A organización social dos galegos en terra americana repercute tamén nas condicións materiais da vida en Galicia e na cultura galega en xeral: durante os séculos XVII, XVIII e XIX a actuación filantrópica dos galegos residentes en América orientouse á educación, á beneficencia e a fundacións relixiosas. No s XIX produciuse un cambio importante ao desapareceren as fundacións relixiosas. Cómpre salientar as 336 escolas que se construíron en Galicia, cun ideario pedagóxico que apuntaba a un prototipo de escola rural con capacidade rexeneradora e cun financiamento que, na maior parte dos casos, chegaba dende América. As importantes iniciativas culturais propostas dende os ámbitos galegos de América foron de moi diversa natureza, salientando entre elas a creación da Biblioteca América, inaugurada no 1926 e única no seu xénero, e a Real Academia Galega. A distribución desta poboación calculouse do seguinte xeito para o conxunto das colonias españolas durante o s XVIII: 7,5 millóns de amerindios, 5 millóns de mestizos, 3 millóns de brancos e 0,78 millóns de negros. Na actualidade, a poboación indíxena americana continúa a ser maioritaria en países como Guatemala, onde os maias constitúen o 55% da poboación, Perú, onde os quechuas representan o 47,1% e os aimarás o 5,4%; e Bolivia, onde os diferentes grupos indíxenas chegan a agrupar o 42% da poboación. Así mesmo, os amerindios constitúen unha porcentaxe bastante elevada na poboación de países como Ecuador, onde os quechuas son o 40% da poboación; O Salvador, onde os amerindios son o 20%; en México o 30%; e representan menos do 10% da poboación en países como Arxentina, Belice, O Brasil, Chile, Costa Rica, Dominica, Güiana, Honduras, Nicaragua, Panamá, Paraguai e Surinam. Os mestizos son o sector da poboación maioritario en América, representan un terzo da poboación total, sendo a poboación maioritaria nos seguintes países: Chile (91%), Paraguai (90,8%), Honduras (90%), O Salvador (70%), Nicaragua (69%), Venezuela (67%), Panamá (64%), México (60%), Colombia (58%), Belice (43%) e Ecuador (40%). Ademais, constitúen un grupo importante en países como: Bolivia, O Brasil, Guatemala e Perú. Froito do escravismo, existe unha importante poboación afroamericana nos países do Caribe: Saint Kitts e Nevis (95%), Antiga e Barbuda (94,4%), Barbados (92,5%), Haití (90% e 9% mulatos), Santa Lucía (90%), Dominica (89%), Granada (84,9%), San Vicente e Granadinas (82%), Xamaica (74,7%), Bahamas (72%), República Dominicana (11% e 73% mulatos) e Cuba (12,4% e 17,3 mulatos). Así mesmo, persisten poboacións afroamericanas (negros e mulatos) nos seguintes países: O Brasil (5,9%, onde máis de 60 millóns de habitantes se declaran descendientes de África), Colombia (20%), Costa Rica (3%), Ecuador (5%), Honduras (2,1%), Nicaragua (9%), Panamá (14%), Surinam (10%), Uruguai (6%) e Venezuela (10%). Dous casos particulares, froito tamén do colonialismo recente, son a Güiana (51% de hindús e 32,8% de afroamericanos) e Surinam (30% de hindús, 16% de indonesios, 10% de afroamericanos e 1,7% de chineses); ademais, hai poboacións asiáticas significativas (aínda que en ningún caso superan o 5%) en Costa Rica, Granada, Santa Lucía e Xamaica. Por último, a poboación descendente de europeos (crioulos e inmigrantes) é maioritaria nos seguintes países: Costa Rica (87% de crioulos), Uruguai (86%), Arxentina (85%), Cuba (70%) e O Brasil (54%). Así mesmo, en países onde a poboación maioritaria é indíxena (Bolivia, Guatemala, Perú), mestiza (Chile, Colombia, México, etc), afroamericana (illas do Caribe) ou asiática (Güiana), a poboación europea é minoritaria.
O problema racial
O problema racial en América, onde non todos os grupos humanos ocupan un lugar semellante no espazo social, non é unha cuestión biolóxica, senón que social. A invasión e maila colonización conseguinte configuraron unha composición social na que salientan os indíxenas amerindios, os descendentes de europeos (crioulos e inmigrantes), os mestizos, os mulatos e os afroamericanos. No mesmo momento de pisar o conquistador a terra americana comezou a mestizaxe. Nas primeiras décadas da conquista española en América todas as colonias españolas rexistraban un elevado número de mestizos. Nestes primeiros anos, o poder real ve a mestizaxe como un feito natural, obsérvao sen temor e aparentemente (Cédula Real de 1514) sen prexuízos. Non obstante , malia esta igualdade legal mantida aínda por Filipe II en outubro de 1556, o branco configúrase como señor; o indio como dependente, peón, encomendado, repartido, etc; o mestizo como artesán e dependente nos oficios da urbe; e o negro, que axiña aparecería nas relacións de produción americanas, como escravo. Deste xeito, a realidade establece unha escala de cores raciais dende branco a indio que se corresponden axiña cunha escala de funcións sociais. Fronte a este feito, xa en 1576 aparecen as primeiras Cédulas Reais onde se lexitima a discriminación racial: non se admitiría a mestizos para escribáns e notarios públicos; tampouco podían ser “protectores de indios” nin ser ordenados sacerdotes; prohibiríaselle entrar nas facultades universitarias, etc. No s XVII xa estaba ben asentada unha verdadeira “campaña contra os mestizos” que os limitaba en todos os seus dereitos, non os admitía nos servicios públicos (nin sequera nas tropas regulares) ou limitábanselle os seus dereitos a herdar dos seus pais, entre outras medidas. Ademais o grupo racial que ostentaba o poder, o grupo dos brancos europeos, era o que conscientemente efectuaba a distribución dos oficios, honras e dignidades de acordo cos seus intereses económicos e sociais. Nese momento, naceu o racismo como coartada perfecta para lexitimar a explotación económica, pois era o poder o que establecía as subdivisións sociais, ás que lle daba unha explicación en termos biolóxicos. Pero esa campaña contra os mestizos -interpretada, segundo Alejandro Lipschutz, como causa do dinamismo social-, ocupaba unha franxa crítica na proximidade da zona exclusivamente branca que puña en perigo os dereitos reais dos brancos e o seu exclusivo acceso aos recursos económicos. Na diverxencia entre os uru, un pobo cazador-recolector primitivo do Perú, e os aimara, pobo agrícola do Perú, xerouse tamén unha discriminación racial en detrimento dos primeiros que se explica unicamente en aplicación da estrutura social que lle afectou aos indios nas súas relacións, malia que como indíxenas estiveran discriminados fronte aos europeos. A introdución dos escravos africanos, a pesar da súa posterior emancipación, introduciu un factor novo na lei do espectro das cores raciais que se integrou plenamente na escala de discriminación social. En 1942 Pierson estudiou a participación de negros, mulatos e brancos en 38 distintas profesións de Bahía (O Brasil). O diagrama resultante mostrou un dinamismo social extraordinario no que están implicadas as cores raciais. Canto máis alta socialmente é unha profesión, tanto menor é o número de negros que participan nela. A curva de mulatos ten dous mínimos: o primeiro mínimo coincide co máximo da zona negra e o mínimo da zona branca; o segundo mínimo mulato coincide co máximo da zona branca e o mínimo da zona negra. Os puntos culminantes do dinamismo social, en canto este depende da lei do espectro, acádanse nas chamadas “zonas críticas”: a zona crítica negro-mulata, dende a que os negros van cara a abaixo e os mulatos cara a arriba; e a zona crítica mulato-branca, dende a que os mulatos van cara a abaixo e os brancos cara a arriba. O bloque social oprimido, que se rebelou contra a burocracia e os grupos comerciais e financeiros españois e portugueses, sufriu unha fonda mudanza no seu interior no transcurso do s XIX, cando os crioulos pasaron de ser un dos rostros oprimidos a seren os dominadores da nova orde colonial. Os crioulos, que sentían América pero dun xeito distinto ao universo do resto dos oprimidos, axiña asumiron primeiro o liberalismo positivista e logo o ‘desenvolvemento’ de dependencia modernizada. O problema racial en América continúa a estar presente na estrutura social do continente. A vida dos indíxenas apenas se respecta cando hai intereses económicos por medio: explotacións mineiras e petroleiras, facendas agrícolas e explotacións forestais. Neste sentido, cómpre indicar que varios dirixentes dos zenus colombianos morreron asasinados por defender as súas terras fronte aos intereses mineiros. Así mesmo, os iukpas e os iabaranas de Venezuela son considerados polos gobernantes como unha ameaza para o progreso e, entre outros, os chipewa de Wisconsin, un pobo que parecía non estar ameazado, está a ver ameazados os seus dereitos -corren o risco de extinguirse como pobo- por mor dos intereses dunha compañía mineira. Así mesmo, os habitantes dos territorios da Confederación das Primeiras Nacións Indíxenas están vendo como os seus dereitos, parcialmente recoñecidos nos tratados que asinaron entre 1871 e 1921, están a ser negados polo goberno canadiano dende 1982 debido aos intereses forestais contrarios aos dos indíxenas athapaskans, algonquinos, etc. Un caso de maior gravidade é o das nacións indíxenas que non asinaron ningún tratado, pero que tampouco sufriron nunca ningunha derrota. Os indíxenas inuit ou os nuu, ven ademais como se constrúen encoros que asulagan os bosques ou se deforestan. Tamén o Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN), malia a súa vontade “intergaláctica”, é un movemento profundamente indixenista que arrinca da toma de conciencia do pobo de Chiapas. Os dereitos dos maias, dos quechuas, dos ianomamis e doutros pobos indíxenas de América sofren atropelos semellantes nos diferentes países americanos. A situación dos mestizos e dos afroamericanos, nas últimas décadas, mellorou considerablemente; sen embargo, esa estrutura social e racial determina aínda a estrutura urbana de numerosas aglomeracións do continente. En Cidade de México, San Paulo, Río de Xaneiro, Lima, Santa Fe de Bogotá ou Santiago de Chile, os amerindios, os mestizos, os afroamericanos, os zambros e os mulatos viven na pobreza das zonas periféricas onde as condicións hixiénicas, sanitarias e urbanas son inexistentes. Ben distinto é o caso das vilas residenciais desas mesmas cidades onde vive a elite social en verdadeiras cidades fortaleza. Na Paz, por exemplo, a gama das cores reprodúcese espacialmente. Así, os crioulos e os descendentes dos europeos chegados a Bolivia no s XX (alemáns, españois, etc) habitan amplos espacios urbanos no chan andino; os mestizos ocupan un espazo intermedio nas abas das serras que rodean a cidade e nas estribacións da chaira, xa afastados da sede do goberno e do centro comercial; e os amerindios (aimarás e quechuas) viven nas zonas altas da serra. Os campesiños son, en América do Sur, indíxenas que abandonaron as súas comunidades, mestizos empobrecidos, zambros ou mulatos que se dedican a traballar a terra que constitúen unha masa de pequenos propietarios de unidades máis ou menos improdutivas, de eixidos sen posibilidades reais de competencia, peóns de campo mal pagados e unha masa indefinida de traballadores rurais sen terra que se comezaron a organizar legalmente na década dos noventa: o Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) do Brasil agrupa a máis de 30 millóns de campesiños do sertão que se enfrontan cun feixe de latifundistas (tres centos mil nunha poboación de cento cincuenta millóns) que exercen o absentismo sistemático, pero ocupan un quinto dos escanos parlamentarios, posúen un 46 % do territorio e obstaculizan todo proceso de redistribución dos recursos, o traballo e a produción. Os obreiros teñen unha composición semellante; sen embargo, a súa condición de habitantes urbanos e as condicións laborais que padecen subsúmeos nunha situación marxinal con salarios de subsistencia mínima, grazas á competencia dos mesmos marxinais, que ofrecen o seu traballo a prezos infrahumanos (como os braseros ilegais nos EE UU). En EE UU, as condicións sociais dos grupos raciais experimentaron un desenvolvemento particular ao longo do s XX. Os movementos pola igualdade de dereitos dos afroamericanos conseguiron unhas cotas de igualdade legais que lles permitiu participar en igualdade de dereitos nas administracións, no exército, etc. Non obstante , o exercicio real deses dereitos difire entre os estados onde aínda perduran verdadeiras discriminacións raciais, así como nas cidades, onde se formaron verdadeiros guetos raciais. Así, por exemplo, na cidade dos Ánxeles a división espacial correspóndese plenamente coa división étnica (hispanos, afroamericanos, chineses, etc) que residen nela. A vida da marxinalidade, que engloba os sectores baixos da sociedade (campesiños e obreiros), correspóndese cunha falsa estrutura ideolóxica (a división dunha continuidade biolóxica en grupos raciais) que estrutura a sociedade en raza-clase.
Os grupos humanos
No continente americano cómpre establecer dous grupos humanos ben diferenciados con orixes diversas: o grupo humano (raza) amerindio e o grupo humano (raza) esquímido. A biodinámica racial dos amerindios obedece a un modelo completamente distinto daquel ao que estiveron sometidos outros grupos raciais. Neste sentido, segundo Comas, cómpre salientar os seguintes factores: o poboamento de América foi moi recente (entre 30.000 e 100.000 anos); malia algunhas excepcións (os maias, os aztecas e os incas), o illamento entre as poboacións amerindias e o seu pequeno tamaño puideron actuar como factores de diferenciación; tamén a diversidade ambiental á que se tiveron que adaptar os primeiros grupos amerindios que ocuparon a totalidade do continente. O poboamento de América fíxose mediante movementos migratorios rápidos que permitiron nuns poucos milleiros de anos acadar o extremo meridional do continente (hai 10.000 anos había poboación humana na Terra do Fogo); as vagas migratorias foron do tipo repregue ou pasivo, non existía ningún motivo para que se dirixisen cara ao sur; as condicións de expansión cara ao sur facilitaban, tamén, o aumento demográfico. Na actualidade existe un amplo acordo sobre a orixe asiática dos primeiros habitantes que chegaron a América. Os antíxenos do AB0 espallados entre as poboacións Xantodermos de Asia e a súa ausencia entre as poboación americanas fai sospeitar que a orixe fose un grupo humano paleosiberiano anterior á división dos mongoloides típicos. Xa que logo, están desacreditadas outras teorías como o autoctonismo do amerindio, sostida por Ameghino; a emigración a América, na época precolombina, de melanodermos africanos; a emigración transatlántica de elementos cromañoides; a hipótese de Montandon, que sostiña unha orixe polinésica das poboacións amerindias; a emigración transpacífica, a través da Antártida, de aborixes australianos, como propuña Mendes-Correa; ou a mestizaxe de caucasoides, mongoloides e australianos, segundo propuña Birdsell. A variabilidade xenética e ecolóxica fixo posible unha certa diferenciación entre o grupo humano amerindio, que se caracteriza polos seguintes trazos: a estatura de tipo medio, pero con grandes oscilacións extremas; a estrutura corporal é robusta, braquimorfa, con anchura biacromial e bicrestal que lle confiren ao tronco un perfil frontal cuadrangular (ombreiros tan amplos como as cadeiras). A pigmentación da pel varia entre o castaño amarelo claro e o escuro. Os seus cabelos son negros e lisos, agás os indios das fragas tropicais, que os teñen lixeiramente ondulados. O índice cefálico adoita ser elevado, con escasos núcleos de dolicocefalia; a forma do nariz adoita ser aquilina ou recta, presentando pómulos prominentes; a morfoloxía da rexión ocular ofrece, con frecuencia, os trazos do chamado ollo mongólico; é característica a presenza de incisivos superiores en forma de pa escavados na face posterior da coroa; non ofrecen prego palpebral e o epicanto non existe nos homes adultos, aínda que é normal en mulleres e nenos. Malia a homoxeneidade do grupo, establecéronse varios subgrupos humanos. Seguindo a Comas, estes subgrupos son os seguintes: norpacífico, que habita en Alasca e na zona comprendida entre as Rochosas e o Pacífico; noratlántica, que poboa os territorios comprendidos entre as Rochosas e o Atlántico; surpacífica ou neoamerindia, que habita no litoral pacífico andino; suratlántica ou amazónica, que ocupa zonas moi illadas no interior das selvas do Amazonas; pampeano ou pámpido, as súas poboacións, en perigo de extinción, habitan no Chaco, a Pampa e a Patagonia, ademais dun pequeno reduto no Mato Groso; e paleoamerindia, que agrupa os case extinguidos láguidos, que habitan nalgúns redutos illados do Brasil, e fuéguidos, dos que quedan uns grupos residuais na Terra do Fogo. O segundo grupo humano, representado de xeito autóctono en América, é o grupo humano esquímido. Os esquimós orixináronse probablemente hai uns 7.000 anos na rexión do estreito de Bering, espallándose en pouco tempo (2.000 anos) dende Alasca ata Grenlandia, ocupando as rexións habitables do Canadá setentrional. Na actualidade, os 100.000 esquimós americanos teñen garantida a súa renovación interxeracional. Non obstante , isto non sempre foi así, pois estiveron en varias ocasións a piques de se extinguir. Os trazos que definen os esquimós son: estatura baixa; corpo robusto e estrutura eurimorfa, con tórax amplo, tronco longo e extremidades relativamente curtas acabadas en mans e pés pequenos; a pigmentación da pel é amarela-castaña; o cranio é moi peculiar, alto e en forma de quilla, feito atribuído ao extraordinario desenvolvemento dos músculos mastigadores; a fronte é estreita e alta e a face presenta un contorno pentagonal moi característico; o cabelo é case sempre negro, groso e lacio. Entre os esquimós americanos recoñécense cinco grupos que non chegan en ningún caso a establecer unha sistematización racial diferenciada: esquimós caribú, non son costeiros e habitan na rexión occidental da badía de Hudson; esquimós do cobre, habitan ao redor do golfo de Coroación, entre illa Victoria e o distrito de Mackenzie; esquimós ammassalimiut, habitan na Grenlandia oriental; esquimós da costa do Labrador; e, por último, os esquimós de Thule, tamén chamados esquimós do Polo, que habitan na costa noroccidental de Grenlandia. A partir do s XVI América recibiu migracións moi importantes de xantodermos europeos, principalmente mediterráneos na metade meridional do continente e nórdicos, na metade setentrional e, dende o s XVIII, de melanodermos africanos.
As etnias e as culturas
A América indíxena é unha rexión da humanidade cultural e historicamente moi rica e variada. Entre as formas e as estruturas desenvolvidas integramente no continente cómpre salientar tres modelos culturais ben diferenciados: as estruturas que afectan aos “pobos sen historia”, as estruturas do que se vén coñecendo como América nuclear (rexión andina, Guatemala e México, que agrupaban a 9/10 da poboación indíxena calculada no momento da chegada dos europeos a América) e as estruturas mesturadas polos procesos de aculturización e asimilación. A etnoloxía á que aquí se fai referencia é a dos indíxenas no momento que entraron en contacto cos europeos (“pobos sen historia” e América nuclear). Froito das diferentes adaptacións económicas, sociais e culturais a diferentes ambientes e espacios, os pobos indíxenas americanos poden agruparse en 18 áreas culturais ben diferenciadas. A área esquimó ou ártica, dende o L de Grenlandia ata o NL de Siberia, ten como trazos distintivos a lingua inuit e iupik, a caza de mamíferos mariños, as esculturas en óso, o trineo de cans, o caiac, as vestimentas de peles, os habitáculos galciares (os iglús, o chamanismo polar, etc). A área de Mackenzie comprende unha rexión de Alasca e do Canadá ao redor dos 55°N. Lingüisticamente é a zona orixinaria das linguas atapascanas. A poboación depende fundamentalmente da caza do caribú, da recolección e da pesca. Os seus elementos característicos son a crenza nun Grande Espírito transcendente. Dende o punto de vista social organízanse en bandas migratorias. A área do nordeste ou dos bosques orientais comprende a rexión dos Grandes Lagos, Nova Inglaterra e o oriente da badía de Hudson. Lingüisticamente recolle falas algonquinas e iroquesas. É unha área de agricultura primitiva (millo, feixón, cabaza) asociada coa caza, a pesca e a recolección. A muller tiña grande importancia ao levar a dirección da familia. Era peculiar a casa longa ou habitación multifamiliar. Existían nas súas comunidades sociedades secretas baseadas no uso dos seus coñecementos médicos exclusivos das persoas que eran membros. Era característica a concepción dun espírito protector individual. A área do sueste comprende a costa atlántica no sur do estado norteamericano de Virxinia e, en parte, a do golfo de México. A maioría das súas etnias pertencen ao grupo lingüístico muskogee. Trátase dunha área semellante á das fragas orientais, pero de cultura un pouco máis avanzada. As tribos eran de estrutura social estratificada, como o demostra a súa división en castas. A área do sudoeste comprende os estados de Arizona e Novo México. Lingüisticamente, predominan os grupos uto-azteca e o hokan. As etnias máis características coñécense globalmente polo nome de pueblos, son os hopi, os zunis, os tano e os queres; así como os papago, os havasupai e os iuman. Malia que os navahos e os apaches, lingüisticamente atapascanos, habitan nesta rexión, non se consideran etnias típicas. Os elementos máis característicos son o urbanismo incipiente e a agricultura de regadío. Habitan en casas elevadas. Nesta área desenvolveuse moito o simbolismo relixioso en todas as súas actividades. É característica destas prácticas a kiva, unha habitación subterránea dedicada á vida espiritual. A área das praderías ocupa a rexión continental central de América do Norte. Comprende seis grandes grupos lingüísticos: algonquino, atapascano, kiowa, caddo, sioux e uto-azteca. Por mor da heteroxeneidade lingüística, practicábase intensivamente a linguaxe de sinais de fume e a mímica. A poboación dependía, absolutamente, da caza do bisonte. Outros elementos característicos das etnias desta área son o nomadismo, o tipi ou tenda forrada de coiros, o transporte feito con cans, a conserva de carne denominada pemmican, a arte xeométrica e tamén a guerra que foi unha das actividades de prestixio dominantes. A aculturización destes pobos polos casteláns estableceuse en función do cabalo e das armas de fogo. A área de California e da Gran Conca, situada entre a serra de Wasatch no centro das montañas Rochosas e o océano Pacífico, comprende as familias lingüísticas hokan, algonquina, atapascana, penuti e uto-azteca. Os grupos máis característicos son os choichóns, os ute, os vaso e os paiute. É unha área cultural baseada na recolleita de landras e piñóns; e, precisamente, a causa da abundancia destas colleitas eran sedentarios. A densidade demográfica era relativamente alta: 1,52 h/km2. Un elemento moi característico foi a cestería, que se realizaba cunha técnica moi elaborada. A área do altiplano comprende as concas dos ríos Fraser e Columbia. Lingüisticamente, predominan catro familias: atapascana, algonquina, penuti e mosan. Representa unha zona cultural de transición entre as áreas veciñas. A base económica é a pesca do salmón e a recolección. Como grupo característico pódese citar o sanpoil-nezpercé, que habitaba na rexión de Columbia, grupo de fala salish. A área da costa noroeste comprende o litoral dende a baía de Yakutat ata o norte de California. É unha área lingüisticamente diversificada (grupos atpascáns, penuti, algonquino e salish). A súa economía, moi especializada, baseábase na pesca do salmón, a caza de mamíferos mariños e a agricultura de millo. Son trazos característicos: o sombreiro de forma cónica, a tatuaxe corporal, a deformación craniana, os relevos en madeira, os tótems -de moita importancia na vida social-, a artesanía esotérica, o potlach (cerimonia moi particular que consistía no consumo dos excedentes agrarios anuais para evitar dese xeito a acumulación de riquezas de xeito individual), etc. A maior parte dos seus grupos étnicos comunicábanse a través do mar. Na árida área do norte de México predominan, dende o punto de vista lingüístico, os grupos hokan, iuma, uto-azteca e atapascán. Considérase unha área de transición e de paso. Entre os grupos da costa predominaban a pesca, en tanto que aqueles que vivían en zonas húmidas e fluviais practicaban tamén a agricultura. A área de Mesoamérica limita ao norte por unha liña moi fluída constituída polos ríos Sinaloa, Santiago, Lerma e Pánuco. Ao sur, a fronteira está formada por unha liña convencional, a do golfo de Nicoia, en Costa Rica. Era a área cultural indíxena máis avanzada de América no momento de se producir o descubrimento europeo. Os grupos lingüísticos predominantes son o penuti, o otomango e o uto-azteca. De todos os grupos que habitaban nesta área cómpre salientar os aztecas e os maias. Economicamente é unha área de agricultura de regadío e de horta, con cultivos intensivos e moi variados (millo, feixóns, cabaza, algodón, cacao e tomate). A artesanía e a arquitectura estaban moi desenvolvidas. Coñecían a escritura (tipográfica, entre os aztecas, e xeroglífica, entre os maias). Tiñan avanzados coñecementos de matemáticas e astronomía. Vivían en cidades moi organizadas. A relixión azteca dominaba toda a vida social; a sociedade, o exército e o goberno estaban supeditados á relixión como crenza e como forma de vida. Neste sentido, cómpre salientar a complexidade do seu politeísmo e da súa organización sacerdotal. A organización social azteca nas súas orixes era igualitaria. Non obstante , axiña adoptou unha estrutura moi xerárquica encabezada polo tlatoani (emperador), con amplos poderes relixiosos e militares, e seguida pola nobreza; as restantes clases sociais organizábanse pola súa función social. Os aztecas practicaban a guerra imperialista. Así mesmo, como indica Dussel, os aztecas foron a primeira experiencia forte do ego europeo en controlar outro imperio. Os maias non formaban ningún estado homoxéneo. Organizábanse arredor de pequenas cidades-estado que podían asociarse baixo determinadas circunstancias políticas, relixiosas ou culturais. A área andina comprende a rexión dos Andes dende 2° 1’ N ata os 30° 1’ S. Ten catro linguas predominantes: o quechua, o muisca ou chibcha, o aimará e o araucano. A base cultural común das etnias desta área eran a agricultura (a miúdo practicada segundo a técnica dos feixes e con irrigación), a metalurxia (a máis evolucionada do continente americano), a cerámica e o tecido. A área andina posuía unha cultura urbana, politicamente moi desenvolvida, cun estado imperialista, o dos incas, que dominou as outras etnias. Sobresaían nas construcións públicas e monumentais, e dominaban a práctica cirúrxica e a navegación. Así mesmo, desenvolveron uns sistemas de organización social e política moi eficaces que permitían manter unha forte cohesión social. A área austral ou dos foguinos comprende a costa pacífica sur da illa de Chiloé, en Chile, ata as illas do cabo de Hoorn. É unha área cultural, quizais a máis primitiva de América, considerada marxinal. A economía baséase na pesca e na recolleita de moluscos. A cultura material era moi pobre e socialmente agrupábanse en pequenas unidades familiares. Lingüística e etnicamente había, de norte a sur, tres grupos, actualmente extinguidos: os chono, os alakaluf e os iagan ou iamana. A área das chairas arxentinas está fundamentalmente constituída polos territorios da illa grande da Terra do Fogo, a Patagonia e a Pampa. Lingüisticamente, hai diversos grupos: o chono, o puelche e o chechehet. Economicamente dependen da caza do guanaco. Socialmente organizábanse en bandas migratorias dirixidas por un cabeza de familia que se ocupaba da resolución dos problemas económicos e dos litixios. A área do Gran Chaco é unha zona de transición, sen un verdadeiro foco cultural aglutinador e distintivo. Lingüisticamente, estaban representados os grandes grupos guaicurú, mascoi, lule-vilela, mataco-macano, zamuco, tupí-guaraní e arauaco, cun total de preto de 50 etnias ben diferenciadas. A caza era denominador común en todos os grupos que a habitaban. As tribos do Gran Chaco eran moi belicosas e moitas eran orixinarias da Pampa, dos bosques tropicais e da rexión andina. O grupo que ocupaba a zona xeograficamente máis extensa era o guaicurú. Os poboadores do Chaco eran de vida seminómada; os seus poboados dependían dos ciclos naturais da produción vexetativa e das avenidas dos ríos. A área do Brasil central e oriental comprende a rexión central do Brasil e a costa do país, dende o extremo meridional ata a desembocadura do Amazonas. É unha zona de altiplano. Lingüisticamente predominan os grupos ge e tupí, pero hai un conxunto moi variado de sociedades e de grupos étnicos ben diferenciados. Practican, sobre todo, a caza, a pesca e a recolección, aínda que a maioría coñece a agricultura. Cazan e recollen durante certas tempadas do ano e volven aos seus poboados para a colleita e a sementeira. A área das selvas tropicais e ecuatoriais está basicamente localizada nas concas do Amazonas e do Orinoco. Lingüisticamente hai tres grandes familias: arauaco, caribe e tupí-guaraní. O factor básico da área é a auga: todos os grupos viven nas ribeiras dos ríos. Os centros ou focos culturais desta área atópanse nas Güianas e no Baixo Amazonas. A agricultura baséase no cultivo de mandioca, con dúas variedades, unha amarga e outra doce. Tamén practican a caza, a pesca e a recolección. Son característicos o tabaco, os palafitos e as casas multifamiliares, o parentesco matrilineal e o canibalismo. A área circuncaríbica localízase nas Antillas Maiores e nas Menores, nas costas do mar do Caribe -dende Nicaragua ata Venezuela- e nas costas de Colombia e do norte de Ecuador. As familias lingüísticas dominantes son a arauaco e a caribe. Os grupos culturalmente máis evolucionados son os arauacos, representados polos taino de Cuba, de Haití e de Porto Rico, bos agricultores e posuidores dunha organización social complexa. Os caribeños basean a súa subsistencia na pesca, feito que os fixo ser uns excelentes navegantes. A agricultura, sen embargo, apenas está desenvolvida. Os trazos máis característicos son as adaptacións feitas dos elementos culturais mesoamericanos e dos bosques tropicais no conxunto da área.
As linguas
No conxunto do continente americano cómpre establecer unha división inicial entre linguas indíxenas (amerindias e esquimó) e linguas de incorporación a través da colonización (principalmente, portugués, inglés ou francés), que nalgúns casos terían desenvolvementos peculiares como o crioulo. A característica fundamental das linguas amerindias é a diversidade na orixe de cada unha das familias que as compoñen. O gran número de linguas incluídas (ó redor dunhas cincocentas) e a escasa documentación existente sobre elas fai que as propostas sobre o número mínimo de familias e as súas tipoloxías varíen considerablemente. Deste xeito, pódense atopar desde propostas que identifican, para Norteamérica e Centroamérica, cincuenta familias, ata estudios máis recentes que presentan un número moito máis reducido. O mesmo sucede con Sudamérica, onde as propostas van desde un máximo de cen familias ata un mínimo de tres. As recentes clasificacións, que parten das investigacións antropolóxicas que confirman unha orixe cultural común, distinguen as seguintes familias no amerindio: a macro-sioux, a hokan, a penutian, a azteca-tanoan, a oto-manguean (en América do Norte e Central) e a andino-ecuatorial, a ge-pano-carib e a macro-chibchan en américa do Sur. A lingua macro-sioux leva este nome porque a maioría das linguas que a compoñen son da familia sioux, que se estende en América do Norte polos territorios das Grandes Chairas e as Praderías Centrais cara ao leste. Entre as linguas vivas incluídas nesta familia están: o dakota, o crow, o winnebago e o omaha-osage, faladas polas tribos indíxenas do mesmo nome. Neste mesmo grupo, pero cunha extensión menor, atópanse tamén nos territorios norteamericanos: a familia iroquian, espallada por algúns puntos do leste e que inclúe linguas coma o cherokee e o mahowk; a familia caddoan á que pertencen linguas coma o caddo, no leste, e o wichita e o parwnee, nas Praderías Centrais, e dúas linguas illadas no leste, o catawba e o yuchi, que teñen unha relación máis estreita coa familia sioux que coas restantes. A lingua hokan inclúe algunhas pequenas familias e linguas illadas espalladas pola costa noroeste ata California, na Gran Conca e polo sudoeste chegando a Centroamérica. As linguas deste grupo teñen un gran número de falantes, sobre todo, nalgunhas das súas familias coma: a tlapanecán a e tequistlatecán, en México, ou yuman, en Arizona e California. A lingua penutian é a única familia de América do Norte na que se poden demostrar claramente as relacións coas familias de América do Sur. As súas linguas distribúense dende a costa noroeste e as zonas da meseta do Colorado cara a California (cunha posible extensión ao sudoeste), por Centroamérica cara a Bolivia e por Sudamérica en Chile e Arxentina. As linguas penutian vivas con máis falantes están en América central coma o mixe, pertencente á familia zoque ou algunhas linguas da familia maia coma o quiché, o kekchí, o cakchiquel e o mam. A lingua azteca-tanoan divídese en outras dúas familias: a tanoan (ou kiowa-tanoan) con tres linguas situadas no sudoeste e o kiowa na zona das Grandes Chairas e a uto-azteca. Esta última é a máis extensa e confórmana unha liña de linguas que se falan dende a meseta do Colorado ata California, en Centroamérica e en pequenas extensións nas Grandes Chairas; algunhas delas son: o cahuilla e o luiseño, en California; o paiute e o sashoni, na Gran Conca; os dialectos ute e comanche nas Grandes Chairas, o hopi e o pina-papago no sudoeste ou nahuatl, en Centroamérica. A lingua oto-manguean consta de cinco pequenas familias situadas en Centroamérica. As linguas máis faladas deste grupo son: o otomí, o mixteco e o zapateco. Ademais das familias citadas, existe un certo número de familias de América do Norte e Central para as que aínda non se estableceu unha relación clara coas restantes, é o caso da familia salish na costa noroeste ou da tarascan en Centroamérica. A lingua andino-ecuatorial inclúe o maior número de linguas indíxenas vivas (cerca de duascentas) entre as que están as linguas sudamericanas con máis falantes: o quechua, o guaraní e o aimará. Consta de catorce familias entre as que destacan: o arauco, o tupí, o quechua e o aimará. A lingua ge-pano-carib ten case tantas linguas vivas coma a anterior pero o número de falantes é menor. Está formada por dúas familias: a cariban, con sesenta linguas que aínda se falan en Venezuela, as Güianas, O Brasil e Colombia e a macro-ge que agrupa a máis de vinte e cinco linguas do Brasil. A lingua macro-chibchan conserva trinta e nove linguas espalladas por Guatemala e Honduras cara ao sur, chegando case ata Perú. A familia chibchan, da que recibe o nome, é unha das maiores e consta de dezaseis linguas que se estenden desde Nicaragua ao noroeste de Colombia. O lingüista e antropólogo Edward Sapir recoñeceu outros tres grupos lingüísticos en América (esquimó-aleutiano, algonkian-wakashan e na-dené) que non son amerindias. A lingua esquimó-aleutiana, que se divide en dúas familias (inuit e iupik), fálase en Alasca, terras setentrionais de Canadá, Grenlandia e, en xeral, na zona do Ártico. A lingua algonkian-wakashan, sen filiación determinada, fálase, sobre todo, na península do Labrador. A lingua na-dené, que está emparentada coa familia chinés-tibetana, comprende as familias atapascana (o navaho sería a lingua máis falada desta familia), haida, tlingit e eyak que se falaron orixinariamente en Canadá, aínda que se espallaron cara ao sur polo territorio dos EE UU. Cómpre salientar que non se pode establecer unha identificación automática entre grupos humanos, culturas e linguas, agás no caso dos esquimós; así, por exemplo, a área cultural do norleste, correspóndese cun tipo humano noratlántico (compartido con outras moitas etnias) e falan dúas linguas de familias diferentes: o algonquino (da familia non-amerindia algonkian-wakashan) e o iroqués (da familia amerindia macro-sioux). Das anteriores linguas indíxenas, malia a súa pervivencia nalgunhas comunidades actuais (inuit, navaho, iuman, maia, nahuatl, chibcha, araucano, guaraní, mapuche, tupí, tehuelce ou, entre outras, guaracurú), só o aimará e o quechua son linguas oficiais en Bolivia e Perú; ademais, o guaraní e máis o maia teñen posibilidades reais de constituírse en linguas nacionais no Paraguai e en Guatemala, respectivamente. A difusión das linguas europeas no continente americano seguiu o mesmo proceso de asimilación biolóxica (mestizaxe) e de discriminación racial e social, o que se traduciu nun profundo proceso de aculturización que levou as comunidades indíxenas e mestizas a aprender a lingua colonial, única legal, para entenderse coas administracións e coa autoridade. Alén do caso brasileiro, onde os xesuítas tiveron que forzar a imposición do portugués como única lingua no Brasil fronte ao moi espallado -mesmo nas cidades e como lingua de cultura- tupí, os estados americanos independentes seguiron, en materia de política lingüística, os principios e as prácticas do uniformismo nacionalista de raíz xacobina. Así, na actualidade o español é lingua oficial en Arxentina, Bolivia (xunto co quechua e o aimará), Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, República Dominicana, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, O Salvador, Panamá, Paraguai, Perú (xunto co quechua e o aimará), Uruguai e Venezuela; o portugués no Brasil; o inglés, en Antiga e Barbuda, Bahamas, Barbados, Belice, Canadá (xunto co francés), Dominica, Estados Unidos, Granada, Güiana, San Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e Granadina e Xamaica; o francés, en Canadá (xunto co inglés) e Haití (xunto co crioulo); e o holandés, en Suriname. Así mesmo, un fenómeno interesante na configuración lingüística do continente é o resultado do contacto entre as linguas de dominación (inglés, francés, español ou portugués) coas linguas africanas faladas polos escravos que chegaron a América a partir do s XVI. Froito das necesidades de comunicación entre estas dúas poboacións xurdiron unha serie de linguas que se converteron en linguas de comunicación normal: os crioulos. Entre os crioulos franceses hai que mencionar o de Haití (oficial xunto co francés); entre os ingleses, o gullah das illas da costa de Virxinia e a de Xamaica; no portugués, o papiamento.
As relixións
A relixión maioritaria entre as profesadas no continente americano é o Cristianismo, levado alí polos europeos: o 91% dos americanos son cristiáns (1985). Os católicos (73% da poboación) son maioritarios nos países de América Latina (onde moitas veces se practica un sincretismo relixioso entre as súas relixións tradicionais e a católica), entre a poboación canadiana francesa e entre a poboación norteamericana orixinaria de Irlanda, de Polonia e dos países latinos; os protestantes (19% da poboación), en conxunto, son maioritarios nos EE UU, entre a poboación canadiana inglesa e a dos territorios que dependen ou dependeron do Imperio Británico; os ortodoxos (1% da poboación) atópanse, especialmente, entre os inmigrantes procedentes de Europa oriental (Rusia, Ucraína, etc) establecidos nos EE UU e noutros países americanos. Deixando a un lado as relixións primitivas conservadas polas poboacións autóctonas, as relixións non cristiás máis estendidas son a xudía (uns 8.885.000, concentrados maioritariamente na cidade de Nova York), a mahometana e a hindú (estas dúas, entre as poboacións procedentes da antiga India británica, que habitan nas illas do Caribe que dependen ou dependeron do Reino Unido e das Indias Orientais holandesas, que se concentran maioritariamente en Surinam).
A estruturación xeográfico-política e a súa dinámica
O continente americano aparece articulado en entidades políticas de moi desigual peso territorial, demográfico e económico; de moi diversa estruturación étnica, social e política; dun grao de desenvolvemento cultural moi heteroxéneo e tamén de variado estado xurídico-internacional. Estas diversidades fan aconsellable unha división primaria en América do Norte (ó N do Río Grande) e en Iberoamérica (ó S deste límite). América do Norte componse de dous estados xigantes, os EE UU e o Canadá, que ocupan amplas zonas continentais produto do oeste ao leste da dinámica anglosaxona desenvolvida no albor do capitalismo clásico do s XIX. Estes dous estados aseméllanse polo seu elevado desenvolvemento económico e social, na escasa importancia do elemento indíxena e no seu carácter de países de inmigración europea; diferéncianse, sen embargo, pola presenza do elemento francés en Canadá e pola poboación afroamericana nos EE UU. Contrasta coa estrutura territorial do N o esmiuzamento político de Iberoamérica, pois agás algúns países -México, Colombia, Brasil e Arxentina-, os territorios ocupados polas diferentes repúblicas iberoamericanas son pequenos. De entre estes catro grandes países México optou por integrarse nun bloque económico con EE UU e Canadá (Tratado do Libre Comercio); sen embargo, Brasil e Arxentina, que ocupan, xunto con Uruguai e coas Güianas, o extenso litoral atlántico e forman, xunto á inmediata República de Chile, a parte máis desenvolvida economicamente, dedicouse á formación dun Mercado Económico Suramericano (Mercosur). A excepción de Chile, os países do Pacífico (entre os que podemos integrar a Bolivia) caracterízanse por un menor desenvolvemento social e económico, por un menor fluxo migratorio europeo e por unha importante masa de poboación indíxena. Este trazo indixenista caracteriza tamén a México e algúns países de América central. Os países da área do Caribe, incluídos os insulares, caracterízanse por unha acusada dependencia verbo da monocultura (azucre, café, plátanos), ou dun produto mineral case que único, como o petróleo en Venezuela, que os liga fortemente ao seu mercado principal, aos EE UU. A compartimentación xeográfica e a dificultade das comunicacións favoreceron o nacemento de localismos que, cando se veron favorecidos polos intereses dos EE UU, chegaron á separación, como constata o caso das repúblicas centroamericanas que a comezos de século constituían un único territorio. A presenza dos EE UU dentro do continente é, indubidablemente, o feito máis destacado da constelación política americana. A gran desproporción -en termos de desenvolvemento e volume económicos entre os EE UU e Iberoamérica- tradúcese nunha presión constante dos primeiros sobre os últimos nos campos político, económico, cultural e militar, que actúan sobre a multiforme realidade latinoamericana, inzada de tensións e conflitos, orixinando o complexo fenómeno que se vén denominando “imperialismo norteamericano”. A reacción contra este imperialismo e o proceso de desenvolvemento económico, político e social dos países iberoamericanos provocou unha certa influencia de novas potencias extracontinentais (URSS e China) e o declive da influencia de potencias antes hexemónicas na zona (é o caso británico no Brasil, no Río da Prata e en Chile). Todas as circunstancias indicadas fixeron fracasar os esforzos de colaboración política dedicados ao ideal do panamericanismo, que só funcionou esporadicamente.
As desigualdades no desenvolvemento humano
O grao de desenvolvemento económico e social dos países americanos reflítese: no seu diferente desenvolvemento humano tendo en conta a esperanza de vida; o nivel de instrución, representado polo índice de alfabetización dos adultos e o índice bruto de escolarización de todos os niveis reunidos; e a renda representada polo PIB por habitante logo dunha dobre transformación que ten en conta a diferenza de prezos relativos entre os países e o feito de que esa renda non aumenta o benestar humano de xeito lineal. Os países poden diferenciarse entre países cun alto desenvolvemento humano (21 países do total americano), desenvolvemento humano medio (12 países) e débil desenvolvemento humano (1 país). Canadá, cun indicador de desenvolvemento humano cifrado no 0,960, ocupa o primeiro lugar na clasificación mundial. Entre os países cun alto desenvolvemento humano no continente americano cómpre salientar a EE UU (4º) e Barbados (24º), que superan a media dos países máis desenvolvidos. Algunhas illas caribeñas (Antiga e Barbuda, Bahamas, Trinidad e Tobago, Dominica, San Kitts e Nevis, Granada, San Vicente e Granadinas e Santa Lucía) están entre os países cun alto desenvolvemento humano. Os países cunha estrutura económica máis dinámica e cunha sociedade civil organizada arredor de importantes movementos políticos e sindicais, figuran entre os países cun alto desenvolvemento humano: Chile, Costa Rica, Arxentina, Uruguai, Panamá, Venezuela, México, Colombia, O Brasil e Belice. Non obstante , os recentes conflitos sociais, o perigo do involucionismo social e as crises económicas que afectan os países cunha economía menos diversificada, poden repercutir neste nivel de desenvolvemento acadado nas épocas de menores desequilibrios económicos. Neste sentido, Arxentina, O Brasil (especialmente afectado pola marxinación de amplos sectores da poboación urbana e pola falta dunha reforma agraria decidida), Chile, Colombia (con graves problemas derivados do narcotráfico), México e Venezuela (onde cada día son maiores os desequilibrios entre a poboación), son os países cun futuro máis ambiguo. Os países cun desenvolvemento humano medio son Surinam, Ecuador, Xamaica, Cuba, Perú, República Dominicana, Paraguai, Güiana, Guatemala, O Salvador, Bolivia e Nicaragua. A característica común de todos estes países é a súa inestabilidade política (guerras civís en Nicaragua, O Salvador, Guatemala ou Honduras), conflitos políticos internos que asolaron amplos territorios (Perú ou Ecuador), menor desenvolvemento económico, dependencia dun único recurso enerxético, etc. O país menos desenvolvido de todo o continente, que ademais figura entre os países cun débil desenvolvemento humano, é Haití.
As institucións políticas
Os EE UU foron os creadores da fórmula constitucional do federalismo moderno: delimitación das esferas de competencia entre o estado central e os estados federados (no caso norteamericano, por expresa delegación de poder dos últimos ao primeiro); Cámara de Representantes, elixida en proporción á poboación, e Senado con representación igualitaria para todos os estados federados. A esta innovación, a Constitución do 1776 creou, sobre a base dunha ríxida separación de poderes, un executivo unipersoal forte de elección directa. O exemplo norteamericano foi imitado máis ou menos fielmente polos outros países de América. Canadá adoptou o federalismo adaptado á monarquía (expresión do seu vínculo con Commonwealth) e ao goberno parlamentario. O federalismo nos países iberoamericanos non representou máis que un intento de conciliar tendencias localistas de base oligárquica. Nos países latinoamericanos, onde non fracasou abertamente, o federalismo converteuse nunha forma baleira. O presidencialismo foi o trazo norteamericano máis imitado; sen embargo, debido á dinámica social e á estrutura oligárquica do poder derivou, en moitas ocasións, en autoritarismo. Cómpre salientar como único exemplo non presidencialista nas Repúblicas americanas o parlamentarismo chileno do s XIX. As ríxidas constitucións latinoamericanas recollen a concepción liberal de estado, proclaman os dereitos individuais clásicos e, xa no século XX, incorporaron a declaración dos dereitos sociais.
Os factores da configuración política
As estruturas económicas e sociais que determinaron a orixe do poder político e o condicionaron caracterízanse nos EE UU por un grao moi elevado de industrialización e terciarización cun gran predominio da poboación urbana. Se ben a sociedade rural dos EE UU conserva unha certa capacidade de presión política, os principais axentes de poder son: a industria pesada, o capital financeiro, os investidores no estranxeiro e os sindicatos, cunha organización moi sólida (AFL-CIO) dedicada á defensa dos intereses profesionais. Así mesmo, son un poder paralelo as comunidades relixiosas e as organizacións que reflicten os antecedentes étnicos dos inmigrantes e os seus descendentes; un caso paradigmático é o apoio dos irlandeses a determinadas opcións políticas. As numerosas clases medias, que non foron permeables á introdución de ideoloxías revolucionarias, participan dun ideal individualista e competitivo plasmado no self made man; só algúns grupos abrangueron ideoloxías nacionalistas (John Perot) e fascistas (John Birch Society e Nación Aria). Así mesmo, o racismo norteamericano atopou saída en organizacións históricas como o Ku Klux Klan, contrarrestado con movementos de afirmación dos dereitos das minorías; este foi o caso de Martin Luther King e os Black Panthers ou dos movementos en defensa dos dereitos dos musulmáns. Os dous grandes partidos, o Demócrata e o Republicano, perdida case que de todo a súa motivación histórica e sen unha ideoloxía diferenciadora, agrupan clases e intereses económicos e rexionais moi diversos, a miúdo contraditorios dentro dun mesmo partido. Os intelectuais radicais de esquerda, entre os que cómpre salientar a Noam Chomsky, actúan bastante marxinalmente e, unicamente os movementos revolucionarios de estudiantes (manifestacións contra a Guerra de Vietnam, etc) introduciron esporadicamente un elemento de carácter universal dentro do universo pechado da política norteamericana. No Canadá a vida política, tradicionalmente marcada polo seu poderoso veciño do sur, está condicionada pola dialéctica centro-periferia que enfronta o estado federal co territorio francófono do Quebec. A Declaración de Calgary (1997) recoñece o carácter peculiar da sociedade quebequense no Canadá, pero tamén insiste na igualdade de todos os canadianos e de todas as provincias, aínda que o Bloque Quebequés, demanda abertamente a soberanía. O primeiro referendo quebequense de 1995, no que se preguntaba pola concesión de soberanía a favor do Quebec foi contrario á independencia, pero por unha escasa marxe. Na América central e meridional as estruturas agrarias, que teñen aínda un peso decisivo na actividade da poboación da maioría dos estados, padecen unha mala integración entre o latifundismo -que continúa a ser moi importante- e o minifundismo de subsistencia, e permanecen sen modificacións substanciais dende o s XIX, malia algúns intentos de reforma agraria, como: a individualista en Venezuela e Chile, a individualista-colectivista en México e Bolivia, e a estatalista en Cuba. Os modos de vida social agrarios -e, en xeral, precapitalistas (caciquismo, caudillismo, coronelismo)-, sobreviven vigorosamente, adaptándose a transformacións recentes como a da concentración urbana, de grande importancia. Este último proceso é o máis importante con respecto á evolución social e política da área latinoamericana, pois tende a alterar a estrutura da poboación e, polo tanto, do electorado, desenvolvendo un sector terciario dun xeito anómalo en comparación cos países de vello desenvolvemento industrial. A afluencia cara ás cidades concéntrase na existencia dunhas clases medias moi numerosas -en realidade, a maioría son “proletarios de gravata”- e no xurdimento de grandes zonas de chabolismo (os cantegriles uruguaios, as callampas chilenas, as favelas brasileiras, as villas miseria arxentinas, etc), onde vive unha gran masa de inmigrantes rurais en proceso de integración nunha sociedade que se industrializa máis ou menos rapidamente. A industrialización, orientada sobre todo aos bens intermedios e de consumo, fixo crecer considerablemente a forza e a influencia dunha burguesía industrial proteccionista, que se sumou á tradicional de tipo mercantil, vinculada aos intereses agrarios; doutra banda, o proletariado industrial creceu con rapidez e, nos países máis desenvolvidos, transformouse nun factor político de peso. Este proletariado, maioritariamente con conciencia de clase difusa, e vencellados ás súas orixes rurais inmediatas, coa supervivencia das relacións de clientela persoal e política e a aspiración de imitar as formas de vida pequeno-burguesas, presenta, polo xeral, na maioría dos países, un baixo grao de sindicalización. Todo isto explica a tendencia do proletariado a identificarse cos partidos tradicionais e de clase media e, cando non é así, a medrar -ou nacer- ao abeiro de ditaduras civís e militares máis ou menos demagóxicas. Agás algúns casos excepcionais, o partido comunista non conseguiu politizar os sindicatos latinoamericanos en sentido revolucionario. Tampouco a esquerda foi quen de estruturar experiencias democráticas salientables, agás o paradigmático caso da transición chilena cara ao socialismo iniciada co acceso ao poder de Salvador Allende, e que permaneceu reducida a alternativas viables o poder establecido nalgúns países (Partido dos Trabalhadores de Inacio Lula no Brasil) ou nos círculos intelectuais das clases medias. Non obstante , as ideas revolucionarias, moitas veces combinando un nacionalismo antiimperialista cunha democratización da sociedade, guiaron a numerosas guerrillas latinoamericanas que, nalgúns casos, chegaron ao poder: Fidel Castro en Cuba ou Daniel Ortega en Nicaragua. É notable o prestixio e a influencia dos profesionais universitarios -especialmente dos avogados- e a forza -enorme nalgúns países como Colombia ou Perú- da Igrexa Católica, exercida nun sentido predominantemente conservador, malia a difusión da Teoloxía da Liberación entre algunhas comunidades latinomamericanas. O segmento social máis destacado na política de case todas as repúblicas iberoamericanas é o exército, que en moitas delas foi e segue a ser, con moito, a institución máis organizada e eficiente. A acción política do elemento militar (golpismo) cubriu, segundo as épocas e os países, todo o espazo comprendido dende a dereita reaccionaria ata a revolución máis ou menos penetrada de ideas e de solucións marxistas, e sempre pletórica de actitudes nacionalistas. O nacionalismo -principalmente o burgués e limitado ás fronteiras de cada estado- constitúe, xunto cunha profunda impregnación de liberalismo europeo, unha das forzas ideolóxicas dominantes de América Latina. A conxuntura política da América Latina está actualmente dominada pola crise das institucións políticas liberais nos países máis desenvolvidos (chavismo en Venezuela, crise do PRI en México), debido á necesidade de cambio das estruturas sociais e económicas herdadas do pasado, ao descontento da poboación urbana e á loita polo desenvolvemento económico, seriamente dificultado por mor da falta de capitais e da deterioración dos termos de intercambio dentro do mercado mundial das producións primarias latinoamericanas respecto dos produtos industriais.
América precolombiana: as etapas
O extraordinario illamento no que se desenvolveron os americanos antes da chegada de Cristovo Colón dificultou o estudo da súa historia. Admítense polo xeral catro grandes etapas que afectaron ao continente: as orixes e a etapa de poboación durante o Pleistoceno; unha etapa intermedia, pospleistocena, pero aínda sen agricultura; un período de formación, protoagrícola e con agricultura inicial, no comezo das culturas de Mesoamérica; as grandes civilizacións e os imperios. En xeral, correspóndense coas catro etapas do Vello Mundo (Paleolítico, Mesolítico, Neolítico e Idade dos Metais), aínda que difiren nas súas cronoloxías absolutas.
Orixes e poboación
O problema principal da primeira etapa é o da poboación: o punto máis discutido, moitas veces con fantasía dabondo, é o da elucidación do lugar xeográfico por onde chegaron os primeiros poboadores humanos a América. Téndese a aceptar que foi a través do estreito de Bering (as datacións propostas varían entre o 15000 e o 30000 a C) e que os primeiros americanos pertencían a grupos asiáticos paleosiberianos. Debían ser grupos homoxéneos e non moi numerosos que, dende o nordés de Asia, aproveitaron condicións climáticas favorables para pasar polo estreito. A xenética confirma este suposto debido á presencia/ausencia de determinados trazos nas poboacións xantodermas asiáticas e americanas. Así mesmo, na década dos noventa descubríronse xacementos asiáticos cunha cultura material moi semellante á que aparece nos xacementos norteamericanos máis antigos. Recentemente, atopáronse bastantes vestixios de industrias de pedra da poboación americana primitiva, aínda que hai moi poucos restos antrópicos (entre os poucos que foron identificados pódese nomear o cranio de Tepexpan). Os tecnocomplexos líticos recoñecidos en América desenvolveron técnicas líticas moi elaboradas e representadas, por exemplo, polas puntas de sandia. Así mesmo, desenvolveuse unha arte rupestre, que non podemos comparar nin cronolóxica nin estilisticamente coa europea, pero que demostra un nivel de desenvolvemento social, económico e cultural notable.
A etapa intermedia
A etapa que transcorre entre os vestixios máis antigos e as futuras sociedades agrícolas, é a menos clara de toda a Prehistoria americana. O momento central da etapa media pode datarse cara ao 5000 a C. A cultura de Cochise (SO dos EE UU), a cultura dos cesteiros de California, ou a cultura do Chalco no centro de México, son algúns dos poucos complexos que se diferenciaron. En xeral, pódese observar un proceso evolutivo cara a unha máis grande perfección das técnicas e unha certa tendencia a aproveitar grans vexetais salvaxes para elaborar fariñas -por exemplo en California-, primeiro paso cara á fase seguinte, xa agrícola.
A agricultura inicial
O problema básico desta etapa é a orixe dos cultivos. En todo caso, os primeiros cultivos parece que foron o millo e a mandioca. Tamén foron importantes os cultivos de cabaceiras, de feixóns (fríjoles), o chile e a pataca doce, única especie que pasa de América a Oceanía con anterioridade á intervención dos europeos. O algodón cultivouse como fibra téxtil. As sociedades agrícolas americanas constituíron grupos culturais moi diversos, pero en xeral tiñan en común o uso da cerámica (que non sempre aparece dende o comezo dos cultivos), sempre feita a man e a miúdo decorada; a cestería, xa coñecida antes da agricultura, continuou o seu desenvolvemento e apareceron os tecidos, técnica na que destacaron -malia que os teares eran moi rudimentarios- sobre todo os peruanos, que chegaron a fabricar fíos extraordinariamente delgados e finos. Fabricaron tamén tecidos de plumas, polícromos.
Os imperios
As grandes civilizacións e os imperios xurdiron desta base de sociedades agrícolas, que chegaran a constituír sociedades complexas, con estados sólidos de tendencias militares e imperialistas. A historia dos pobos e das culturas centroamericanas, dende a etapa de formación ata a descuberta de América polos europeos, pódese dividir en dúas grandes etapas: a que se podería denominar clásica (dende pouco antes da Era Cristiá ata o ano 800); e, despois dunha crise xeral dun par de séculos, a etapa final, que vai dende o ano 1000 ata a entrada dos europeos, caracterizada por un certo rexurdimento, aínda que os novos estados adquiren un carácter máis militarista, ben distinto do teocrático que tiveran no primeiro período. A zona andina segue unha historia paralela: un período clásico durante o primeiro milenio d C, seguido pola coñecida Cultura de Tihuanaco, imposta por unha guerra de conquista, que formou tamén un imperio de estrutura militar. A historia destes grupos máis desenvolvidos pode facerse non só a partir do material arqueolóxico, como pasa coas fases máis antigas ou cos grupos contemporáneos de culturas menos desenvolvidas, senón tamén a través da tradición oral, recollida dos indíxenas polos conquistadores ou directamente escrita polos indios máis ou menos aculturados, a miúdo descendentes de persoeiros destacados do mundo indíxena. Dos grupos importantes, o máis setentrional é o mexicano, no que apareceron as culturas dos olmecas, chichimecas e toltecas e, logo, os aztecas, que acabarían por converterse en maioritarios. Dende o sur de México ata o mar das Antillas, achábanse as tribos maias, cunha civilización moi desenvolvida que xa existía no s III a C. Máis ao sur está o grupo chibcha do altiplano colombiano e, na zona andina, os pobos que acabarán constituíndo o Imperio dos Incas. Á parte destes grupos de civilización máis complexa, existían, ao chegaren os europeos, moitos pobos que se mantiveron no que na antropoloxía cultural se vén coñecendo como “pobos sen historia”, agrupados en diferentes comunidades tribais, mesmo en bandas, que poden agruparse arredor de 18 áreas étnicas, das que só a andina e a mesoamericana chegaron a constituír sociedades nucleares.
Contactos extracontinentais precolombianos
Tecnoloxicamente, diversos pobos, dende a Antigüidade, atopábanse en condicións de descubriren América. Igualmente, determinados pobos americanos (caribes, peruanos, haida) tiñan posibilidades de chegar a terras orientais ou occidentais, pero o certo é que non hai ningunha evidencia certa de que o fixeran. A historiografía moderna recoñece a existencia de descubrimentos casuais de América, por exemplo polos mariñeiros bretóns e vascos; a chegada de expedicións chinesas ás costas do Pacífico Sur; a chegada dos portugueses ás costas do Caribe e do Brasil; e as expedicións normandas. As expedicións portuguesas hai que polas no contexto de control das illas do Atlántico (Os Açores, Madeira, etc), que puideron servir de base para a descuberta de América (illas do Caribe); a historiografía portuguesa asegura que América era coñecida por eles antes do 1492 e que foron eles os que animaron a Colón a chegar a América (un territorio sen especias nin metais preciosos) para afastar os casteláns da conquista de África, que suporía un impedimento para os intereses. As expedicións normandas comezaron cando Eric o Roxo, desterrado no ano 982 de Islandia, se dirixiu a unhas terras occidentais albiscadas xa había oitenta anos; no 985 comezou o poboamento normando de Grenlandia. Cara ao ano 1000, unha expedición de Leif Erickson, fillo de Eric o Roxo que saíra a buscalo, chegou por mor do mal tempo a unha nova terra á que lle deu o nome de Vineland e que se supón situada ao carón da actual Massachussets. A colonización, que durou 500 anos, extinguiuse principiando o s XV.
Antecedentes da Descuberta
A finais do s XV, os estados da Europa occidental atopábanse en condicións científicas, técnicas e económicas de chegar en viaxe a América. A necesidade de chegar á India para recoller as especias -comercio moi lucrativo por seren imprescindibles para a conservación de alimentos e monopolizado polos turcos dende a caída de Constantinopla-, así como o uso apropiado de instrumentos náuticos (compás, o astrolabio e a arbalette) permitiron -e, en certa medida, forzaron- a descuberta.
A descuberta e a ocupación castelá
A primeira noticia que se tivo en Europa da Descoberta de América (12.10.1492) foi coa chegada dos europeos ao porto de Baiona da carabela A Pinta, o 10 de marzo do 1493, capitaneada por Martiño Alonso Pinzón. Ao chegar á illa de Huanahaní, Colón principiou un longo camiño de descubertas nos que coexistiron catro procesos, relacionados pero distintos: entre o 1500 e o 1800, Castela, Inglaterra, Portugal e Francia coincidiron nos seus intereses coloniais. Castela foi a primeira en afirmar o dereito de posesión, de acordo coas bulas pontificias de Alexandre VI (1493-1494). Despois dun período de confusión de atribucións, os outros estados peninsulares deixaron de ter participación nas novas empresas e o monopolio comercial -axiña concentrado en Sevilla-, acabou de asentar a exclusión dos que eran legalmente estranxeiros á Coroa de Castela. A primeira etapa limitouse á ocupación das illas do Caribe e a explorar a costa de América Central e Venezuela: esta situación prolongouse ata pouco despois da morte de Fernando o Católico (1516). Coa grande expedición de Hernán Cortés principiou a etapa culminante da expansión castelá: a conquista dos Imperios Azteca e Maia, a chegada á Florida e a exploración, no norte, de toda a comarca do Mississippi; e, cara ao sur, dende Guatemala ata Panamá. Sobre o ano 1530, dende o núcleo poboador panameño avanzouse cara ao sur: Francisco Pizarro levou a cabo a conquista do Imperio Inca (1532) e incorporou a Castela territorios dende Chile ata Colombia. Reflexo dun concepto de colonización, a conquista foi seguida dunha longa serie de fundacións: Cartaxena (1553), Quito (1534), Lima e Guaiaquil (1535), etc. Durante o s XVII non se emprenderon grandes conquistas, caracterizando este período pola consolidación e a defensa do conquistado. As últimas grandes descubertas e ocupacións leváronse a cabo durante o s XVIII. A precaria e marxinal situación política de Galicia dentro da Coroa de Castela, que acababa de saír do proceso de “doma e castración do Reino de Galicia”, no tránsito do século XV ao XVI explica a escasa participación galega nas expedicións ultramarinas de exploración e conquista do Novo Mundo. A figura máis salientable neste eido foi a de Sebastián de Ocampo, fidalgo natural de Noia que participou na segunda viaxe colombina (1493), e circunnavegou a illa de Cuba entre 1509 e 1510.
A ocupación portuguesa
A nación portuguesa tiña, ao chegar o s XVI, unha longa tradición náutica e mercantil: a ruta africana das especias íase achegando ás terras americanas onde ancorou Álvares Cabral (1500). Pasou, por esta razón, bastante tempo sen que Portugal ocupase oficialmente ningún territorio e non foi ata o remate do s XVII e comezos do XVIII cando os descubrimentos de filóns de ouro e de diamantes ensancharon a área de ocupación.
A ocupación inglesa
O interese suscitado polo descubrimento de Colón provocou moi cedo a emulación doutros estados europeos. No ano 1497 o Rei de Inglaterra Enrique VIII enviou a John Cabot a explorar as costas do Novo Mundo e, nesta viaxe e na seguinte, explorou a costa de América do Norte dende Terranova ata a badía de Chesapeake, e puxo así os fundamentos da reivindicación inglesa sobre estes territorios. De todos os xeitos, a verdadeira ocupación non comezaría ata o final do s XVI e principios do XVII, cando o Rei Xaime I deu á Compañía de Londres o dereito de poboar e de explorar un gran sector da costa atlántica; nos cen anos seguintes establecéronse diversas colonias. Cara ao ano 1775 había uns 2.600.000 colonos na América británica.
A ocupación francesa
O francés Jacques Cartier chegou a América no 1534 na súa primeira expedición e, en nome do Rei, tomou posesión, na Península de Gaspé, das terras descubertas. Non obstante, a ocupación francesa deveu, cara ao s XVIII, na posesión de diversos puntos da América setentrional. Non obstante , non tardou en chocar cos intereses británicos, o que provocou un longo conflito que acabou coa desaparición dos dominios franceses sobre o continente norteamericano durante o XVIII.
A administración castelá das Indias e a presenza de galegos na administración colonial
A pirámide administrativa comezaba en Castela, centralizándose no Consello de Indias todos os asuntos ultramarinos. En territorio colonial, os Vicerreis gozaban teoricamente de plenos poderes dentro dos seus territorios (vicerreinados de Nova España e do Perú, creados no 1534, Nova Granada, 1739 e Río da Prata, 1777). As audiencias cumprían as funcións xudiciais ao igual que algunhas administrativas. Por debaixo das audiencias estaban os corrixidores, representantes do Rei a nivel local. Houbo territorios que se organizaron en forma de Capitanías Xenerais (Chile, Cuba, Guatemala), outras en Gobernacións (Venezuela, Paraguai), xeralmente baixo autoridade militar, nas que o Vicerrei, sen embargo, conservaba algunha xurisdición. No goberno municipal adoptouse o modelo castelán do cabido. Carlos III introduciu un cambio substancial na estrutura administrativa ao crear o cargo de intendente segundo o modelo francés (1765-1767). A presenza de galegos no goberno e administración dos dominios ultramarinos non foi frecuente. A institución que ocupou o cumio do goberno e administración da América española ata 1717 foi o Consello de Indias, presidido nos primeiros anos do século XVII polo galego Pedro Fernández de Castro e Andrade. Oito galegos chegaron a gobernar os vicerreinos americanos: Gaspar de Zúñiga e Acevedo ocupou o cargo de Vicerrei de Nova España entre 1604 e 1606; García Sarmiento de Soutomaior foi Vicerrei da Nova España entre 1642 e 1647 e, dende 1648 ata 1652, do Perú, que presidiu Antonio Fernández de Castro (entre 1666 e 1672) e Xosé Antonio de Mendoza Caamaño e Soutomaior (dende 1735 ata 1745). No 1788 foi designado Vicerrei do Novo Reino de Granada por un período de sete meses Francisco Xil de Lemos Taboada ao ser tamén nomeado para o Vicerreinado do Perú. A estrutura e organización da Real Audiencia do Reino de Galicia tivo a súa proxección americana na Real Audiencia de Nova Galicia, que administraba o Vicerreinado de Nova Galicia: creado no 1548 estendía a súa xurisdición ás provincias de Guadalaxara, Xalisco, Os Zacatecas, Nova Biscaia, Nova León, Chiametla, Culicán, Sinaba, Cibela, Tuzán e Quiviria, e, serodiamente, Novo México. A integración de Galicia no sistema colonial español foi indirecta durante máis de dous séculos.
As administracións inglesa, francesa e portuguesa das Indias
As colonias inglesas de América do Norte non tiñan un goberno central nin unha uniformidade de réxime. Estaban, dunha banda, as colonias da Coroa que dependían directamente da Coroa e nas que o Rei de Inglaterra estaba representado por un Gobernador ao que asistía un Consello. Doutra banda, existían as denominadas colonias de propietario, onde o titular da concesión real exercía unha autoridade semellante á do Rei nas colonias da Coroa. O terceiro tipo, eran os propios colonos que elixían o Gobernador, o Consello e a Asemblea Representativa. No Canadá, a organización francesa non se chegou a impoñer ata 1663, cando a administración creou unha estrutura provincial ao estilo borbónico, con gobernador, intendente -responsable das finanzas e a xustiza- e un consello de veciños. En terras portuguesas a colonia dividiuse en Capitanias Gerais, mentres que a administración corría a cargo das Câmaras ou Consellos.
A economía e as relacións comerciais durante o período colonial
As realidades económicas americanas durante o período colonial variaron segundo o marco político de cada territorio. Un dos factores que determinaron máis o proceso económico dos territorios que estaban baixo dominio castelán foi a necesidade na que se atopou a Coroa á hora de recompensar os conquistadores. Isto fíxose encomendándolles grupos de indios para que cobrasen tributo, asegurasen a evanxelización e os defendesen de abusos: nace así a institución da encomenda, que non implicaba ningunha obrigación de prestación de traballo, senón que só o pagamento dun tributo. A encomenda tampouco significaba ningún dereito de propiedade sobre a terra dos indios, pero progresivamente fóiselles empurrando cara a terras menos produtivas e naceron explotacións agropecuarias (Chacaran) que, conxuntamente coas propiedades dos mosteiros e dos bispados, foron a base do latifundismo republicano. Outra característica da sociedade colonial foi a importancia desmesurada da minería, xa que as necesidades financeiras de Castela, provocadas pola súa política imperialista en Europa, forzárona a recorrer ao explotamento sistemático dos recursos americanos. Para esta explotación empregaban pola forza os indíxenas que se distribuían por quendas ( mita). Toda a bastida colonial castelá nas Indias dende os Reis Católicos baseouse no usufruto exclusivo das riquezas americanas, o que implicaba o monopolio do comercio e o control da inmigración; só existían (ata moi avanzado o s XVIII) dous portos habilitados para o tráfico americano, Sevilla e Cádiz, baixo control da Casa da Contratación de Sevilla. Dende a segunda metade do s XVI os continuos ataques de corsarios e piratas estranxeiros obrigaron a Castela a crear un sistema defensivo para a navegación mercantil, aínda que chegando ao s XVIII contrabando e piratería eran problemas practicamente irresolubles. Coa chegada dos Borbóns á Coroa das Españas acrecentouse paulatinamente a presión dos distintos reinos hispánicos contra o monopolio sevillano -logo, gaditano- do comercio de Indias. No Brasil, Portugal comezou a dedicarse ao comercio da madeira, pero foron as minas de ouro e de diamantes (no s XVIII) o que provocou unha forte expansión comercial. En América do Norte as favorables condicións ambientais e xeográficas, que reproducían as da patria de orixe, sumadas á organización social -en xeral, máis igualitaria- e a maior repartición da propiedade, fixeron prosperar unha agricultura de consumo que permitía un constante aumento demográfico, o desenvolvemento da artesanía, do comercio, e mesmo das construcións navais. Francia comezou facendo comercio de peles cos indios do río San Lorenzo. Dende o s XVIII puxo en movemento economías de plantación en Haití, Martinica e Guadalupe, sostidas por unha maioritaria poboación escrava negra. A finais deste século, ao baixar o prezo do azucre, comezou a se estender o cultivo do café, procedente de Arabia.
As relacións económicas entre Galicia e América
A presión política exercida polas casas de Lemos, Altamira, Camiña, Benavente, Pardo de Cela e Andrade influíu na apertura da Casa de la Especiería da Coruña: unha Real Cédula do 24 de decembro do 1522 sinalaba a situación de privilexo para o porto da Coruña, dende o que se organizarían as viaxes e se contratarían os tratos comerciais que se fixeran na ruta occidental ata as Illas da Especiería. No 1529 o monarca Carlos I permitiu a habilitación de oito portos peninsulares para comerciar directamente coas Indias, beneficiándose Baiona e A Coruña desta real orde. Os Catálogos de Pasaxeiros a Indias permiten identificar a trescentos sesenta e cinco galegos que pasaron a América entre 1509 e 1599. Pero estes datos poderían ocultar un fluxo migratorio clandestino, debido ao monopolio comercial sevillano no tráfico colonial. Faise imposible determinar a cantidade exacta de galegos que pasaron a América nestas datas, debido a que o tráfico dende os portos galegos era clandestino e non quedou constancia do número de emigrantes galegos, que posiblemente foi maior. Dos anteriormente citados, uns cento cincuenta proceden de núcleos urbanos e sesenta e sete de núcleos semiurbanos. Dos destinos especificados nos catálogos entre 1534 e 1599, dedúcese que o 50 % dos galegos se dirixiu ao Vicerreinado do Perú; un 29% ao da Nova España e un 25% a zonas máis tradicionais, como A Española e aos territorios da actual Venezuela. No 1743 creouse a Compañía de Galicia para o comercio de pau campeche, pero a sociedade non deu signos de moita actividade. Dende o último terzo do s XVIII Galicia puido por fin participar directamente dos beneficios do tráfico con América ao romper o monarca Carlos III o sistema monopolístico do comercio colonial centralizado en Sevilla. O establecemento a partir do 1764 dos Correos Marítimos entre España e as Indias con sede no porto da Coruña, permitiulle a Galicia participar de cheo no mercado americano. Dende 1765 o porto da Coruña puido comerciar coas Antillas españolas, no 1768 coa Luisiana, no 1770 con Campeche e o Iucatán e no 1776 con Colombia. No 1778 promulgáronse os Decretos de Libre Comercio que habilitaron a todos os portos españois e americanos para comerciantes e mercadores de distinta procedencia que se instalasen nas principais cidades e vilas galegas relacionadas co tráfico colonial. En Galicia os comerciantes dedicados a este comercio aumentaron en case un 300% entre 1778 e 1800. Os catro portos galegos habilitados para comerciar con América foron A Coruña, Vigo (dende 1783), Ferrol (1788) e Carril (1799). As importacións coloniais de Galicia estaban constituídos nun 91,3% de metais preciosos, representando as moedas de prata o 70,95% destes. As mercadorías exportadas entre 1778 e 1797 dende os nosos portos estaban compostos, nunha elevada porcentaxe, de tecidos de liño galego. O crecemento do comercio colonial posibilitou a creación de sociedades por accións de seguros marítimos en Galicia; a primeira do 1783, chamada María Santísima de los Dolores y Apóstol Santiago, chegou a ter un capital de medio millón de pesos, repartíndose os seus accionistas entre comerciantes, funcionarios e rendistas. A interrupción do comercio con América dende 1797 trouxo repercusións negativas no comercio galego: desapareceu a actividade das sociedades aseguradoras galegas, o que supuxo que a comezos do século XIX, Galicia perdese para a súa produción téxtil o importante mercado colonial; a independencia iberoamericana rematou de xeito definitivo co breve período de comercio colonial galego, diminuíndo de maneira vertixinosa as exportacións a América dende os portos da Coruña, Vigo, Ferrol e Carril entre 1798 e 1818. A reactivación do comercio colonial centrado nas Antillas -principalmente na illa de Cuba- produciuse entre 1820 e 1868. As prósperas relacións comerciais con Cuba víronse afectadas pola guerra do 1898: a creba do comercio galego coas Antillas afectou, de maneira particular, ao porto de Vigo, especialmente na fase máis dura do conflito (entre o 28 de marzo e o 9 de setembro de 1898). A derrota do Exército Español fronte aos EE UU significou a repatriación de 22.000 soldados de leva e 1.700 militares oficiais, sendo Vigo a cidade elixida para o desembarco dos continxentes militares españois repatriados. A renovación das relacións comerciais con Cuba consolidou a Vigo como centro da industria conserveira de Galicia, sector produtivo que habería pular polo crecemento económico, demográfico e urbano da cidade olívica, que no 1907 contaba con 46 fábricas conserveiras.
A evolución das sociedades coloniais
A sociedade colonial enraizada nas Indias de Castela compoñíase de diversos estamentos vigorosamente estratificados: brancos (europeos e americanos), mestizos, indios e negros (non todos escravos, pero nunha situación marxinada). Esta sociedade -principalmente, os grupos branco e mestizo- viviu un longo proceso de arraigamento e de americanización no ámbito político, económico e cultural distanciándose progresivamente da metrópole. Existiron, non obstante, diversas causas que axudaron á consolidación deste proceso. O trato discriminatorio dado aos americanos a favor dos chapetones ou peninsulares na provisión dos cargos superiores, expuxo ás claras a súa situación colonial en proveito exclusivo da Coroa de Castela. Nun principio, este distanciamento só acontecía entre as minorías favorecidas: militares, comerciantes, etc. Os comerciantes, americanos e peninsulares, organizáronse en universidades de mercadores, con atribucións xudiciais e gremiais moi amplas, constituíndose en auténticos grupos de presión da burguesía mercantil exportadora. No período crítico -entre finais do s XVIII e principios do XIX- esforzáronse en defender privilexios locais e en reclamar o libre comercio co estranxeiro. Finalmente, o pouco satisfactorio espectáculo dunha España invadida por Napoleón -logo de maltratada polo favoritismo e o desgoberno da ineptitude- acendeu o combate pola independencia política. No Brasil, a sociedade colonial reflectiu as diversidades xeográficas e as vicisitudes económicas do país a causa do carácter marcadamente comercial da dominación portuguesa. As costas de Pernambuco e Bahía constituían unha sociedade de plantadores de azucre (senhores de engenho), ricos e cultos, que utilizaban man de obra servil negra. En canto ao réxime da propiedade das colonias inglesas de América do Norte, cómpre destacar que no S practicábanse formas xurídicas que tendían a manter a integridade dos grandes patrimonios rurais, mentres que no N a norma era a división en cada xeración entre os herdeiros. A man de obra das colonias de plantación de media xornada estaba constituída por grandes masas de escravos de orixe africana, mentres que nas colonias centroatlánticas e de Nova Inglaterra predominaba o traballo libre. Na Nova Francia, escasamente poboada, conserváronse estruturas feudalizantes.
As actividades relixiosas
Non se pode falar da evanxelización de América sen facer referencia ao marco xurídico e político que a alicerzaron. Os dereitos de padroádego (traspasados de Granada ás Indias) foron só o primeiro labor para un control case absoluto dos eclesiásticos americanos, das institucións e do seu contacto co Sumo Pontífice. Gracias á posición privilexiada da Igrexa, non é de estrañar que a relixión levase a termo unha inxente tarefa civilizadora. Un dos exemplos máis sobresalientes é o das reducións: os xesuítas peruanos chegaron axiña á conclusión de que non poderían facer unha obra intensa mentres o mundo cultural autóctono estivese sometido á influencia do pouco exemplar mundo cultural europeo. O trazo esencial do sistema era o de non desculturizar por evanxelizar e de facelo á marxe do poder militar; ao tempo, propoñíase defender as poboacións indias da cobiza castelá, organizándoas nunha economía autónoma. Un dos trazos característicos da Igrexa nas Indias castelás é a ausencia absoluta de ordes contemplativas monacais. Na obra colonial inglesa, o aspecto relixioso tivo tamén un papel importante, se ben non oficial nin estatal.
A cultura e a instrución no período colonial
A Igrexa ordenou unha tarefa civilizadora por medio das ordes relixiosas, que instruíron as elites coloniais. As universidades ás que deron lugar (México e Lima, 1551; Chuquisaca, 1624; Bogotá, 1593, etc) formaron, sobre todo, avogados e cregos. O pensamento orixinal americano naceu como expresión dos propios problemas, tales como a reflexión no s XVI sobre o dereito de conquista e suxeición, con frei Bartolomé de las Casas como o seu representante máis ilustre. Posteriormente, en tempos da Ilustración, Clavijero, Arteta e Moixó, fixeron os primeiros intentos de artellamento dunha conciencia propiamente americana. No eido dos estudios científicos americanos hai que citar as obras de José de Acosta e os botánicos José Celestino Mutis e Hipólito Ruíz. A explotación mineira motivou o desenvolvemento da metalurxia (B. de Medina, os irmáns Fausto e José Elhuyar, F. X. de Sarriá, etc). O coñecemento antroplóxico dos indíxenas foi obra dos misioneiros, que practicaron un diálogo non sempre respectuoso: Bernardino de Sahagún, José de Acosta, A. de Molina, Diego de Landa, Josep Gumilla e outros realizaron unha tarefa lingüística e etnolóxica de primeira orde. Os escritos de mestizos ou indios (Garcilaso de la Vega, Blas Valera, Titocusi Yupanki, etc) deixaron testemuño da “visión da conquista polos vencidos”. A instrución pública nas colonias inglesas de América do Norte partiu da doutrina protestante. Na Nova Inglaterra aplicouse o principio de ensino primario obrigatorio ao cargo da comunidade. Nas colonias norteamericanas o desenvolvemento da prensa foi temperán e vigoroso (dende principios do XVIII). O último terzo do s XVIII foi o momento da eclosión do primeiro periodismo iberoamericano. Esquecido en gran parte o sentido das formas culturais amerindias, a arte indíxena reinterpretou as correntes estéticas europeas, dando orixe ao denominado Estilo Colonial.