aminoácido
(
Substancia orgánica que ten polo menos unha función ácido carboxílico e unha función amina. Constitúen as unidades estruturais fundamentais das proteínas unidos entre eles por enlaces peptídicos. Os aminoácidos naturais son todos α e, agás a glicina, son opticamente activos. A reacción de identificación máis importante dos aminoácidos é a da ninhidrina. A determinación cuantitativa adoítase realizar mediante a valoración ao formol de Sørensen ou polo método de Van Slyke. Os métodos de fraccionamento, como a cromatografía sobre papel, permiten determinar os aminoácidos presentes nunha mestura. Oito dos vinte e un aminoácidos presentes nas proteínas animais (valina, leucina, isoleucina, treonina, metionina, lisina, fenilalanina e triptófano) denomínanse aminoácidos esenciais , porque non se poden biosintetizar e teñen que incluírse obrigatoriamente na dieta. Os procesos metabólicos xerais dos aminoácidos son, por unha banda, as reaccións reversibles de desaminación oxidante e de aminación redutora, a transaminación e máis a descarboxilación; pola outra banda, o destino do grupo NH2 é a degradación e síntese da parte hidrocarbonada da molécula.