amonio

amonio

(< Ammón, Xúpiter)

  1. s m [QUÍM]

    Radical monovalente hipotético, de fórmula NH 4 , do que podemos considerar que se deriva o ión amonio e polo tanto os sales amónicos. O comportamento dos sales amónicos corresponde ao dos sales dun metal alcalino intermediario entre o rubidio e o potasio, pero nunca se conseguiu illar o radical amonio neutro. Os sales de amonio son incoloros (excepto que o anión sexa de cor) e case todos son moi solubles en auga. Tratados con bases fortes liberan amoníaco. En quente teñen propiedades redutoras e certos microorganismos do solo oxídanas e producen en último termo nitratos, nun proceso denominado nitrificación.

  2. acetato de amonio [QUÍM]

    Composto que se obtén neutralizando o ácido acético con amoníaco. Utilízase en tintura, para conservar carnes, e en medicina polas súas propiedades expectorantes e diuréticas.

  3. amonio cuaternario [QUÍM]

    Designación xenérica dos radicais monovalentes NR 4 que resultan de substituír no radical amonio os catro hidróxenos por grupos alquilos (ou tres grupos alquilos e un arilo). Os amonios cuaternarios existen só en forma de hidróxidos e de sales, ou o que é o mesmo, en forma de ións R 4 N + . Por extensión, denomínanse tamén amonios cuaternarios os compostos obtidos cando un nitróxeno dun heterociclo forma catro enlaces con elementos distintos ao hidróxeno, dando un catión. Os sales de amonio cuaternarios resultan da alquilación das aminas terciarias. Aplícanse industrialmente como desinfectantes, funxicidas, desodorantes e deterxentes; como antiestáticos e anticorrosivos; como estabilizantes de emulsións, e tamén para mellorar a dispersabilidade de pigmentos, a adherencia de certas pinturas e a do asfalto nos formigóns asfálticos. Os sales de amonio cuaternario son activos indistintamente sobre microorganismos grampositivos e gramnegativos, fungos e algas. A súa toxicidade é moi baixa. Teñen tamén especial importancia as aplicacións na industria téxtil na que son utilizados como antiestáticos, para proporcionar un tacto suave ás fibras sintéticas e para reducir o tempo de secado, e mellorar os tratamentos posteriores.

  4. bicarbonato de amonio [QUÍM]

    Sólido que se obtén saturando de dióxido de carbono unha solución de amoníaco. Utilízase para desengraxar materias téxtiles, en extintores de incendios, como inflador en artigos de caucho, en levaduras químicas e, en medicina, como expectorante e carminativo.

  5. bifluoruro de amonio [QUÍM]

    Substancia que se utiliza para os gravados en vidro, para abrillantar o aluminio e como esterilizante na industria da cervexa e do leite.

  6. bromuro de amonio [QUÍM]

    Sólido cristalino que se utiliza en fotografía, en litografía, para facer ignífuga a madeira e en medicina como sedante de rápida absorción. Obtense mediante a neutralización do ácido bromhídrico con amoníaco.

  7. carbamato de amonio [QUÍM]

    Cristais que, cando se quentan, producen urea e en solución acuosa (NH 4 ) 2 CO 3 . Utilízase como fertilizante.

  8. carbonato de amonio [QUÍM]

    Mestura de bicarbonato e de carbonato amónicos, que se obtén sublimando unha mestura de sulfato amónico e de carbonato cálcico. Utilízase en tintura, no lavado da la, nos fermentos químicos, nos sales aromáticos e en medicina como expectorante e carminativo.

  9. cloruro de amonio [QUÍM]

    Cristais que se obteñen, sobre todo, cando se fabrica carbonato de sodio polo procedemento Solvay. O cloruro de amonio utilízase na tintura e na estampación, como electrólito en pilas secas, como desoxidante na soldadura e como endurecedor nos adhesivos a base de resinas amínicas. Úsase en medicina como expectorante e diurético.

  10. hidroxenofosfato de amonio [QUÍM]

    Compostos que se obteñen a partir de amoníaco e ácido fosfórico. Utilízase como recubrimento para que a madeira, o papel e as materias téxtiles sexan ignífugas, na fabricación de mistos e tamén en soldadura.

  11. hidroxenosulfuro de amonio [QUÍM]

    Composto que se obtén combinando directamente NH 3 e H 2 S en estado gasoso a 0°C. Utilízase como reactivo analítico.

  12. hidróxido de amonio [QUÍM]

    amoníaco.

  13. ión amonio [QUÍM]

    Catión monovalente NH 4 + que se forma por reacción do amoníaco cos ácidos protónicos. Analiticamente o ión amonio caracterízase pola liberación de amoníaco por acción das bases fortes e pola coloración ou precipitado que se obtén co reactivo de Nessler.

  14. nitrato de amonio [QUÍM]

    Composto que se obtén pola reacción do ácido nítrico con amoníaco en estado gasoso. Utilízase como fertilizante, na fabricación de explosivos, en pirotecnia e en propergois sólidos.

  15. nitrosulfato de amonio [AGR]

    Fertilizante mineral a base de sulfato amónico e nitrato amónico.

  16. sulfato de amonio [QUÍM]

    Composto que se obtén absorbendo en ácido sulfúrico diluído, os vapores amoniacais que proceden da destilación do carbón, ou ben a partir do amoníaco sintético facéndoo reaccionar con ácido sulfúrico, ou con sulfato cálcico e CO 2 . Comercialmente é o sal amónico máis importante. A súa principal aplicación é como fertilizante.

  17. sulfuro de amonio [QUÍM]

    Sólido cristalino amarelo, estable unicamente por debaixo dos 0°C, que se utiliza para lustrar bronce, na industria téxtil e mais en fotografía.

  18. tiocianato de amonio [QUÍM]

    Composto que se obtén a partir de amoníaco e sulfuro de carbono. Úsase na industria téxtil, na síntese da tiourea, como reactivo analítico, etc.

Palabras veciñas

amónico -ca | amoniemia | amonificación | amonio | amonio- | amonitrato | amoniuria