Amsterdam

Amsterdam

Capital dos Países Baixos, en Holanda setentrional, preto da confluencia do Ij e do Amstel (715.148 h [1997]). É un centro comercial, bancario e industrial que forma parte do denominado Randstad Holland ou anel urbano de Holanda. A cidade, construída practicamente sobre a auga, tivo que crear unha rede de canais que lle permitiran a saída ao mar. O centro comercial e de negocios actual, que xira ao redor do porto e da praza do Dam, conserva ben os edificios da época barroca aliñados ao longo das rúas semicirculares que bordean os pequenos canais do centro. A industria está moi diversificada. Ten aeroporto. Amsterdam constitúe tamén o centro dunha vida cultural e artística moi intensa, representada especialmente pola universidade, do s XVII: a Universidade de Amsterdam e a Vrije Universiteit (Universidade Libre). Hai tamén diversos organismos de investigación. A orquestra Concertgebouw é mundialmente coñecida. Durante o s XIII Amsterdam non era máis que unha aldea de pescadores. No s XIV amurallouse, fíxose rival da Hansa e obtivo a liberdade de navegación polo Báltico. As campañas españolas a Flandres motivaron o establecemento na cidade de moitos artesáns e comerciantes; negada a obediencia á coroa española (1578), cuadruplicou a súa poboación; entre o ano 1610 e o 1622 converteuse en centro do comercio oriental (Compañía das Indias, 1702), sobre todo despois do Tratado de Westfalia que pechaba a saída de Amberes ao mar. Durante todo o s XVII conservou a primacía comercial e financeira que no s XVIII lle disputou Londres. No ano 1787 foi ocupada polos prusianos. A época do control francés (1795-1813) marcou a súa decadencia, malia se converter na capital da República Batava. No s XIX a construción de novos canais e o aumento do tráfico co Oriente fixeron rexurdir a cidade. A etapa artística máis notable da cidade corresponde a mediados do s XVI e, sobre todo, ao s XVII; a arte propia da burguesía protestante manifestábase nunha arquitectura que definía a exuberancia barroca como: o Noorderkerk (1620-1623), templo de planta central, obra de Henrik de Keyser; ou a Casa Consistorial (1648-1655) de Jacob Van Campen, dun italianismo pre-neoclásico. Amsterdam está considerada como o berce do retrato colectivo ou “cívico” desde mediados do s XVI, xénero que se estendería a toda Holanda. É sede do Rjiksmuseum, da Casa de Rembrandt e do Museo Van Gogh.