anatomía

anatomía

(< lat anatomĭa < gr ἀνατομή ‘disección’)

  1. s f [ANAT]
    1. Ciencia que estudia a estrutura dos seres vivos baseándose na observación mediata ou inmediata e recorrendo, polo xeral, á disección. Distínguense a anatomía animal, da que forma parte a anatomía humana, e a anatomía vexetal.

    2. Arte de disecar ou separar as partes dun ser vivo para descubrir a súa situación e estrutura.

    3. Estudio da estrutura dun ser vivo mediante a disección das partes que o integran.

    4. Estrutura dun ser vivo.

    5. Disección ou separación das partes que integran un ser vivo.

  2. s f

    Análise sutil.

    Ex: Queren facer a anatomía dun sistema científico.

    1. anatomía comparada

      Rama da anatomía que ten por obxecto o estudio anatómico comparativo dunha mesma estrutura (un órgano, un aparello, etc) en diferentes seres vivos co fin de establecer analoxías e homoloxías ou diferencias. Foi Cuvier, o ‘pai da anatomía comparada’ quen, ao publicar (1800-1805) as súas Leçons d’anatomie comparée (Leccións de anatomía comparada), sistematizou, ordenou e valorou debidamente esta ciencia.

    2. anatomía descritiva

      Rama da anatomía que estudia de xeito analítico a localización, a forma e o desenvolvemento das partes (órganos, aparellos, etc) dos seres vivos.

    3. anatomía humana

      Rama da anatomía que estudia ao home. Na Antigüidade, a práctica do embalsamamento entre os exipcios fixo que estes adquirisen algúns coñecementos sobre a estrutura humana. Na Grecia preclásica cómpre mencionar a Alcmeón de Crotona (500 a C), quen disecou animais, e que describiu o nervio óptico e diferenciou as arterias das veas. A introdución da medicina grega en Exipto levou ao desenvolvemento da escola de Alexandría, na que salientan Herófilo (s IV a C) e Erasístrato (304-240 a C). Segundo Celso e Tertuliano, Herófilo practicou a vivisección en 600 criminais. O período antigo ou clásico péchase con Galeno (129-199), que pasou en Roma unha gran parte da súa vida. A obra de Galeno é incompleta e insegura, baséase principalmente na disección de simios e de porcos. Co Renacemento a ciencia anatómica, periclitada durante a Idade Media, rexurdiu e establecéronse as bases da anatomía moderna. A gran figura renacentista da anatomía foi Andreas Vesalius (1514-1564), quen marcou un momento trascendente de ruptura co pasado, expulsando toda a errónea tradición galénica e baseándose no estudo directo do mesmo corpo humano, coa súa obra De humani corporis fabrica (1543). A tradición anatómica de Vesalius continuárona, entre outros, Gabriele Fallopio (1523-1562) e Bartolomeo Eustachio (1520-1574). No s XVII a invención do microscopio abriu un novo camiño no estudo da ciencia anatómica. Daquela, xurdiu a figura de Marcello Malpighi (1628-1694), quen describiu os capilares sanguíneos, a estrutura alveolar do pulmón e detalles morfolóxicos do bazo, o fígado e os riles, amais de establecer as bases da anatomía microscópica. Dende aquela aos nosos días, os coñecementos anatómicos sustentados sobre uns métodos de estudio rigorosos e científicos aumentaron constantemente. A arte de todos os tempos tivo como un dos seus temas principais a representación da figura humana dun xeito máis ou menos naturalista e cada gran estilo artístico do mundo occidental tivo a súa propia interpretación anatómica. No Renacemento avanzado (s XVI) tivo unha gran difusión o debuxo anatómico grazas á obra de Leonardo da Vinci, Rafael e Miguel Anxo, dos que se conservan moitos estudios realizados cunha meticulosidade e unha exactitude completas. Así, esta práctica pasou a ser unha das materias que nunca faltaban nas academias de pintura ou de escultura que xurdiron nos ss XVII e XVIII. Malia os cambios producidos nos gustos e nas novas ideas sobre a creación artística, aínda constitúe un tema de estudio fundamental nas escolas de Belas Artes.

    4. anatomía macroscópica

      Rama da anatomía que estudia as estruturas anatómicas visibles a simple vista.

    5. anatomía microscópica

      Rama da anatomía que estudia a estrutura anatómica íntima das partes (órganos, aparellos, etc) dos seres vivos mediante a axuda do microscopio e das técnicas histolóxicas.

    6. anatomía patolóxica

      Rama da anatomía que estudia as modificacións anatómicas aparecidas nos órganos e nos tecidos debidos aos axentes morbosos e que son detectables a simple vista ou observables coa axuda do microscopio. Os antecedentes da especialidade atópanse en Giambattista Morgagni (1681-1771) coa súa obra De sedibus et causa morborum per anatomen indagatis (1761), e foi Rudolf Virchow, a finais do s XIX, quen estableceu as bases da anatomía patolóxica moderna. A anatomía patolóxica presenta dous aspectos fundamentais: un autóptico e outro cirúrxico. Ao primeiro correspóndelle o estudo post mortem do paciente e as causas da morte. A anatomía patolóxica cirúrxica estudia o material extirpado polo cirurxián nunha intervención ou ben pequenas mostras de tecidos, chamadas biopsias.

    7. anatomía radiolóxica

      Rama da anatomía que estudia as estruturas anatómicas e a súa disposición mediante o emprego de raios X e doutras técnicas máis recentes. Permite estudar o esqueleto cunha gran facilidade. Polo que se refire ás vísceras ou ás cavidades orgánicas, cómpre utilizar substancias opacas ou de contraste ( anxiografía) ou recorrer á insuflación de gas. Disponse tamén de técnicas para conseguir imaxes de planos paralelos, como a tomografía axial computerizada (TAC).

    8. anatomía topográfica

      Rama da anatomía que estudia sinteticamente as partes (órganos, aparellos, etc) dos seres vivos e as relacións que entre eles se establecen con respecto ás zonas que ocupan no corpo.

  3. s f [LIT]

    Tipo de ensaio que se centra no estudo analítico dunha materia e que ás veces se presenta en forma de carta. Segundo Northrop Frye (Anatomy of Criticism, 1957) asóciase coa sátira menipea.

Refráns

  • Se queres ver como é o teu carpo, mata un parco.