Anceu, Batalla de
Tivo lugar no verán do 825 en Anceu (Ponte Caldelas). Nesta batalla enfrontáronse as tropas cristiás de Afonso II o Casto coas musulmanas de Abd al Rahman II, dirixidas por Mälik e Al-Abäs -irmáns da estirpe dos Quraisies-. Os obxectivos das forzas musulmanas centráronse en atacar o territorio galaico, procurando a conquista da zona lucense para acadar así unha superficie de dominio que impedise as comunicacións e contactos entre Asturias e Galicia. Partindo con cadanseu exército, Mälik de Coimbra e o seu irmán de Viseu, ascenderon pola costa seguindo a vía romana que cruzaba o Miño por Tui, para tomar logo unha secundaria que se dirixiría a Lugo polo interior. A batalla debe situarse nun contexto máis amplo caracterizado pola independencia do Emirato de Al-Andalus, que procuraba ampliar os seus dominios cara ao N peninsular (Batalla de monte Cubeiro, de Araba, etc), no mundo islámico, e a integración e consolidación da monarquía galaico-astur. De feito, a ameaza real que supuxo o exército musulmán avanzando cara a Galicia facilitou que a nobreza galega, bastante independente con respecto á corte asturiana, se integrase no exército do Rei Afonso II. As noticias sobre o nefasto desenlace para o bando islámico proceden só das fontes documentais elaboradas por cronistas cristiáns, o que pode responder á actitude habitual conforme á que os cronistas de cada bando silenciaban calquera apuntamento relacionado cos desastres bélicos propios, plasmando por escrito tan só as convenientes vitorias.