áncora
(< lat ancŏra < gr ἅγκορα)
-
[MAR]
-
s
f
Aparello de ferro ou de aceiro que, unido ao extremo dunha cadea, cabo ou cable, se deixa caer ata chegar a tocar o fondo do mar, no que se crava e impide que un navío ou unha embarcación calquera sexa arrastrada polo vento ou as correntes. Probablemente a áncora apareceu ao mesmo tempo ca a navegación, coa forma rudimentaria dunha pedra atada a un cabo. O primeiro tipo semellante aos modernos de catro brazos consistía en dous paos cruzados cunha ou varias pedras por riba. En Asia apareceu a áncora dunha soa unlla e dende o 2.000 a C, na China, apareceron as de madeira e de bambú. Modernamente, a áncora vai amarrada a unha cadea (a cadea da áncora), agás nas embarcacións menores, nas que se emprega un cepo. Nos grandes buques empréganse exclusivamente as do tipo sen cepo. Hai diferentes modelos de áncoras que adoitan recibir o nome do inventor. O número e as características das áncoras que deben levar as embarcacións está regulado polas sociedades clasificadoras. O número é case sempre de dúas de leva a proa, unha a cada amura, e outra de recambio; ademais, pódese levar outra a popa, pero non é frecuente.
-
áncora de Danforth
Áncora de patente que ten unha especie de cepo debaixo da cruz, o que permite estibala no escobén. Ten os brazos planos e sen tendencia de continuidade coas unllas.
-
áncora de cepo
Áncora cunha barra na parte superior, actualmente de ferro ou de aceiro, colocada en dirección perpendicular ao plano determinado polos dous brazos. O ángulo de presa debe valer uns 115º. Hoxe en día atópase en desuso por mor, sobre todo, das dificultades que representa a súa estiba. Son modelos importantes deste tipo a áncora do almirantado e a áncora de Rodger.
-
áncora de Hall
Áncora sen cepo, de aceiro moldeado, formada por dúas pezas unidas por un perno que, ao mesmo tempo, é o eixo de xiro. O ángulo de presa é duns 40º.
-
áncora do almirantado
Áncora de cepo, de ferro e móbil, co obxecto de poder ser pregada ao longo da cana e, así, facilitar a súa estiba. Ten un ángulo de presa duns 115º. É a representada en heráldica.
-
áncora de Langston
Áncora consistente nunha especie de disco que se enterra dentro do buraco aberto por un chorro de auga a presión proxectado mediante un tubo. Para desenterrala, hai que abrir o buraco co mesmo procedemento. Emprégase só para suxeitar barcos que deben permanecer moito tempo no mesmo lugar.
-
áncora de Marrel-Risbec
Áncora sen cepo, de aceiro doce e unllas moi amplas. Os brazos forman un ángulo agudo coa cana e poden xirar uns 50º de banda e banda.
-
áncora de patente
Áncora sen cepo, co fin de permitir a súa estiba dentro do escobén, e con brazos que poden xirar uns 50º de banda a banda da cana. Nos grandes buques desprazou totalmente ás áncoras de cepo. Cómpre que as áncoras de patente sexan fondeadas sen estar o barco aínda parado. Entre este tipo de áncoras destaca a de Hall, aínda que tamén cómpre mencionar a de Turbot, a de Smith e a de Marrel-Risbec.
-
áncora de Rodger
Áncora con cepo moi semellante á do almirantado, pero cos brazos máis grosos e as unllas máis finas.
-
áncora flotante
Cono de lona sen base e cun furado no vértice que, dende distintas partes do perímetro da base, vai unido a un cabo que serve para remolcala. A súa finalidade consiste en que as embarcacións pequenas poidan manter o rumbo en caso de mal tempo e, especialmente, no caso de ter que se manter á capa, poidan soster a proa cara ao vento e ao mar: neste caso bótase pola popa. É obrigatoria a súa inclusión nos botes salvavidas.
-
s
f
-
s
f
Nome de diferentes obxectos que teñen a forma dunha áncora ou fan un traballo análogo ao da áncora nunha embarcación.
-
s
f
[AERON]
Aparello de ferro provisto de ganchos terminais que, ao ser lanzado dende un globo, se aferra a algún accidente do terreo e retén o aeróstato.
-
s
f
[ARQUIT]
Sistema de suxeición ou trabazón dun elemento construtivo ou parte dunha construción con outra, así como de contrarresto de presións. Peza de ferro que ata un tirante ou trabe co muro.
-
s
f
[ARTE]
Na iconografía paleocristiá, símbolo da esperanza.
-
[INFORM]
Texto ou imaxe ao que se vincula por medio dunha ligazón unha páxina web.
-
s
f
[OFIC/METROL]
Peza en forma de áncora de barco que forma parte do mecanismo de escape dos reloxos.
-
s
f
[TÉXT]
Adorno, distintivo ou marca que aparece na roupa.
Frases feitas
-
Abater a áncora. Colocala máis lonxe do que estaba con relación ao vento, corrente ou marea.
-
Botar áncoras. Dar fondo.
-
Deitar a áncora. Lanzala. Deixala caer á auga.
-
Estar á áncora. Situarse coas áncoras cravadas.
-
Levar/levantar/subir áncoras. Recollelas na nave para facerse ao mar, marchar coa embarcación.
-
Tirar a áncora. Deter a embarcación, fondear.