Andorra
Estado do SO de Europa que limita ao N con Francia e ao S con España (468 km2; 64.600 h [estim 1997]). A capital é Andorra la Vella.
Xeografía física
É unha rexión montañosa. O seu pico máis alto é o alto de Coma Pedrosa (2.946 m). O territorio está integrado no eixo pirenaico, erguido e pregado nos dobramentos hercínico e alpino. Así mesmo, no seu territorio atópanse sinais do modelado de orixe glaciar. O clima do territorio é de montaña seco. A vexetación de Andorra é continental de montaña e presenta a zonificación de pisos típica da vertente meridional dos Pireneos: piso montano con bosque submediterráneo de carballo e, cara ao cume, con extensos piñeirais de piñeiro vermello e abetos; piso alpino dos prados. Nos vales baixos pode chegar a parecer un aciñeiral mediterráneo; sen embargo, esta paisaxe, sobre todo nos vales, está moi humanizada.
Xeografía económica
A economía tradicional de Andorra baseábase esencialmente na agricultura e a gandería, completada pola actividade das forxas e por unha pequena industria téxtil e a industria do tabaco. Actualmente a economía oriéntase cada vez máis cara ao sector terciario, nun senso amplo. Este sector fixo cambiar a fisionomía do país, favorecido pola escasa repercusión económica actual dos sectores primario e industrial. Tres son os piares básicos sobre os que se desenvolve a economía: o comercio, o turismo e a actividade financeira. Neste sentido, o mercado financeiro gozou ata o 1993 de total liberdade, funcionando case como un paraíso fiscal.
Xeografía humana
A poboación de Andorra tivo moitas oscilacións dende o s XIX pero, en liñas xerais, mantívose ao redor das mesmas cifras, cun lixeiro descenso a comezos do s XX e un certo incremento a partir do impulso comercial e turístico do Principado. As características demográficas da poboación andorrana son unha alta natalidade (11‰) e unha mortalidade baixa (3,4‰) en 1996, o que posibilitou un crecemento anual positivo que asegura a renovación xeracional. A composición étnica da poboación, derivada da inmigración, é maioritariamente española (50%), sendo andorranos o 29% e franceses o 8%, tamén hai colectivos minoritarios entre os que cómpre salientar os portugueses e os xudeus; en 1991, sen embargo, a relación entre andorranos e españois estaba máis equilibrada: o 45% dos habitantes eran naturais de España, sendo andorranos o 34%. A disposición orográfica do territorio e a súa división territorial en freguesías favorece a poboación urbana (62,5%). A lingua oficial é o catalán, sen embargo, o francés e o español son amplamente empregados pola poboación. A relixión que maioritariamente profesan os andorranos é a católica (92%), se ben tamén hai comunidades protestantes (0,5%) e hebreas (0,4%). O Índice do Desenvolvemento Humano non está dispoñible en Andorra.
Estrutura política e administrativa
Andorra posúe sete freguesías, que configuran a división territorial, administradas polas comunidades. Andorra conservou ata o 1993 unha constitución política e unhas institucións tradicionais, que tiñan a súa orixe na Idade Media e que facían do Principado un vestixio do antigo dereito feudal (o único con estas características na Europa contemporánea). A base desta orde política era o señorío, compartido por dous coseñores (chamados hoxe copríncipes): o Bispo da Seu d’Urgell e o Presidente da República Francesa. A constitución, aprobada en referendo o 14 de maio de 1993, define o novo estado andorrano como un principado parlamentario, no que a soberanía recae no pobo, e os tres poderes (lexislativo, executivo e xudicial) sepáranse e deixan de ser potestade dos copríncipes, que manteñen agora uns poderes moito máis reducidos (resérvanse a prerrogativa de solicitar ditames de inconstitucionalidade e manteñen unha importante presenza en materia de dereito internacional). A nova constitución tamén eleva o catalán ao nivel de lingua oficial do Principado e prevé a creación de partidos políticos e sindicatos. É membro da ONU e do Consello de Europa.
Historia
Os restos prehistóricos atopados en diferentes localidades do país testemuñan a presenza humana nos vales andorranos cando menos dende o período Neolítico (IV-I milenio a C). Ao longo da historia Andorra incorporouse sucesivamente ao Imperio Romano, á monarquía visigótica e á Marca Hispánica, anexionada ao Reino de Aquitania instituído por Carlomagno e confiado ao seu fillo Luís o Piadoso (781-814). Logo dunha fase condal, baixo a soberanía dos reis francos, iniciouse unha lenta transferencia das atribucións condais aos bispos da Seu d’Urgell. Os pactos de 1278 e 1288, entre o bispo Pedro de Urtx e o conde Roger Bernat III, establecen para o futuro un condominio indivisible dos vales con igualdade de dereitos no exercicio das respectivas atribucións señoriais; ao mesmo tempo, manteñen intacto o vínculo preexistente de dependencia feudal do conde respecto da mitra coa obriga de render homenaxe de fidelidade -como de feito foi prestado de seguido- ao bispo de Urgell. Os ss XIV e XV foron dunha importancia capital para a evolución do sistema de goberno conxunto derivado dos pactos e da súa futura configuración. As actuacións de ambos os señores, a medida que esmoreceu a relación inicial de vasalaxe e se acentuou a tendencia cara a unha plena equiparación de poderes, adquiriron nos terreos lexislativo e xudicial sobre todo, unha amplitude e unha independencia cada vez maiores. Afortunadamente para Andorra, ningún dos seus poderosos veciños intentou facer valer na práctica as súas reivindicacións, fundadas ou non, máis aló dos límites consentidos polos pactos medievais. Iso permitiulle conservar sen modificacións substanciais o antigo réxime coseñorial e, ao mesmo tempo, beneficiarse das vantaxes provenientes da súa posición fronteiriza entre dous estados igualmente interesados en manter a súa presenza e gañar a súa amizade. A partir de 1842 Andorra defínese como unha República independente baixo a protección dos estados francés e español. En 1933 estableceuse o sufraxio universal, en substitución do sistema tradicional que limitaba o voto aos cabezas de familia e, a partir da década dos cincuenta, iniciou un proceso de modernización das súas institucións. Nos primeiros anos da década dos noventa culminou o proceso modernizador do Principado, representado en dous feitos: por unha banda, a aprobación e entrada en vigor en marzo de 1993 da nova constitución andorrana e, pola outra, a entrada de Andorra na ONU (1993), na UNESCO e no Consello de Europa (1994). En decembro de 1993 tiveron lugar as primeiras eleccións no marco do novo estado de dereito e Oscar Ribas (Agrupación Nacional Democrática) foi elixido presidente do consello executivo. Despois dunha moción de censura (1994) substituíuno Marc Forné i Molné (Partido Liberal Andorrano).