Andrade
Andrade
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica; San Martiño de Andrade, en Pontedeume, vén ser o berce da liñaxe dos Andrade. O topónimo procede, segundo algúns investigadores, do xenitivo do nome de posesor Andraldus (> xenit Andraldi) que pasaría a Andradus por escurecemento do -l- intervocálico; o que vén, á súa vez, do xermánico anthar que significa ‘outro, alleo, segundo’. Pola contra, segundo outros, a súa orixe está no xenitivo do antropónimo Antriatus (> xenit Antriati) de orixe escura. Como apelido é bastante frecuente en Galicia e xa aparece documentado no s XIII: “Petrius Ueremendi de Andrade” (doc ano 1206, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes de P. Loscertales, I p 265).