Afganistán

Afganistán
Nome científico: [Nome oficial: Emirato de

Estado de Asia central, limita ao O con Irán, ao S e ao L con Paquistán, ao NL coa China e ao N co Turkmenistán, Uzbekistán e Tadzhikistán (652.225 km2; 21.138.000 h [estim 1997]). A capital é Kābul.
Xeografía física
Afganistán é un país montañoso (menos do 10% da súa superficie está por baixo dos 600 m). Preséntase accidentado ao NL por Hindukush, que se xunta ao altiplano de Pamir cara a Badakhxan e chega ata Irán. Ao N, o Amudarja rega (500 km) a depresión de Turquestán. Ao L de Fīroz Kūh, cara a Paquistán, as montañas Sulaiman Ke Pahad cortan de N a S o paso ás influencias da Asia monzónica. Ao S e ao O do val de Helmand está Dasht-e Mārgow, Sīstān e, no L, Rīgestān, desertos de area tórridos. As depresións rodeadas de montañas condicionan o clima continental do país, en tanto que os ventos dominantes acentúan a secura. No O a media anual de precipitacións é de 508 mm, en Kābul de 310 mm, en Qandahār de 178 mm e no S de 75 mm. No S e no L caen algunhas chuvieiras de xeito ocasional no mes de agosto, única manifestación do monzón da India. A maioría dos ríos (Amudarxa, Morgāb, Harirūd, Helmand, Afghandāb) son de réxime nival; algúns aprovéitanse para a produción de enerxía eléctrica.
Xeografía económica
Pódense distinguir catro rexións eco-nómicas. O Turquestán afgán é unha rexión gandeira e agrícola (algodón, froita, trigo). Do subsolo extráese petróleo e sobre todo gas natural. Herāt é unha rexión desértica atravesada por ríos intermitentes, que orixinan ricos oasis (algodón, cereais, froita). Hai depósitos de sal e cromo. A rexión de Qandahar está formada por longos oasis (cereais, algodón, sésamo) ao longo de Helmand e de Arghandāb. Na rexión de Kābul cultívanse cereais, hortalizas e froitas. O val de Kābul comunica co océano a través de Paquistán. Malia o atraso da tecnoloxía agrícola os sistemas de rotación permiten a exportación dalgúns produtos. Pola contra, o gando ovino é moi importante, sobre todo a variedade caracul (carneiros de la moi encaracolada). Os recursos minerais son ricos, entre os que cómpre destacar os depósitos de lapislázuli de Badakhxan e de gas natural de Sheberghān, explotado mediante un gasoduto duns 120 km ata a fronteira N; sen embargo, por falta de infraestruturas, están pouco explotados. A industria iniciou o seu desenvolvemento despois da Primeira Guerra Mundial. Foi a partir dese momento cando se comenzaron a afinanciar as manufacturas de algodón, la e seda artificial, as industrias do azucre ou, entre outras, as fábricas de cemento. Non obstante , o predominio da industria artesá (alcatifas, la, peles) é salientable. A axuda externa, sobre todo por parte da URSS (1956-1989), foi moi importante para o desenvolvemento do país. Neste sentido, o PNB superaba en 1975 o da China e o de Paquistán; sen embargo, a degradación política na década de 1980 provocou o seu descenso ata valores anteriores ao devandito ano. Así mesmo, o crecemento económico foi negativo ata 1996 (-0,5 %) con respecto a 1986, aínda que en 1997 foi do 6,0%. A inflación anual foi en 1998 de 56,7. En canto aos transportes e comunicacións internas hai grandes contrastes: non hai ferrocarrís; o Almudarxa é navegable ata o mar de Aral, e Quizilqal’a é o primeiro porto afgán; hai aeroportos internacionais en Kābul e en Qandahār. O comercio exterior é deficitario, en 1998 importou por un valor de 450 millóns $ USA e exportou por valor de 155 $ USA; os estados da antiga URSS, Xapón, Paquistán, A India, Alemaña e os EE UU son os clientes e provedores máis importantes.
Xeografía humana
O substrato iraniano da poboación presenta influencias árabes, turcas e hindús. Comprende, aproximadamente, un 50% de paxtos, un 22% de tadzhiquianos, un 12% de poboación de orixe mongola, que inclúe os hazara, de rito xiíta, e un 10% de poboación de orixe turca; o resto (6%) é de orixe diversa (baluchis do SO, tribos do Nuristán, uzbecos). A maioría da poboación (80%) é de rito sunnita. As linguas oficiais son o afgán ou paxto, aínda que a máis difundida é o persa. A poboación creceu o 2,3% entre 1985-1990. O 18,1% (1987) é urbana e as cidades máis importantes son Kābul, Mazar-e Sharif, Herat e Kandahar. Malia que o Indicador do Desenvolvemento Humano non está dispoñible en Afganistán, polo que non se ten publicado unha estimación global, son coñecidos os datos da escolarización. En 1995 o analfabetismo masculino acadaba o 52,8% e o feminino o 85,0%, en 1990 só estaba escolarizada o 15,5% da poboación entre 12 e 17 anos e o 88,5% da poboación maior de 25 anos non fora escolarizada. Hai dúas universidades, unha en Kābul e a outra en Jalālābād. Dende 1997, cando se estableceu o Emirato e a lei islámica, o poder efectivo exérceo o movemento talibán, baixo a dirección de Muhammad Omar. Afganistán é membro da ONU.
Historia
Os aqueménides (s VI a C) incorporaron Afganistán ao Imperio Persa artellándoo en diversas satrapias. Alexandre o Grande conquistou a parte oriental do Imperio (330-327 a C) e fundou diversas cidades (Kabura, Bactra, etc) onde se produciu unha síntese orixinal da cultura helenística, a iraniana (xa de seu ecléctica) e os influxos budistas da India. Estes territorios pertenceron sucesivamente a diversos reinos ata a conquista árabe (651 d C), que non se consolidou ata o s IX. A islamización do país foi tardía; baixo Ma ḥ mūd de Ghaznī e a dinastía dos ghaznévidas, Afganistán, xunto co Punxab, converteuse no punto central do estado irano-islámico (997-1187). Os gurides (contra o 1200), a dinastía dos Kart (s XIII e XIV) e a actuación de Ḥ usayn Bāyqarā (1469-1506), afianzaron a peculiar situación política de Afganistán; a ruptura con Persia completouse cando este país, baixo os safévidas (dende 1502), pasou ao xiísmo, mentres que Afganistán permanecía sunnita. Nos s XVI e XVII o territorio dividiuse entre Persia e o Imperio do Gran Mongol. No 1747 o Emir A ḥ mad Shāh Durrānī fundou un grande imperio que se esnaquizou á súa morte (1773); neste momento, Afganistán tomou o nome e a configuración estatal actuais. No s XIX, os británicos invadírono e ocuparon o país ata 1893 (Guerras Afganas), cando o Emir ‘Abd al-Ra ḥ mān aceptou a tutela británica. O Emir Amān Allāh acadou a independencia de Afganistán no 1921, procurando modernizar o país; sen embargo, tivo que abdicar obrigado pola oposición das forzas relixiosas islámicas aos seus intentos de modernización. No 1933 subiu ao trono Zādir Shāh, que se caracterizou pola súa política de achegamento á URSS. Afganistán permaneceu neutral durante a Segunda Guerra Mundial; no 1946 estableceuse a fronteira coa URSS, ao longo do Amudarxa. A raíz da fundación de Paquistán (1947), Afganistán tentou anexionar os territorios con poboación de lingua afgana de Paquistán, o que motivou grandes tensións entre 1961 e 1963. No 1973 instáurase o réxime republicano, sendo o Rei Zāhir Shāho deposto polo Xeneral Sardar Mu ḥ ammad Daud Khan, a quen no 1978 tira do poder un novo golpe de estado militar, para ser nomeado Xefe do Estado e Primeiro Ministro Nur Mu ḥ ammad Taraki, do comunista Partido Democrático Popular. Taraki incrementou os vínculos coa URSS, o que provocou a aparición de grupos guerrilleiros musulmáns anticomunistas (muxaidíns). Malia que no 1979 Hafizulla Amin derrocou a Taraki, a acción das guerrillas aumentou, feito que aproveitou a URSS para invadir Afganistán nese mesmo ano, derrocar a Amin e proclamar a Babrak Karmal como novo Presidente da República. Esta situación levou á intensificación da loita dos muxaidíns, apoiados por Paquistán, os EE UU e a República China, e o exército afgán, apoiado pola URSS. No 1986, a instancias soviéticas, Karmal foi substituído por Mu ḥ ammad Najibullah. Finalmente, as tropas soviéticas retiráronse no 1989 en cumprimento dos acordos de Xenebra (1988) entre a URSS e os EE UU. Malia a resistencia de Najibullah, tivo que demitir en abril de 1992. Dende ese momento, as diversas faccións musulmanas enfrontáronse nunha guerra civil que persiste (1999). Os talibán, sunnitas fundamentalistas de etnia paxto, conseguiron no 1996 controlar dúas terceiras partes do país e asasinar a Najibullah. No norte atópanse os uzbecos de Rashid Dutom e Abdual Malik, os xiítas azaras do Wahdat e as tropas de A ḥ med Shāh Masud, que, malia as súas diferencias, respaldan o Presidente Burhanuddin Rabbani, quen conta co recoñecemento da ONU. En outubro de 1997 os talibán proclamaron o Emirato de Afganistán, aplicando a sharía (lexislación coránica) que, entre outras cousas, implica un grave retroceso dos dereitos e liberdades dos cidadáns, particularmente mulleres, o que produciu unha forte reacción da opinión pública occidental, cesando o apoio estadounidense aos muxaidíns dende a época soviética. Fixéronse tentativas de establecer negociacións de paz dende foros internacionais (ONU, Cumio Islámico), ata o 1999 fracasadas. O 20 de agosto de 1998 o país foi obxecto do ataque de mísiles teledirixidos estadounidenses como represalia contra o rexime islámico, acusado de protexer os responsables dos atentados contra as embaixadas dos EE UU en Kenia e Tanzania.