Aldara
Nome da protagonista da lenda da “doniña cerva” do castelo de Doiras, na parroquia de Vilarelle, Cervantes. En época incerta, o señor do castelo, de nome Froias ou Froiaz, tiña dous fillos: o maior, varón de nome Egas, e Aldara, a súa fermosa irmá, de quen queda prendado Aras, fillo do señor dun castelo veciño. Anunciado o casamento, Aldara desaparece un serán pese aos esforzos na súa procura; co tempo, a súa ausencia constituíu a normalidade. Un día de cazaría, Egas acerta a matar cunha seta a unha fermosa cerva branca, á que lle curta unha pouta como sinal de pertenza, deixando alí o resto do corpo. Cando, chegado ao castelo, amosa ao pai o trofeo, contemplan estarrecidos o anel de ouro con engaste de pedra rubia, que recoñeceron de Aldara, inserido no dedo correspondente da man humana na que trocara a pouta de cerva. De volta ao lugar onde xacera o animal, achan o cadáver de Aldara, a quen, en efecto, falta a man do anel. Polo tipo de enfeitizamento, que cesa coa morte da víctima e co retorno ao seu estado orixinal, atribuíuse á obra de algún mouro nefasto. Variantes desta lenda teñen paralelismos noutras narracións europeas, nas que un cabaleiro ou unha doncela transmutan en cervos ou cervas, adoito de cor branca, tonalidade considerada en Galicia de mal agoiro cando se presenta en animais nos que non é usual.