Alexandre
o Grande (? 356 - Babilonia 323 a C) Rei de Macedonia (336-323), fillo do Rei Filipo de Macedonia e de Olimpia, a súa dona. Foi educado por Aristóteles. No 340 a C o seu pai noméao rexente. No 338 comandou a cabalería macedónica na Batalla de Queronea. Cando herdou o reino, rebelóuselle a Grecia sometida por Filipo, pero Alexandre conquistou e destruíu Tebas e fíxose nomear Xeneral en Xefe dos exércitos gregos e principiando a guerra contra Persia para recuperar as colonias gregas de Xonia (Asia Menor). No 334 pasou o Helesponto e principiou a conquista da costa de Asia Menor. A primeira batalla foi no río Granico, vitoria que lle permitiu liberar as satrapías de Xonia e Lidia. Tomou logo Frixia e a súa capital, Gordion, onde cortou o nó gordiano (segundo a lenda, quen o desenleara sería o amo de Asia). Conquistou Cilicia e atravesou o monte Tauro. O exército persa agardouno en Siria e deulle combate en Issos (333), batalla que foi unha gran desfeita para os persas, na que se viu obrigado a fuxir o Rei Darío III o Grande. Alexandre dedicouse á conquista de Fenicia, de Israel (toma Xerusalén) e de Exipto (funda Alexandría). No 331 atravesou o Eufrates e o Tigris; en Gaugamela tivo lugar a vitoria definitiva sobre Darío, que fuxiu cara á Media, para asentar Alexandre o seu poder en Babilonia, Susa, Pasargadas e Persépole. O Imperio Persa caeu nas súas mans adoptando Alexandre o tipo de Corte e a condición dun príncipe oriental; esta decisión provocou unha violenta oposición entre o grupo dos xenerais macedonios, que se conxuraron contra el, e que rematou coa execución do Xeneral Parmenio, o seu amigo e Xeneral en Xefe das súas tropas. Alexandre, gabado pola submisión dos persas e pola súa elevación a personaxe de rango divino como un gran rei, preferiu continuar a política persa en lugar da súa idea primitiva, e decantouse pola conquista de territorios máis ao oriente. Invadida a Bactriana, casou coa princesa Rosana e dirixiuse cara a Hindũkush e ao val do Indo. A súa marcha foi detida pola resistencia pasiva do exército, que non quixo ir máis aló do Hífase. Recuou e dividiu as tropas en dous grupos, un que volveu por mar ao golfo Pérsico e outro que volveu por terra. Volveu a Susa, reorganizou o Imperio e someteu as revoltas que se produciran entre os gregos e os persas. Foi un déspota oriental con poderes divinos, elevou os seus súbditos persas nobres á mesma categoría ca o grupo dos gregos chamados compañeiros e no 324 axuntou en Babilonia os representantes dos seus estados e reinos. Durante o 323, esgotadas as tropas, ficaron en Babilonia, onde Alexandre esaxerou nas súas actitudes dionisíacas retando cada noite aos seus xenerais a beber máis ca el; un que o conseguiu morreu ao día seguinte, o que fixo que Alexandre, esa mesma noite, tentara superalo: as febres nas que caeu matárono ao pouco. O paso de Alexandre polo Oriente comportou unha grande expansión do helenismo, mestura de clasicismo grego e influencias orientais. A vella democracia grega foi substituída por unha concepción divina do poder real, que se fai absoluto. Alexandre, creador dun grande imperio e que en vida foi considerado como un heroe e como un deus, espallou un gran número de obras máis ou menos biográficas (Ariano, Plutarco, etc) baseadas, maioritariamente en testemuñas oculares (Ptolomeo, Lagos, etc); a literatura de ficción recolleu lendas, que constituíron a base do ulterior tratamento literario. Estas lendas converxeron nunha novela epistolar, da que provén unha vida novelada do s II d C e da que se realizaron traducións ao latín, de Xulio Valerio (ss II-IV), do arcipreste León (ss X-XI) e un resumo realizado na Francia carolinxia. Na Idade Media o personaxe encarnou as virtudes cabaleirescas. O poema de Alberico de Besançon inspirou o Alexanderlied do poeta xermánico Lamprecht e foi unha das fontes do Roman d’ Alexandre. O Roman d’ Alexandre presentou diversas manipulacións do s XII e contou con máis de 20.000 dodecasílabos que darían nome ao verso alexandrino. Tamén do s XII é o Alexandreis de Gautier de Châtillon, de 5.464 hexámetros. Tivo imitacións e derivacions -inspiradas basicamente polo Roman d´Alexandre- na literatura castelá (Libro de Alejandro, s XIII), na italiana (Nobili fatti d´Alessandro Magno, s XIV) e noutras. O Renacemento redescubriu o Alexandre de Plutarco e, quizais, o primeiro en desligarse da influencia lendaria foi Petrarca en De viris illustribus (1338?). O tratamento culto circunscríbese ao teatro en obras como: Alexander, Campaspe and Diogenes (1584), de John Lyly; a traxedia de Racine, Alexandre le Grand (1665) e o drama de Metastasio Alessandro nelle Indie (1727).