análise

análise

(

  1. s f

    Exame das partes constituíntes dun todo, separadamente ou en relación a aquel.

    Ex: Fixeron unha análise de mercado da súa empresa.

  2. s f

    Exame esmerado e coidadoso dun escrito, discurso, unha teoría ou calquera outro complexo discursivo.

    Ex: O tribunal fixo a análise do seu exame e acordou darlle a máxima puntuación.

  3. s f [COMUN/IMAX]

    Descomposición dunha imaxe nunha serie de puntos mediante un analizador de imaxe que, a través dunha exploración sucesiva e ordenada dos puntos constituíntes da imaxe, transforma a intensidade luminosa de cada un deles nun sinal de amplitude proporcional, chamado sinal de vídeo.

  4. s f [FILOS]

    Proceso de investigación que consiste tanto na redución dun composto nas súas partes simples, sexa este composto un concepto, unha proposición, un razoamento ou un feito, como na regresión, realizada mediante procesos de razoamento, e dirixida aos fundamentos dunha proposición que se intenta probar ou na procura de estruturas subxacentes ao obxecto de estudio que se propón. Ao longo da historia da filosofía este concepto tivo diferentes acepcións. Aristóteles empregou a expresión “arte analítica” para referirse ao proceso de redución aos principios últimos. Descartes entendeu a análise como o proceso de redución das proposicións complexas e escuras ás máis sinxelas. Kant interpretou a lóxica xeral como unha análise que descompón os elementos formais do entendemento e da razón e a lóxica transcendental como a descomposición ou análise do coñecemento a priori nos seus elementos puros, achegados pola mesma estrutura do entendemento.

  5. s f [INFORM]

    Estudio dun problema dende o punto de vista da información, descompoñéndoo en unidades máis pequenas, estudiando a estrutura, illando os tratamentos básicos da información e deseñando os algarismos que os realizan. Adóitase dividir en dúas fases consecutivas: funcional e orgánica. A fase da análise funcional é aquela na que se estudia a estrutura lóxica das informacións e dos procesos, sen importar o xeito de resolver o problema cun sistema informático concreto. A fase da análise orgánica consiste no deseño da estrutura de datos nas diferentes memorias dun ordenador e tamén dos algarismos xerais de tratamento, especialmente a niveis de cadea de tarefas.

  6. s f [INFORM]

    Operación de comprobación realizada polo sistema operativo Windows para comprobar que o disco duro e os periféricos conectados a un ordenador funcionan correctamente.

  7. s f [LING]

    Na tradición gramática escolar, a análise gramatical redúcese esencialmente a dúas operacións: a identificación dos membros dunha frase e da función sintáctica que exercen, e a asignación de cada palabra a unha clase determinada, de entre unhas cantas preestablecidas. Na lingüística moderna, especialmente no estruturalismo dos anos trinta e cincuenta do século XX, o termo designa practicamente calquera operación da lingüística descritiva.

  8. análise ABC [ECON]

    Análise de selección de almacéns cando se ten en existencia produtos de diferente natureza. Baséase na importancia relativa do capital inmobilizado en cada unha das clases de artigos que se atopan almacenados.

  9. análise absorciométrico [QUÍM]

    Análise dun gas ou un líquido por medición das lonxitudes de onda de absorción electromagnética máxima, que son únicas para cada elemento.

  10. análise adimensional [FÍS]

    Expresión de termos nunha ecuación de movemento que se realiza por medio de enerxías de cantidades non dimensionais. Nesta análise os termos de magnitude significativa poden identificarse baixo determinadas condicións específicas; sen embargo, os termos de magnitudes insignificantes poden rexeitarse.

  11. análise biolóxica [XEOL/BIOL]

    Determinación dos seres vivos contidos no solo, dende as bacterias ata os vermes de terra, os insectos e outros organismos vivos. Permite estimar a fertilidade do solo estudiado.

  12. análise bivariado [MAT]

    Análise consistente na análise da relación existente entre dúas variables. A análise bivariada pode ser descritiva, sen embargo, cómpre acudir á estatística inferencial para observar se as relacións observadas na mostra son tamén significativas na poboación.

  13. análise bromatolóxica [ALIM]

    Análise da composición, das propiedades, do valor alimenticio, da conservación, e do estado químico e sanitario dos produtos naturais ou artificiais destinados á alimentación humana ou animal.

  14. análise causal [MAT]

    Instrumento estatístico que se emprega para comprobar hipóteses nas que se relacionan variables e/ou latentes. Son casos particulares deste tipo de análise, que tamén se coñece co nome de análise de estrutura de covarianza, a correlación, a regresión múltiple, a análise de varianza, a análise factorial e a análise de camiños.

  15. análise clínica [MED]

    Análise de sangue, de ouriños ou doutros líquidos e produtos da secreción corporal. A observación do sangue extraído de enfermos remóntase á medicina hipocrática, en tanto que foi Avicena quen introduciu a observación dos ouriños. Na actualidade, a tarefa do analista fíxose máis doada grazas aos aparellos de alta precisión dos que se dispón e pola introdución dos novos métodos de análise automática, e resulta imprescindible na diagnose de moitas enfermidades. As análises clínicas comprenden as áreas das análises hematolóxicas, bioquímicas, microbiolóxicas e inmunolóxicas.

  16. análise Cluster/cladístico [MAT]

    Procedemento que emprega estratexias matemáticas e estatísticas que serven para agrupar individuos ou elementos por un método de regresión ata chegar a un punto orixinal que engloba todos os elementos ou individuos analizados. A súa aplicación práctica espallouse rapidamente polas ciencias sociais, aínda que o seu uso é tamén moi importante nas ciencias naturais. Algunha das súas aplicacións son as seguintes: en Socioloxía serve para coñecer os distintos sectores sociais que teñen comportamentos semellantes. En Arqueoloxía tense empregado para establecer conexións entre elementos da cultura material (cerámicas, moedas, alfinetes, etc) procedentes de xacementos diferentes co obxecto de atopar conexións culturais entre estes propios xacementos. En Paleontoloxía adoita empregarse para establecer conexións entre especies dun mesmo xénero ou xéneros dunha familia, utilizando elementos morfolóxicos ou bioquímicos.

  17. análise combinatoria [MAT]

    Eido das matemáticas destinado á resolución de problemas consistentes en escoller e colocar os elementos dos conxuntos, habitualmente finitos, de acordo cunhas certas leis ben establecidas. Tamén recibe o nome de teoría combinatoria.

  18. análise complexa [MAT]

    Estudio do comportamento, diferenciación e integración das funcións dunha ou máis variables complexas.

  19. análise conformacional [BIOQ]

    Estudio da influencia da conformación das moléculas orgánicas sobre a súa reactividade e propiedades espectrais.

  20. análise con raios X [FÍS]

    Consiste no emprego de raios X para detectar elementos pesados en presenza doutros máis lixeiros, identificar a composición elemental a partir da absorción crítica e identificar estruturas cristalinas mediante o espectro de difracción.

  21. análise corolóxica [BOT]

    Determinación do carácter das áreas ocupadas polas diversas especies dunha comunidade vexetal ou dun territorio xeográfico.

  22. análise coulombestático [QUÍM/FÍS]

    Técnica electroquímica que implica a aplicación dun grande impulso de corrente, aínda que sexa moi breve, a un electrodo situado nunha solución química que se emprega para determinar o cambio de potencial do electrodo en función do tempo e en proporción coa concentración da solución.

  23. análise coulombmétrico [QUÍM]

    Técnica pola que se determina cuantitativamente a cantidade dunha substancia por medición da cantidade total de electricidade necesaria para esgotar unha solución da mesma.

  24. análise cualitativa

    Análise non baseada en medidas precisas e supostos cuantitativos. Entre as súas diversas aplicacións cómpre salientar o seu emprego en química, entre as ciencias naturais, na que se emprega para analizar unha mostra gasosa, líquida ou sólida ou dunha mestura co gallo da identificación dos elementos, radicais ou compostos que constitúen a mostra. No eido das ciencias sociais este enfoque metodolóxico adoita asociarse a unha epistemoloxía interpretativa e emprégase para a recollida e análise de datos nos que se enfatiza a comprensión dos significados.

  25. análise cuantitativa

    Análise baseada en medidas precisas.

  26. análise da circulación [ENX]

    Análise cuantitativa da composición da circulación nun sistema de rúas ou estradas (ou nunha rede de transportes).

  27. análise de aceleracións [ENX]

    Análise empregada para determinar as aceleracións de pezas dun mecanismo.

  28. análise de agregados [ARQUEOL]

    Proceso de análise que se realiza sobre un conxunto homoxéneo de materiais e restos arqueolóxicos.

  29. análise de calidade [OFIC]

    Exame das metas de calidade dun produto ou servicio.

  30. análise de catións [QUÍM]

    Análise cualitativa dos catións dunha solución acuosa.

  31. análise de competencia [COMUN]

    Estudio detallado, realizado ou encargado por unha empresa publicitaria ou por un anunciante, para coñecer a estratexia de mercado doutras entidades que promocionan produtos da mesma categoría. A análise componse dunha parte cualitativa na que se disecciona cada unha das mensaxes e compoñentes dos anuncios, e outra cuantitativa onde se revisan as inversións publicitarias levadas a cabo durante un período de tempo, así como os medios empregados.

  32. análise de compoñentes principais [MAT]

    Análise multivariante polo que se transforma linealmente un conxunto de variables nunha serie de dimensións sen correlación entre si.

  33. análise de custos [ECON]

    Conxunto de métodos empregados en economía da empresa tendentes a establecer os diferentes custos xerados nun proceso económico produtivo, tales como os custos de operación dun negocio e os custos que resultarán de procedementos alternativos, xunto os efectos sobre os seus beneficios. Fronte a esta análise, teoricamente bastante ambiciosa, que tamén se coñece co nome de análise custo-beneficio, xurdiu a análise custo-eficacia, que consiste nunha técnica de avaliación dos recursos económicos empregados nun proxecto determinado, medindo os seus obxectivos tan só con índices ou módulos significativos.

  34. análise de enderezos [COMUN]

    Estudio de todos os elementos que compoñen o enderezo dunha persoa ou empresa: nome, localidade e distrito postal, entre outros. Esta acción é fundamental para que un mailing teña éxito.

  35. análise de harmónicos [FÍS]

    Método de identificación e avaliación de harmónicos que define unha forma de onda complexa de tensión, intensidade ou algunha outra magnitude variable.

  36. análise de impacto ambiental [ECOL/ARQUEOL]

    Conxunto de estudios orientados a determinar a degradación ambiental que pode xerar un proxecto de obra pública de envergadura, tanto en planta (aeroporto, explotación mineira a ceo aberto, urbanización, etc) coma lonxitudinal (estrada, vía férrea, gasoduto, etc). A lexislación galega contempla un concepto amplo de impacto ambiental, regulado dende 1988 polo Regulamento Executivo do Decreto Lexislativo de Avaliación de Impacto Ambiental, que integra o estudo ecolóxico das áreas afectas e o estudio arqueolóxico, orientado a estimar a incidencia que esas obras poidan ter sobre os elementos que compoñen o Patrimonio Cultural.

  37. análise de lamas [ENX/XEOL]

    Análise química das terras que saen da perforación en busca dun metal ou grupo de metais específico.

  38. análise de mercado [ECON]

    Recollida e valoración de datos concernentes aos atributos pasados, presentes e futuros dos consumidores potenciais dun produto ou servicio.

  39. análise demográfica [DEMOG]

    Método de observación crítica do proceso demográfico dunha poboación concreta. Establécese pola información estatística que, coa descrición, a clasificación e a explicación das leis que o rexen e dos factores que as condicionan, permite establecer as perspectivas da poboación estudiada.

  40. análise de ouriños

    Probas físico-químicas e microscópicas que se realizan sobre unha mostra de ouriños fundamental na detección e prevención de determinadas patoloxías; sen embargo, a súa aplicación máis estendida é a confirmación de embarazos.

  41. análise de regresión [MAT]

    Técnica que se emprega para medir a relación entre unha ou varias variables independentes cunha variable dependente interval. É un caso particular do modelo xeral de relacións lineais. O coeficiente de regresión reflicte cánto varía da variable dependente como promedio por cada unidade da independente, mantendo constante a incidencia do resto.

  42. análise de resultados [COMUN]

    Estudio das variables que afectan á venda produto ou servizo no transcurso dunha campaña, así como a eficacia final da mesma. Factores como a distribución, a actividade da competencia, a temporalidade e outros elementos do márqueting mix, son revisados en profundidade antes de valorar definitivamente unha campaña. É a última fase dunha campaña de publicidade.

  43. análise de sementes [AGR]

    Método que ten por obxecto determinar nunha mostra de sementes a súa pureza, o poder xermolativo e outros datos complementarios.

  44. análise de solos [AGR]

    Método para averiguar as características físico-químicas e as propiedades de cultivo dos solos, o estado de fertilidade das terras en relación cos tres elementos principais (nitróxeno, sodio e potasio), a proporción de areas (fina e grosa), arxila e humus, o poder absorbente, etc.

  45. análise de tempos e movementos [ECON]

    Estudio dos movementos e dos tempos empregados na realización dun traballo complexo mediante a descomposición nos seus elementos máis simples ou discretos, co fin de atopar a maneira menos custosa de efectualo e escoller a que resulta tecnicamente óptima, incrementando así a produtividade. Desígnase tamén como análise do traballo.

  46. análise de trazas [QUÍM]

    Técnica empregada para detectar cantidades moi pequenas de elementos químicos nunha mostra, por medio de técnicas como a polarografía ou a espectroscopía computerizada.

  47. análise didáctica [PSIC]

    Psicanálise á que se somete aquel que quere dedicarse á profesión de psicanalista. É unha peza clave da súa formación e unha parte que todo psicanalista ten que realizar.

  48. análise dimensional [FÍS]

    Técnica lóxica que serve para a resolución dos problemas importantes do estudio experimental dun fenómeno físico. A análise dimensional parte do feito de que dentro de cada sistema de unidades físicas se pode escribir, para cada variable física e para cada parámetro numérico que interveña nas relacións, unha ecuación de dimensións que ten a forma dun produto das potencias das dimensións das magnitudes escollidas como fundamentais.

  49. análise diofántica [MAT]

    Estudio das ecuacións diofánticas.

  50. análise do tempo [METEOR]

    Estudio dos datos dun mapa do tempo co fin de localizar as masas de aire, as frontes que as separan e, mediante o trazado de isóbaras, a configuración do campo de presión. Ao mesmo tempo que unha diagnose do estado do tempo, é o punto de partida para a súa predición.

  51. análise do valor [ECON]

    Método de análise que permite establecer a relación entre as funcións dun produto e o custo da súa produción.

  52. análise económica [ECON]

    Parte da economía que estudia os modelos xerais de uniformidade do proceso económico e que os combina nun modelo coherente. Metodoloxicamente, a análise económica elabora categorías, é dicir, leis económicas, e ordena conxuntos de leis constituíndo teorías económicas. A análise económica aparece como ciencia dedutiva porque as leis económicas derivan, o mesmo que as regras da lóxica e das matemáticas, dunhas cantas proposicións básicas. A análise económica é unha ciencia empírica que ten por obxecto a construción dunha teoría xeral para cada formación social.

  53. análise económico-financeira [ECON]

    Estudio sistemático dos datos e as informacións dunha empresa, un sector ou un organismo, a fin de formularlle a diagnose da situación e das perspectivas.

  54. análise espectral [ASTRON/FÍS]

    Estudio da composición química e das condicións físicas das estrelas e doutros corpos celestes mediante a análise do espectro da radiación que emiten. As primeiras observacións de espectros estelares fíxoas Fraünhofer (1817); sen embargo, o auténtico fundador da análise espectral foi o padre Secci. Este estudio fundaméntase na comparación dos espectros estelares (continuos, de raias ou de bandas) cos das fontes terrestres ( espectroscopía) e na interpretación dos resultados mediante unha teoría sobre a emisión e a absorción de radiacións na atmosfera estelar. A análise espectral permite deducir a temperatura das estrelas, a composición química da súa atmosfera (tamén a súa extensión, presión, campo electromagnético e movemento) e os seus movementos radiais.

  55. análise estatística [MAT]

    Corpo de técnicas empregadas na inferencia estatística relativa a unha poboación.

  56. análise estratigráfica [OFIC]

    Análise do coiro na que se determinan as seccións paralelas da súa superficie, non a composición global da pel.

  57. análise factorial [PSIC]

    Técnica matemática que se adoita empregar na investigación experimental psicolóxica e pedagóxica proposta por Ch. Spearman en 1904. Baseada na teoría das correlacións, quere manifestar o grao de variabilidade común existente nun certo campo de fenómenos. Aplícase ao estudo das diferencias individuais, das aptitudes e das calidades da personalidade.

  58. análise funcional [INFORM]

    Primeira fase do desenvolvemento dunha aplicación, que consiste en recoller toda a información dispoñible sobre o obxectivo que se desexa cumprir e en estudiar todas aquelas fases que deban terse en conta para a realización do programa.

  59. análise funcional [MAT]

    Estudio de espacios vectoriais topolóxicos, nos que os seus elementos son funcións.

  60. análise harmónica [MAT]

    Representación de funcións mediante sumas e desenvolvementos en serie dalgunhas funcións elementais (determinados tipos de polinomios e funcións trigonométricas). Permite obter expresións sinxelas aproximadas das funcións e deducir propiedades xerais a partir das propiedades particulares daquelas funcións elementais.

  61. análise infinitesimal [MAT]

    Análise matemática.

  62. análise isentrópica [METEOR]

    Exame e discusión dos datos dunha carta isentrópica co fin de elaborar unha previsión meteorolóxica; actualmente, faise a partir dos datos globais dun mapa do tempo, realizando a análise do tempo.

  63. análise isotópica [QUÍM]

    Determinación da abundancia relativa dos diversos isótopos dun certo elemento nun produto dado. A análise isotópica pode empregar as propiedades que dependen exclusivamente da diferenza de masa entre os isótopos (por exemplo: espectrometría de masa) ou as intrinsecamente nucleares (por exemplo, a resonancia magnética nuclear).

  64. análise lineal-logarítmica [MAT]

    Análise multivariante para datos de táboas de continxencia. Consiste en considerar un modelo lineal no que a variable dependente é un logaritmo.

  65. análise matemática [MAT]

    Parte das matemáticas construída sobre os conceptos básicos de función, límite, continuidade, derivada e integral. O seu desenvolvemento moderno arrinca do cálculo infinitesimal, elaborado durante os ss XVII e XVIII, que tiña como principais problemas o das cuadraturas (determinación da lonxitude dunha curva e das áreas e volumes de figuras) e o das tanxencias (trazado de tanxentes a curvas e superficies). A análise matemática presenta as características distintivas da abstracción e xeneralidade dos seus métodos, propios do rigor do razoamento lóxico. É o resultado dunha lenta xeración de conceptos clave que culminou durante o s XVII e dunha posterior fundamentación rigorosa (s XIX). As primeiras preocupacións infinitesimais atópanse nos paradoxos de Zenón de Elea (como por exemplo a difundida aporía de Aquiles e a tartaruga). Algúns métodos gregos, como o método exhaustivo, sobreviviron ata o s XVII grazas ao seu rigor. Con este método, Eudoxio calculou os volumes do cono e a pirámide. Arquímedes determinou a tanxente á espiral que leva o seu nome, aínda que case todo o seu traballo se realizou ao redor do cálculo de áreas e volumes, facendo uso sistemático do método exhaustivo. Os progresos máis interesantes dos séculos posteriores xurdiron da cinemática. A obra dos matemáticos árabes, ademais dalgunhas cuadraturas e cálculos de volumes, apunta nesta dirección, xunto tamén co traballo dalgúns escolásticos. A publicación, en 1544, das obras de Arquímedes tivo unha influencia gradual sobre os matemáticos da época. Fermat, no s XVII, descubriu un método para calcular máximos e mínimos de funcións dunha variable. Kepler estudiou a cubicación de 92 sólidos de revolución. Guldin mellorou os resultados e expuxo os seus teoremas, xa coñecidos por Pappus. Descartes utilizou métodos xeométricos para determinar a tanxente ou unha curva e, como fixeron Roberval e Tonicelli, fíxoo tamén mediante consideracións cinemáticas. Na súa Geometria Indivisibilibus (1635), Cavalieri propuxo o método dos indivisibles como noción intuitiva e con el calculou integrais. O resultado máis destacable dende a obra de Arquímedes foi a súa conclusión de equivalencia de dous problemas que dependen da mesma cuadratura, co que facilitou o nacemento dun procedemento de cálculo xeral. Nun camiño semellante traballou Pascal. En 1665 apareceron as primeiras revistas científicas, que axilizaron a transmisión dos coñecementos. Barrow deu a idea de calcular a tanxente mediante o cociente de incrementos e, posiblemente, relacionou o problema das tanxentes co da área limitada por unha curva, segunda achega decisiva no camiño cara aos cálculos integral e diferencial. A contribución fundamental á análise é obra conxunta de Newton e Leibnitz. Ambos os dous elaboraron un algarismo diferencial, crearon notacións útiles e -Newton máis que Leibnitz- aplicárono a problemas concretos e gradualmente complicados. Newton elaborou o seu cálculo de fluxións. Leibnitz deixou definicións coidadosas de función alxebraica e trascendente, de parámetro, de coordenadas curvilíneas, de diferencial e elaborou unha notación case idéntica á actual (o signo da integral, b, e de diferencial, d, ambos os dous no 1675). O primeiro tratado de cálculo diferencial escribiuno en 1691 Johann Bernouilli, pero non se atopou ata o 1924. Dende aquela a análise experimentou un progreso constante. Os ingleses ampliaron a obra de Newton; destaca a obra de Colin Maclaurin, Brook Taylor e James Stirling. No continente salientan Daniel Bernouilli, Clairaut, Lagrange, Laplace, Legendre e, especialmente, D’Alembert e Euler. D’Alembert fixo definicións claras de límite e derivada e Euler contribuíu notablemente ao cálculo diferencial, achegando as notacións de e (a base dos logaritmos naturais) e incorporando correctamente as funcións trigonométricas e discontinuas. Durante o s XIX aparece o cálculo de variacións ou as funcións de variable complexa, a necesidade de fundamentar rigorosamente os conceptos e os métodos de demostración. Unha parte destacada desta tarefa fíxoa Cauchy, especialmente na súa obra Cours d’Analyse (Curso de análise), publicada en 1821; tamén desenvolveu a teoría de funcións analíticas, que Abel, Jacobi e Riemann ampliaron. No proceso de rigorización, Weierstrass, Dedekind, Mèray e Cantor definiron con precisión o concepto de número real, base da análise moderna. O criterio de integrabilidade dunha función foi posible grazas á noción de continuidade uniforme debida a Heine. Gauss ideara a xeometría diferencial, mostra das diferentes direccións que ía tomar a análise matemática dende o s XIX ata hoxe. Durante o s XX, a conexión cos problemas de álxebra e topoloxía xeneralizou o dominio común de aplicación destas diferentes ramas. Hilbert, Fréchet, Fischer, Banach, Schwartz e outros crearon a análise funcional (espacio L p , teoría da medida, distribucións), que tivo moita repercusión na física teórica. Recoñécense na análise matemática actual as seguintes subdivisións: funcións de variable real, funcións de variable complexa, ecuacións diferenciais, análise funcional, xeometría diferencial, cálculo variacional e teoría da medida.

  66. análise matricial [INFORM]

    Técnica que utilizan algunhas aplicacións de recoñecemento óptico de caracteres, na que se superpón unha matriz de puntos a un signo e se compara con este.

  67. análise mecánica [XEOL]

    Selección das partículas dun solo, segundo as súas dimensións ou o seu peso, mediante unha peneira ou por sedimentación en solución acuosa. Revela a textura do solo.

  68. análise microbiolóxica [MICROB]
    1. Método de análise química baseado na sensibilidade dos diversos microorganismos, bacterias especialmente, a certos produtos. En virtude disto, prodúcense reaccións de inhibición ou de reforzamento dos microorganismos, das que se poden obter datos moi exactos no que se refire a determinados aspectos da súa composición química.

    2. Análise clínica que permite illar e identificar microorganismos patóxenos. Comprende o illamento mediante medios de cultivo selectivos, a identificación mediante tinturas, a observación ao microscopio, probas bioquímicas e a determinación da sensibilidade dos microorganismos aos antibióticos ( antibiograma).

  69. análise morfolóxica [INFORM]

    Técnica que utilizan algunhas aplicacións de recoñecemento óptico de caracteres, na que se sintetizan as liñas bases dun signo e se comparan cunha matriz preexistente.

  70. análise multivariante [MAT]

    Estudio de variables aleatorias que son multidimensionais. Adóitase distinguir entre análise multivariante da dependencia (análise de regresión múltiple e análise discriminante), no que hai unha ou varias variables dependentes, e análise multivariante da interdependencia (análise factorial e análise multidimensional), no que todas as variables son interdependentes.

  71. análise non estándar [MAT]

    Rama da lóxica matemática que fundamenta un cálculo con infinitos e infinitésimos ao xeito de Leibnitz. Obtense un modelo non estándar *R do conxunto R dos números reais como a ultrapotencia de R. Desenvolveuna A. Robinson a partir de 1960.

  72. análise orgánica [INFORM]

    Fase de deseño de aplicacións na que se traducen a unha linguaxe informática comprensible polo ordenador as conclusións obtidas durante a fase de análise funcional.

  73. análise polínica [BOT]

    Determinación das especies vexetais, principalmente arbóreas e gramíneas, representadas nos diferentes sedimentos dun xacemento arqueolóxico ou depósito xeolóxico polos seus graos de pole. Estes datos dan unha idea bastante exacta das variacións da composición vexetal da localidade ao longo do tempo ( palinoloxía).

  74. análise química [QUÍM]

    Parte da química que inclúe as técnicas e os métodos necesarios para obter o coñecemento da composición, identidade, pureza e constitución da materia, en función da clase (análise cualitativa), a cantidade (análise cuantitativa) e a maneira de agrupárense os átomos e moléculas. Adóitase denominar análise química á arte de realizar practicamente os métodos e as técnicas, mentres que o nome de química analítica se lle dá á rama da ciencia que estudia os seus fundamentos teóricos. Se os compoñentes a recoñecer e a determinar son os elementos químicos constituíntes da mostra, a análise é chamada elemental; se son as funcións químicas, funcional; se son as substancias químicas, inmediata. En orde decrecente, segundo as dimensións da mostra analizada, clasifícanse os métodos como de macroanálise, de semimicroanálise, de microanálise, de ultramicroanálise, de submicroanálise e subultramicroanálise. Os métodos clásicos de análise baseábanse case exclusivamente no uso de reaccións químicas: modernamente xeneralizáronse tamén os métodos baseados na medida das propiedades físicas. Os primeiros esixen case sempre a separación previa dos compoñentes a analizar. Actualmente desenvolvéronse procedementos eficacísimos de separación que están descritos nos termos cromatografía e electroforese, pero, por outra banda, tamén métodos de análise que non esixen separacións. A análise cualitativa clásica baséase na separación dos compostos en función dos seus diferentes comportamentos químicos, seguida da súa identificación, unha vez que os compoñentes xa se illaron. Conséguese a separación basicamente grazas á variación de solubilidade en diferentes disolventes, no caso de compostos orgánicos; e por causa do diferente grao de insolubilidade de certos sales, no caso de compostos inorgánicos. Pódese realizar a identificación dos compostos mediante algunha reacción característica visible, ou tamén, no caso dos compostos orgánicos, mediante a determinación dalgunha das súas propiedades específicas (punto de fusión, etc). Malia que os métodos correntes operan a partir de solucións (vía húmida), empréganse tamén reaccións en seco, a temperatura elevada (vía seca), na identificación de compostos inorgánicos. As reaccións de identificación que poden dar resultado positivo con compostos de diversos elementos son cualificados como selectivas; se só o fan cun único elemento, como específicas. A cantidade mínima dun composto que dá resultado positivo nunha determinada reacción de recoñecemento recibe o nome de sensibilidade desta reacción. Existen tamén métodos instrumentais que permiten a análise cualitativa directa dos compoñentes: a espectroscopía de emisión, a espectrometría de fluorescencia por raios X para as mostras inorgánicas e a espectrometría de absorción infravermella para as orgánicas. Para a análise química cuantitativa, inorgánica ou orgánica, disponse dunha grande variedade de métodos. Os máis antigos son a gravimetría e a volumetría, que fan uso directamente dunha reacción química co obxecto de determinar a cantidade dunha substancia presente. Nos métodos gravimétricos, a reacción empregada é de preparación dun derivado insoluble que se filtra, purifica e pesa. Nos métodos volumétricos, a reacción analítica ten lugar entre solucións e a valoración consiste na medida do volume de solución de reactivo, de concentración coñecida, que é preciso para reaccionar totalmente cun volume coñecido de solución da substancia problema. Máis modernos ca os anteriores son os métodos chamados instrumentais ou químicofísicos, nos que a análise cuantitativa dunha substancia se realiza a partir da medida dalgunha propiedade da propia substancia ou dalgún dos seus derivados que dependa da cantidade ou da concentración da mesma. As propiedades da materia de aplicación máis xeral son as eléctricas e as ópticas. A medida das primeiras dá lugar aos métodos eléctricos de análise: condutimetría, potenciometría, polarografía, coulombimetría, electroanálise, etc. A medida das propiedades ópticas, relacionadas cos diversos modos de interacción da radiación electromagnética coa materia, dá lugar aos métodos ópticos de análise que poden ser de emisión ou de absorción. Tanto nuns coma nos outros pódese facer uso de radiacións de moi diversas lonxitudes de onda visible e de moi diversos dispositivos experimentais, resultando así unha gran diversidade de métodos: colorimetría, espectrofotometría, absorciometría, fluorimetría, etc. Outros métodos instrumentais baséanse na medida doutros tipos de propiedades. Pódense mencionar os métodos térmicos (por exemplo, a análise térmica diferencial), os radiactivos (análise de activación de neutróns, análise de dilución isotópica), os magnéticos ( resonancia magnética nuclear, resonancia de espín electrónica), os métodos cuantitativos derivados da cromatografía e moitos outros. A enorme variedade da natureza das mostras sometidas a análise, a variedade das necesidades que a análise ten que satisfacer (priorización da exactitude e precisión ou ben minimización do tempo da análise e do custo) e a grande amplitude do rango de concentracións que a análise debe abranguer (compoñentes maiores das mostras, presentes en concentracións da orde das unidades ou decenas por cento; compoñentes menores, contidos na orde de décimas ou centésimas de tanto por cento; ata os compoñentes que, presentes en concentracións aínda menores, poden ter unha importancia considerable) fai que a existencia dunha multiplicidade tan grande de métodos de análise cuantitativa estea absolutamente xustificada.

  75. análise sensorial [ALIM]

    Estudio das potencialidades económicas ou doutra índole que presenta unha rexión, a partir dos recursos propios e da relación existente con outras áreas.

  76. análise térmica [QUÍM/FÍS]

    Valoración organoléptica.

  77. análise térmica diferencial [QUÍM/FÍS]

    Método de estudo das mesturas, especialmente das binarias e en particular das aliaxes, que ten por obxecto establecer o diagrama de equilibrio, e que consiste na determinación da velocidade de enfriamento de mesturas líquidas de composición coñecida. O dispositivo experimental debe asegurar un enfriamento regular e debe permitir rexistrar a curva de variación de temperatura da mestura en función do tempo. Se a curva obtida é continua e tende asintoticamente cara á temperatura ordinaria, o sólido non presenta polimorfismo. Se hai algunha discontinuidade con diminución de pendente, é indicación dun aumento no número de fases. Para unha aliaxe binaria líquida a primeira discontinuidade indica o comezo da cristalización. Un relanzo na curva corresponde á cristalización dunha mestura eutéctica: a composición do líquido xa non varía e polo tanto a temperatura de eutexia mantense constante ata o final da cristalización, a partir dela comeza outra vez a baixar, ao refriar a aliaxe sólida.

  78. análise toxicolóxica [MED]

    Método de análise e de investigación físico-química que consiste en determinar as diferencias de temperatura entre unha substancia patrón e unha pequena mostra do produto a estudiar. Os patróns, que son substancias que non experimentan practicamente transformación no dominio de temperaturas estudiado, son sometidos ao mesmo tratamento térmico que os problemas. A análise térmica diferencial permite investigar se unha substancia é un corpo puro ou unha mestura, e permite obter información sobre a súa estabilidade e a velocidade e natureza das descomposicións térmicas que pode experimentar en condicións específicas de presión e de temperatura.

  79. análise vectorial [MAT]

    Illamento, identificación e dosificación das substancias tóxicas que se poden atopar no organismo. Segundo as características do tóxico cómpre utilizar métodos químicos, físicos ou biolóxicos.

  80. Extensión ás magnitudes vectoriais das operacións da análise, mediante a definición de operadores vectoriais diferenciais e de integrais de liña, superficie e volume.