anfibio -bia
(< lat tardío amphibĭon< gr ἀμϕιίβιος ‘que vive naterra e na auga’)
-
adx
[ECOL]
Que pode vivir no medio terrestre e no acuático.
-
s
m
[ANIMAL]
Vertebrado da clase dos anfibios.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Clase de vertebrados, anamniotas e ectotermos, caracterizados por ser tetrápodos de pel espida, húmida (o que lles permite ter respiración cutánea) e glandular. A necesidade de manter constantemente húmida a pel leva os anfibios a vivir en zonas máis ou menos húmidas e a ser maioritariamente nocturnos. A reprodución realízase na auga na maioría das especies, mediante unha fecundación xeralmente externa. Os ovos desenvólvense normalmente na auga. Na maioría das especies existe, trala a eclosión do ovo, unha fase de desenvolvemento larvario acuático, ao final do que ten lugar a metamorfose, da que xorde o individuo de vida terrestre. Durante a metamorfose cambian gradualmente de organización: as larvas acuáticas, anatómica e fisioloxicamente moi parecidas aos peixes, adquiren extremidades, perden as branquias (na maioría dos casos) e adquiren tamén pulmóns. Os anfibios presentan distintos sistemas de defensa: poden ter na pel glándulas produtoras de veleno -e entón adoitan presentar coloracións rechamantes (aposemáticas)-, ou presentar simplemente a pel de cores verdosas ou marróns co obxectivo de pasaren desapercibidos (coloración críptica). Agrúpanse en tres subclases: os laberintodontos (extinguidos), os lepospóndilos (extinguidos) e os lisanfibios; esta última divídese nas ordes dos ximnofións, dos urodelos e dos anuros. Os primeiros fósiles de anfibios apareceron no Período Devónico da Era Primaria ou Paleozoica, hai uns 350 millóns de anos. No período Carbonífero, produciuse unha diversificación dos anfibios primitivos que orixinaron unhas 20 familias diferentes de anfibios. Máis tarde, no Paleozoico Superior esta diversidade declinou, por unha posible competencia cos réptiles, que comezaron a diversificarse nesta época. Os grupos de anfibios modernos probablemente xurdiron no Triásico, na Era Secundaria ou Mesozoica, antes da súa expansión principal no Cenozoico. Tense indicado que estes novos anfibios, a causa do seu pequeno tamaño e costumes ocultos, non competiron directamente cos réptiles; isto favoreceu a súa diversificación, que segue en aumento. A fauna anfibia galega é rica e diversificada, comparativamente co resto da Península Ibérica e Europa, debido ás peculiares condicións ambientais de Galicia, con precipitacións abundantes e numerosos medios húmidos, á súa diversidade climática e orográfica, e ao feito de estar situada nunha zona de transición entre as dúas grandes rexións bioxeográficas de Europa: a Rexión Eurosiberiana e a Mediterránea. As especies de anfibios de Galicia diferéncianse segundo a súa orixe en taxons eurosiberianos (sapo común, rela), procedentes do centro de Europa, taxons mediterráneos (sapo de esporóns), procedentes do sur da Península Ibérica ou do norte de África, e taxons endémicos que constitúen un dos elementos máis representativos da fauna galega (salamántiga, tritón ibérico e ra patilonga). Tamén determinadas especies de anfibios de orixe centroeuropea se téñen diferenciado en Galicia como subespecies endémicas, por mor dos movementos fáunicos provocados polas glaciacións; este é o caso, por exemplo, da píntega, do sapiño comadrón e da ra vermella. Na actualidade moitas especies de anfibios atópanse ameazadas, tendo sufrido importantes declives poboacionais, onde incluso varias especies se extinguiron nos últimos anos. En moitos casos, estes declives relaciónanse directamente co impacto provocado polas actividades humanas sobre o medio ambiente (contaminación das augas, destrución dos hábitats, etc); sen embargo, noutros casos non parece haber unha causa directa. Así por exemplo, desapareceron especies en hábitats moi pouco alterados das montañas de Sudamérica ou de Australia. Este fenómeno que se ten denominado “declive global dos anfibios”, pode ter a súa orixe nos cambios ambientais globais. Entre as causas máis citadas están: un incremento na radiación ultravioleta como resultado da alteración da capa de ozono, efecto de axentes patóxenos, contaminación química (especialmente pesticidas, fertilizantes e chuvia ácida) e a introdución de especies exóticas que actúan como competidores, depredadores ou portadores de patóxenos novos.
-
-
adx
Que ten unha dobre natureza, forma de ser ou actuar.
-
adx
[BÉL]
Dise das tropas que son trasportadas en vehículos anfibios desde o barco de transporte e que, unha vez desembarcadas, están preparadas para combater con plena eficacia.
-
operación anfibia
[BÉL]
Operación militar conxunta na que participan forzas navais e terrestres dirixida contra zonas costeiras, portos ou illas dominadas polo inimigo.
-
vehículo anfibio
[BÉL]
ehículo capacitado para moverse por terra e por auga. A maior parte dos vehículos anfibios están deseñados cunha finalidade bélica e empréganse para os desembarcos, dende barcos de transporte, e tamén para atravesar ríos e zonas pantanosas. Poden ser do tipo aeroescorregante ou de deseño máis parecido aos vehículos terrestres. É o caso do avión anfibio e do helicóptero anfibio.
-
adx