anfíbolo
(< gr ἀμϕίβολος ‘dubidoso’)
Grupo de minerais da clase dos silicatos que, xunto cos piroxenos, constitúen o grupo dos inosilicatos. Responden á fórmula xeral A2 B5 (Si,Al)8 O22 (OH,F)2 na que B pode ser Mg, Fe, Al e Mn, e A pode ser Ca, Na e K. Forman cristais de dous tipos: monoclínicos e rómbicos. Os monoclínicos, de gran pleocroísmo, dan lugar a innumerables combinacións entre as que se atopan: a actinota, a hornblenda e mais os anfíbolos sódicos. Na serie da actinota inclúese: a actinota, a actinolita e a tremolita; son frecuentes en rochas metamórficas, especialmente en esquistos e noutras de metamorfismo de contacto. A serie da hornblenda é abundante na composición de moitas rochas ígneas, como a diorita e a andesita, esencial nas rochas metamórficas como a anfibolita; tamén é abundante en rochas calcarias metamorfoseadas por contacto e en certos sedimentos detríticos. A serie dos anfíbolos sódicos subdivídese en dous grupos máis: o do glaucofana, con pouco ferro, e o da arfvedsonita, con ferro abundante. Esta última atópase en rochas ígneas, e a primeira en rochas ígneas sódicas. Os rómbicos son menos importantes, e están constituídos pola antofilita e as súas variantes. Pódense atopar na natureza nas rochas metamórficas en forma de serpentina, e nalgúns gneis magnésicos e exquistos.