anglicanismo
(< anglicano)
Doutrina dos cristiáns que viven en comuñón coa sé de Canterbury. O termo de Igrexa Anglicana inclúe actualmente as igrexas de diversos países da Commonwealth Británica, e incluso doutros países como, por exemplo, a Igrexa Episcopaliana dos EE UU. Como igrexa estruturada, provén do tempo no que Enrique VIII declarou a Igrexa de Inglaterra independente da Santa Sé. Thomas Cranmer, durante o reinado de Eduardo VI, emprendeu unha reforma radical e impuxo unha nova liturxia co Book of Common Prayer (Libro da pregaria en común), o Ordinal e os 42 articles (1552) que revelan unha marcada influencia luterana. Durante o reinado de Isabel I foron aprobados os 39 articles (1552) de influencia calvinista e aparece ben precisada a vía media entre o Calvinismo e o Catolicismo: o sistema anglicano quedaba así fixado. O Anglicanismo é pluralista: os chamados católicos poñen o acento na eclesioloxía e nos sacramentos, os anglocatólicos seguen a doutrina dos Padres da Igrexa ou profesan unha doutrina globalmente católica, os evanxélicos baséanse na Biblia e o grupo liberal son racionalistas. Agás estes, todos teñen en común a crenza de que a Biblia contén toda a Revelación. Unha vez que Enrique VIII foi proclamado xefe da igrexa, o soberano é quen nomeaba bispos, convocaba as reunións eclesiásticas e mantiña a orde, mais non exercía ningunha prerrogativa sacerdotal. A igrexa anglicana, sintonizando cos metodistas, tende a separarse da coroa. O Anglicanismo mantén misións; durante os últimos cento cincuenta anos apareceron un centenar de congregacións relixiosas. A Comuñón Anglicana é, máis ca unha igrexa, unha fraternidade de igrexas intimamente vinculadas entre elas. Dende 1867 todos os bispos anglicanos se reúnen cada dous anos na Conferencia de Lambeth, que constitúe o símbolo da unidade doutrinal (a de 1988 significou a posibilidade do acceso das mulleres ao episcopado e, no ano 1994, tiveron lugar as primeiras ordenacións presbiterais femininas).