anguía
(
-
s
f
[ANIMAL/ICT]
Peixe de corpo serpentiforme que pode acadar unha lonxitude de 50 cm nos machos e 100 cm nas femias. A boca é ampla, a súa fendedura chega ata os ollos e a mandíbula inferior é máis prominente que a superior. Os dentes, diminutos, dispóñense en bandas nas mandíbulas e no vómer. As aletas dorsal, caudal e anal están unidas entre si formando unha lámina continua duns 500 radios arredor do extremo posterior do corpo. As aletas pectorais son arredondadas e curtas nos individuos novos, e aguzadas e máis longas nos adultos. Carece de aletas pelvianas. A pel está cuberta de escamas diminutas que se fan invisibles á vista e dunha abondosa mucosa que a fai moi escorregadiza. Grazas a esta mucosa e á súa abertura branquial diminuta, pode permanecer bastante tempo fóra da auga. A anguía vive en todo tipo de augas doces, a excepción dos ríos de alta montaña, adáptase a calquera salinidade e é moi resistente á escaseza de osíxeno na auga. Durante a súa estancia nos ríos é un depredador voraz de larvas de insectos acuáticos, moluscos, crustáceos, anfibios, peixes e ovos destes, e poden chegar a devorar crías de aves. As larvas, de vida peláxica, aliméntanse de plancto. Son claramente nocturnas e pasan a maior parte do día enterradas no fango debaixo de pedras. Pertencen á especie catádroma, isto é, que ten que pasar unha parte da súa vida no río para desenvolverse e vai reproducirse ao mar. A anguía ten a súa zona de reprodución no fondo do mar dos Sargazos, a máis de 400 m de profundidade e a unha distancia de 4.000-7.000 km das costas europeas. A posta ten lugar en primavera e as primeiras larvas que aparecen denomínanse leptocéfalos, son transparentes, acintadas e cun talle de 5 mm. Os leptocéfalos aliméntanse de plancto, do que chegan a formar parte. Pola acción da corrente do golfo e dos ventos que sopran do Oeste no Atlántico Norte son transportados a través do Océano Atlántico ata chegar á plataforma continental europea (onde as larvas miden 70 mm), nunha viaxe que dura tres anos. Ao final da metamorfose, o leptocéfalo transfórmase nunha angula ou meixón que mide 65 mm, máis curta ca a forma larvaria. As angulas emigran ás augas salobres penetrando en rías e esteiros; a súa entrada é variada segundo o lugar xeográfico, en outubro-novembro nos ríos portugueses e galegos e, en decembro-xaneiro, nos ríos cántabros e mediterráneos. Entran en grandes bandadas aproveitando a escuridade da noite e agóchanse nos fondos areosos durante o día. Nos ríos, as angulas crecen rapidamente converténdose en anguías novas tras un proceso de pigmentación, que termina cunha cor oliva escura no dorso e amarelenta nas partes ventrais. Estas dispérsanse por toda a rede fluvial ata atopar un hábitat propicio e facerse sedentarias. A partir dos 4-5 anos de vida sedentaria no caso dos machos e 6-7 anos nas femias, comeza o proceso de maduración polo que as anguías amarelentas se converten en prateadas, con tons máis escuros no dorso, ventre prateado e ollos máis grandes; os músculos das mandíbulas redúcense e a cabeza tórnase aguzada. Neste momento, as femias son de maior tamaño (lonxitude superior aos 40 cm) e predominan en tramos fluviais máis altos, mentres que os machos son menores e predominan en tramos próximos ao mar. No outono, as anguías prateadas emigran cara ao océano Atlántico. Non se sabe como alcanzan o mar dos Sargazos; tan só se atoparon machos adultos nas costas europeas tres ou catro veces e máis alá da zona costeira xamais se capturaron anguías. Considérase que levan unha vida peláxica. Percorren 40 km diarios para poder acadar a zona de posta en primavera. Máis do 25 por cento do seu peso constitúeno as graxas que proporcionan a enerxía para tan longa viaxe, xa que durante esta migración as anguías non se alimentan. Despois de desovar morren. Habitan en case toda Europa e no Norte de África, principalmente na vertente occidental. Antigamente distribuíanse por toda a Península Ibérica, ata que a construción de grandes presas impediron o seu acceso ao interior das dúas mesetas e ao val do Ebro. En Galicia atópanse ben representadas nas concas atlánticas.
Sinónimos: eiroa. -
anguía abisal
[ANIMAL/ICT]
Peixe de corpo alongado, cilíndrico na parte anterior e comprimido na posterior, que pode superar o medio metro de lonxitude. Ten a cabeza e a boca grandes. As aletas dorsal e anal conflúen na parte posterior coa caudal e presenta unha liña lateral ao longo do costado. Vive entre 400 e 4.800 m de profundidade, onde se alimenta de decápodos, anfípodos, cefalópodos e outros peixes.
-
anguía areeira
[ANIMAL/ICT]
bolo areeiro.
-
anguía barbuda
[ANIMAL/ICT]
Peixe de corpo alongado, de ata 45 cm de lonxitude, e cabeza pequena con cinco barbelas, unha no queixo e o resto sobre o fociño; presenta ollos pequenos e saltóns, e unha boca pequena. Ten dúas aletas dorsais, a primeira reducida a un radio seguido de filamentos curtos e a segunda, igual ca a anal, esténdese ata a base da aleta caudal. É de coloración avermellada ou castaña, co bordo das aletas sempre vermello. Atópase amplamente distribuído no litoral en charcas intermareais e, os exemplares de maior tamaño, por debaixo da franxa intermareal, onde se alimentan de crustáceos e pequenos peixes.
-
anguía luminosa
[ANIMAL/ICT]
Peixe de corpo alongado, de ata 40 cm de lonxitude, de cor negra cunha liña branca lateral. Ten a aleta caudal escotada e a dorsal pequena, situada no centro do espazo que queda entre a base da pelviana e da anal, que é máis longa cá dorsal. Presenta dúas fileiras de fotóforos e unha barbela ramificada baixo o queixo. Vive por debaixo dos 500 m de profundidade e aliméntase de crustáceos e doutros peixes.
-
anguía tribarbada
[ANIMAL/ICT]
Peixe de corpo alongado, de ata 10 cm de lonxitude, con dúas aletas dorsais, a primeira reducida a un radio, de lonxitude similar ao radio do ollo, seguido de filamentos curtos, e unha anal. Ten tres barbelas, unha no queixo e as outras en cadanseu orificio nasal, e dous dentes sobresaíntes na mandíbula superior. É de cor castaña no dorso, avermellada nos laterais e tirando a rosa no ventre. Vive sobre fondos de area e de lama, fóra de beiramar, onde se alimenta de crustáceos.
-
s
f
[ALIM]
Peixe que acostuma comerse en empanada, frito, asado, en salsa verde, etc. En Galicia, sobresaen as anguías afumadas de Tui, as de Portomarín, e son moi apreciadas as do lago artificial de Sobrado dos Monxes.
Refráns
- A anguía, en empanada, e a lamprea; escabechada.