annominatio*
Procedemento retórico de carácter repetitivo que ten a súa orixe en alteracións de carácter fonético que ocasionan, á vez, un xogo semántico que amplía as posibilidades estilísticas do discurso literario. Xa que logo, as variacións que se producen no plano da expresión traen consecuencias inmediatas, de maior ou menor alcance, no plano do contido. A annominatio comprende varios tipos de recursos que se diferencian segundo o tipo de modificación á que se somete a palabra reiterada. A retórica tradicional establece no interior da annominatio unha subdivisión entre a paronomasia, que é o termo reservado para os xogos de palabras que se realizan mediante variacións fónicas non gramaticais (“mando-me-lh’eu que s’enfinga / da mia cinta e x’a cinga”), e aqueloutras figuras nas que a alteración que ten lugar no proceso iterativo é de carácter morfolóxico, pero nunca afecta o significado léxico da palabra repetida. Neste segundo grupo intégranse: a derivatio, baseada na repetición dun mesmo lexema acompañado de distintos morfemas derivativos (“trobar-trobadores”); a figura etimolóxica, na que a raíz dunha palabra se repite nun contexto próximo ou contiguo (“que leda que m’esta noyte vy, / amiga, en hun sonho que sonhey”) e o políptoto, que consiste en iteracións fundamentadas nas alteracións dos morfemas flexivos dunha palabra (“morte-morrer-morrerá”).