ánodo

ánodo

(< gr ἄνοδος ‘camiño ascendente’)

s m [FÍS/QUÍM]

Electrodo receptor de cargas negativas en todos aqueles dispositivos que teñen no interior un medio non metálico (gas máis ou menos enrarecido, electrólito ou semicondutor) que se volve condutor baixo determinadas condicións. Polo ánodo entra a corrente no dispositivo e, por tanto, saen os electróns cara ao circuíto exterior. O ánodo é, entón, o electrodo positivo nos dispositivos alimentados por unha fonte exterior de tensión e o electrodo negativo nos dispositivos xeradores, pilas ou acumuladores. Nos tubos electrónicos o ánodo, chamado tamén placa, recibe os electróns procedentes do cátodo e igualmente ocorre nun rectificador sólido. Nun electrólito, o ánodo recibe os anións da solución e os electróns liberados saen cara ao circuíto exterior. Nunha pila ou nun acumulador as reaccións químicas producen unha acumulación de electróns no ánodo, os cales, polo circuíto eléctrico exterior, entran polo cátodo e retornan ao electrólito. Na electrólise normalmente distínguese entre os ánodos solubles, empregados no afinado dos metais e na electrodeposición, e os ánodos insolubles, empregados, por exemplo, nas oxidacións electrolíticas.

Palabras veciñas

anódino -na | anodización | anodizar | ánodo | Anodonta | anodontia | Anoeta