Anselmo, santo

Anselmo, santo

Teólogo e filósofo. Ensinou Teoloxía na abadía bieita de Bec, Normandía (1059-1093). Pasou a Inglaterra e foi arcebispo de Canterbury desde 1093. Enfrontado coa monarquía pola súa defensa dos intereses da Igrexa de Roma, viuse obrigado a exiliarse durante tres anos. As súas obras máis importantes,
Monologium
(1077),
Proslogion, De veritate, De libertate arbitrii, Cur Deus homo?
, tratan de xustificar racionalmente as principais verdades da Revelación, de acordo coa tese de que é necesario partir dunha fe viva que incite á razón a entender aquilo que xa cremos (fides quaerens intellectum). A súa orixinalidade resalta na famosa proba apriorística da existencia de Deus, coñecida posteriormente por argumento ontolóxico, contida no Proslogion: “aquel que na súa mente ten a idea de Deus, non pode negar a súa existencia, porque esta é unha nota esencial no concepto do Ser Supremo”. Tamén defendeu a Inmaculada Concepción nunha época en que moitos teólogos a negaban. A doutrina anselmiana da verdade foi concibida como a rectitudo ou conformidade das cousas. Foi proclamado doutor da Igrexa Católica en 1720. A súa festa celébrase o 21 de abril.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Val d´Aosta

  • Deceso

    Lugar : Canterbury