Antas de Ulla
Concello da comarca da Ulloa situado na provincia de Lugo no centro da comunidade autónoma, (42°46’ 57’’ N - 7° 53’ 18’’ O). Limita ao N co concello de Palas de Rei, ao L co de Monterroso, ao S cos de Taboada (comarca de Chantada) e Rodeiro (Deza), e ao O co de Agolada (Deza). Abrangue unha superficie de 103,6 km 2 cunha poboación de 2.549 h (2007) distribuídos nas parroquias de Agüela, Alvidrón, Amoexa, Antas de Ulla, Árbol, Arcos, Areas, Barreiro, Casa de Naia, A Cervela, Cibreiro, Cutián, Dorra, Facha, Olveda, Peibás, Queixeiro, Reboredo, O Rial, San Fiz de Amarante, San Martiño de Amarante Santa Mariña de Castro de Amarante, Santiso, Santo Estevo de Castro de Amarante, Senande, Terra Chá, Vilanuñe e Vilapoupre. A capital municipal é Antas. Atópase a 45 km de Lugo, está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Chantada.
Xeografía física
O territorio do municipio de Antas de Ulla, situado ao L da serra do Farelo, vese afectado polo dominio climático oceánico de montaña. A súa localización interior e a súa altitude matizan os rexistros termopluviométricos de xeito que aumenta a amplitude térmica e recibe unha precipitación relativamente escasa. Así temos unha temperatura media anual de 12,7°C, sendo xaneiro o mes que rexistra temperaturas medias máis frías, 6,3°C, fronte aos 19,5°C de agosto, o mes de temperaturas medias máis cálidas. A precipitación anual está ao redor dos 900 mm cunha distribución ao longo do ano que amosa unha acusada estacionalidade, pois o 39 % recóllese nos meses do inverno, fronte ao 9% que ten no verán, adquirindo os meses da primavera e do outono o carácter de estacións de transición propio das zonas temperadas do planeta, ao rexistrar ambos un 26% da precipitación anual. O número de días sen xeada é de 219 e a amplitude térmica extrema de 27,3°C. No relevo do municipio destaca a Serra do Farelo, no límite occidental, que leva unha dirección NO-SL. A máxima cota nesta unidade do relevo son os 956 m de altitude do Farelo. Cara ao L esténdese a penechaira a unha altitude de entre 500-540 m, que configura a superficie fundamental deste concello, debida á erosión experimentada polos materiais precámbricos dobrados no episodio herciniano. A litoloxía é responsable destas diferencias nas unidades do relevo: na banda occidental, que corresponde coa Serra do Farelo, atopamos rochas plutónicas (granitos e granodioritas), mentres que no resto temos xistos e cuarcitas. A rede fluvial artéllase ao redor da conca do Ulla, que marca o linde setentrional do concello, e ao que verten aos regos e ríos que drenan o seu territorio, entre eles o Fadal, o río do Estanco e o río de Frádegas.
Xeografía humana
A poboación do municipio de Antas de Ulla experimentou no período 1887-1996 unha evolución moi negativa, que supón que os efectivos na última data representan o 63,31% respecto da primeira. Os diferentes censos reflicten un crecemento da orde do 1,18% anual entre 1887-1900. A partir de 1900 e ata 1950 a poboación estabilízase ao redor dos 5.300-5.500 h acadando o máximo histórico no 1920 con 5.572 h. A partir da década de 1950 principia un descenso traumático, que aínda prosegue, a un ritmo anual do 2,06% nesa década, deténdose na seguinte, para continuar na de 1970 ao 0,93% anual e na de 1981-1991 a 3,27%; no período que seguiu ata 1996 reflictiu unha perda do 1,03% anual. A perda de población continuou tanto no período 1996-2001 (9,22%) e no 2001-2007 (5,41%). Como consecuencia desta evolución a poboación de Antas de Ulla está moi avellentada cunha baixa taxa de natalidade (3,9‰) e unha alta mortalidade (14,8‰), ambas as dúas en 2006, cun crecemento natural negativo (10,9‰). A estrutura da población por idades mostra que o grupo de menores de 20 anos representan só o 11,8% fronte ao 38,4% dos mayores de 65 anos e o 49,8% do grupo intermedio. A distribución por sexos mostra un lixeiro predominio das mulleres, 51,70%, sobre os homes, 48,29%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 41,5% (50,4% a masculina e 33,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,1% (43,3% a masculina e 29,5% a feminina); e a taxa de paro é do 13,1% (14% a masculina e 11,8% a feminina). A economía do concello de Antas de Ulla mantén un marcado carácter agrario. Este sector dálle emprego ao 39,6% da poboación ocupada, fronte ao 13,9% da industria, o 9,9% dedicada á construción e o 36,3% dos servizos. A agricultura e a gandaría amosan o dominio da pequena propiedade campesiña, que incorporan á actividade a todo o núcleo familiar. Os traballos de concentración parcelaria rematados nas parroquias do concello contribúen a facilitar a explotación. A actividade está orientada á gandaría principalmente. Os cultivos tradicionais (patacas, hortalizas, millo), mantéñense para o autoconsumo e a alimentación do gando. Nos últimos anos introducíronse experiencias innovadoras, como a cooperativa que explota a maior leira de framboesa de Europa, cun forte investimento en infraestruturas de rego (goteo), que pretenden abrir novas posibilidades de desenvolvemento para o sector en base á diversificación produtiva e á expansión a mercados europeos. A industria redúcese a empresas de ámbito familiar, e con menos de 10 asalariados en todos os casos. Os empregados na construción traballan tanto en empresas locais como noutras radicadas noutros municipios. As actividades terciarias son servizos moi elementais, radicados na capital do concello, salientando os subsectores do comercio e reparacións e da hostelería. A estrada N-634 (Vegadeo-Pontevedra), á beira da que se localiza a capital municipal, conecta con Monterroso e Lalín (referentes comerciais) e Lugo (capital provincial). Con Palas de Rei e Chantada (capital do partido xudicial) comunícase por estradas locais.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento destas terras son do megalitismo, momento no que se levantaron as numerosas mámoas que debían ocupar o Campo das Antas, próximo á capital do concello, antes de que se levantase alí unha capela. Así mesmo, o seu topónimo (anta) é un reflexo da presencia deste tipo de construcións funerarias. O Bronce Inicial está representado por un conxunto de espirais de prata de sección rectangular que se conservan no Museo Provincial de Pontevedra. Do período castrexo localizáronse diversos castros, aínda que o máis salientable é o situado na parroquia de Santa Mariña de Castro de Amarante. No s VI estableceuse o condado durrense -tomando o nome da parroquia de Dorra e incluíndo o territorio do actual concello- como un dos once en que se dividía a diocese lucense na celebración do Concilio de Lugo (596). A devandita parroquia aparece, así mesmo, no testamento que outorgou no ano 147 o bispo Odoario de Lugo. O conde durrense Veremundo asistiu á cerimonia de consagración da igrexa de Santiago de Compostela (899), na que estaba presente Afonso III. A presenza da casa de Amarante constátase na comarca da Ulloa dende o s XIV, cando Rui Fernández Noguerol dispón no seu testamento ser enterrado no mosteiro de Vilar de Donas. Nas guerras do s XV a fortaleza de Santo Estevo de Castro de Amarante foi derruída polos irmandiños. Durante o Antigo Réxime as terras do concello pertenceron ás xurisdicións de Amarante, cun xuíz ordinario nomeado polo señor de Amarante, e a de Peibás, señorío do convento de Santa María de Melide. Coa creación dos primeiros concellos en 1812 formouseo o de Amarante, na provincia única de Galicia. Despois do período de regreso ao Antigo Réxime, mantívose o concello de Amarante aínda que perdeu daquela a parroquia de Dorra en beneficio do antigo concello de Ulloa, no partido de Melide. Na demarcación de 1845 as parroquias adxudicadas ao concello de Antas son as mesmas que as que a integran na actualidade (2000). Dende entón, non volveu sufrir ningunha modificación territorial, se ben entre o ano 1900 e o 1920 cambiaron as parroquias, converténdose catro delas en anexas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueológicos mencionados destacan as igrexas románicas de San Salvador de Vilanuñe, Amoexa, Santa María de Arcos e Santa Mariña do Castro de Amarante ademais do pórtico románico de San Martiño de Amarante. No lugar de Santa Mariña apareceron uns sartegos nas proximidades do castro de dubidosa procedencia. No eido da arquitectura civil sobresaen o pazo de Torre Penela en Santa Mariña e a fortaleza de Castro de Amarante. Do patrimonio natural destacan os torrentes de Mácara e as ribeiras do río Ulla. Celébranse, entre outras, as festas de San Lucas en Areas en outubro, a Festa dos Remedios en Antas en setembro ou O Santo Cristo de Santa Mariña do Castro de Amarante en agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Ulloa, A |
| Extensión | 103 Km2 |
| Poboación Total | 2549 h |
| Poboación Homes | 1231 h |
| Poboación Mulleres | 1318 h |
| Densidade de poboación | 24.75 h/Km2 |