anteollos
(< ante- + ollos)
-
s
m pl
-
Sistema de dúas lentes fixas nunha armazón especial que se apoia no nariz e nas orellas e que se emprega para ver mellor ou para corrixir defectos visuais.
Ex: Colocáronlle uns anteollos para que puidera observar obxectos afastados.
-
[TECNOL/MED]
Aparellos que xa en 1482 se fabricaban en Nuremberg, pero os anteollos dos s XVII e XVIII eran pouco máis ca unhas simples lentes de aumento, malia os traballos de Kepler, Huygens Hooke e Newton aplicados aos telescopios. No século XIX perfeccionáronse notablemente polo labor de Young, Airy, Donders e Helmholt. Hoxe en día os sistemas de anteollos acadaron unha gran diversidade segundo o tipo de lentes que empregan e o defecto visual que tratan de corrixir, como por exemplo os anteollos bifocais, que presentan dous tipos de lentes, unha para ver de lonxe e outra, máis abaixo, que se usa para ler, etc; ademais disto, a preocupación pola estética e o consumismo permite aos fabricantes sacar ao mercado a cada pouco novos modelos de soportes. En moitos casos substitúense por lentes de contacto. Os principais defectos da visión e tipo de lentes que se empregan son: miopía, en que non se columbran os obxectos afastados, para a que se usan lentes cóncavas ou “negativas” que fan diverxer os raios de luz ata enfocalos na retina; hipermetropía, defecto no que hai dificultade para enfocar as distancias curtas e que se corrixe con lentes convexas ou “positivas”, que fan converxer os raios de luz ata enfocalos na retina; presbiopía (vista cansada), que aparece coa idade, está producida polo endurecemento gradual do cristalino, e compénsase con lentes convexas; astigmatismo, en que o ollo non actúa uniformemente en todo o campo visual e produce unha visión borrosa ao non dexergar con igual nitidez as liñas verticais e horizontais, á que se lle aplican lentes cilíndricas; estrabismo, que inclúe diversos tipos de ollos birollos ou vecos e que se corrixe cun tipo de lentes prismáticas que superpoñen as imaxes.
-
-
s
m pl
Instrumento óptico formado por dous tubos e un xogo ou máis de lentes en cada un deles que amplía as imaxes e serve para ver ao lonxe.
Ex: A policía observaba cos anteollos os movementos do sospeitoso.