Anthropos
Revista cultural e científica aparecida en abril de 1981 e subtitulada “Revista de documentación científica de la cultura”. Dirixida por Jordi Domènech e Ramón Gabarrós, colaboraban nela: Ricardo Gullón, Alarcos Llorach, Benedetti, M. Zambrano, Antón Risco e outros intelectuais. O seu número 65 (outubro de 1986) dedicouse ás diversas facetas de Castelao con artigos de Basilio Losada, Isaac Díaz Pardo, Claudio Rodríguez Fer, Ramón Piñeiro, Siro López, Fernández del Riego, Lourenzo Fernández Prieto e Xavier Costa Clavell. Aparecían tamén informacións sobre museos, fundacións e organismos culturais de Galicia. No número 66-67 (novembro-decembro 1986) escribíronse artigos en homenaxe a Torrente Ballester. No primeiro número da serie “Documentos A” o protagonista é Rafael Dieste, mentres que no número 154-155 (marzo-abril de 1994) aparecen artigos de Ramiro Fonte sobre a literatura fantástica galega. Amais destas referencias, aparecen outros artigos sobre escritores portugueses como Fernando Pessoa ou Vergílio Ferreira.