antifascismo
(< anti- + fascismo)
-
s
m
[POLÍT]
Doutrina ou movemento que se opón ao fascismo.
-
s
m
[POLÍT]
Heteroxéneo movemento político que xurdiu en Europa contra 1933-1934 para facer fronte á extensión do fascismo, que acadou forte pulo a partir do acceso ao poder de Benito Mussolini en Italia (1922) e, sobre todo, de Adolf Hitler en Alemaña (1933). Foi evidente a paternidade comunista do artellamento dun proxecto antifascista a nivel global, derivada en boa medida dunha nova política exterior da URSS, o que ocasionou suspicacias á hora de pretender amalgamar a todos os contrarios ao fascismo. Con todo, socialistas e republicanos de esquerda, demócratas e progresistas en xeral, defenderon a necesidade de artellar un amplo movemento social en contra do fascismo, contando nesta tarefa con moi variados apoios, fundamentalmente entre a intelectualidade, como foron os casos de Francia e España. Deste xeito, na década de 1930, na maioría dos países da Europa Occidental, grupos políticos do amplo espectro da esquerda reuníronse en Frontes Populares co obxectivo de frear o perigo fascista, evidente xa diante das experiencias observadas en Italia e Alemaña. No caso español e galego son os momentos posteriores á derrota do intento revolucionario de outubro do 1934 cando se deseñou un programa antifascista global e de carácter defensivo. En Galicia os movementos fascistas, minoritarios máis activos, atoparon campo de acción no contexto de escoramento á dereita da política a nivel mesmo estatal; velaí o mitin de José Antonio Primo de Rivera en Vilagarcía o 19 de marzo 1935, dando azos a unha acción coordinada dos grupos de Falange Española de las JONS que existían en cidades e vilas galegas, e que tiñan en Xesús Suevos un dos líderes relevantes. O antifascismo parece a reacción natural de comunistas, anarcosindicalistas, socialistas e republicanos de esquerda ante un feito tan novidoso no panorama político galego. En Lugo sabemos das provocacións fascistas co gallo da manifestación do 1º de maio de 1936, acto simbólico da recuperación do movemento obreiro, as liortas e regueifas no sector da construción, principal actividade asalariada na localidade, por mor da recomposición dos sindicatos de clase UXT, e o antagonismo de FE de las JONS, que vai levar en xuño de 1936 ao asasinato na propia casa do dirixente local do PSOE, Benigno Torres Núñez; a multitudinaria manifestación de protesta contou coa participación das autoridades republicanas. Ourense, Ribadavia, O Carballiño, A Rúa, Sarria e outras cidades e vilas do país tamén coñeceron o activismo fascista. En Sarria, no mesmo mes (xuño de 1936), caían abatidos a tiros militantes republicanos e socialistas. O alcalde republicano de Ribadavia sufriu en carne propia a violencia fascista. En Ourense, co gallo das eleccións de febreiro de 1936, o gobernador civil clausurou o local dos falanxistas e desterrou a coñecidos militantes responsables dunha vaga de atentados, intimidacións e tiroteos. Posteriormente, a finais de maio, caeron mortas outras catro persoas. Os actos de protesta son protagonizados por socialistas e comunistas, declarándose a folga xeral que se dirixe impotente ás autoridades republicanas pedindo solucións. Pode asegurarse que xa tiña comezado unha pequena guerra civil. En Vigo, xa a mediados de 1935 as autoridades rexistraron o local de FE, detendo a menores de idade e sendo condenadas varias persoas por posesión de armas; xa dende finais do verán deste ano fixéronse moi comúns as liortas en rúas céntricas entre fascistas e antifascistas, ás veces enfrontados simplemente pola venda de prensa dunha ou doutra ideoloxía. No Nadal de 1935, cando se tenta impedir a venda de España, órgano do bloque de dereitas, produciuse un violento enfrontamento co dirixente fascista Luciano Conde. No 1936, as eleccións de febreiro e a folga dos metalúrxicos conduciron a novos enfrontamentos. A morte de Robustiano Figueras, obreiro en folga do estaleiro Barreras, conduciu ao asalto e saqueo do local da Falanxe o 7 de febreiro, tendo que intervir a Garda de Asalto. En maio Miguel Cuervo, fascista confeso, avogado e exmilitar, asasinou a outro obreiro, producíndose unha violenta resposta antifascista na que se lle saqueou o domicilio. A folga xeral declarada pola Casa do Pobo da UXT foi a resposta a tales acontecementos. Dirixentes de Izquierda Republicana e do PSOE denunciaron este tipo de accións en Vilagarcía, Marín, Cangas, A Estrada, etc, presionando ás autoridades para que tomen medidas. Santiago xa coñecera no 1933 unha campaña antifascista artellada polas Xuventudes Socialistas locais, dirixida principalmente contra o coñecidísimo estudante Montero Díaz, acusado de intentar promover un voceiro para espallar as ideas de Mussolini e Hitler. En maio de 1935 a venda de prensa fascista dá lugar a incidentes na Ferradura compostelá, nos que o exmilitar e militante de FE Pablo Redondo se defendeu pistola en man; en novembro repítense feitos semellantes, o que dá idea da alerta antifascista que cunde en Santiago, o que provocará a intervención das autoridades, que envían as forzas da orde pública a clausurar o local compostelán da Falange. Moi sonada no seu momento foi a incursión de castigo, imitando o modelo mussoliniano dos anos de 1920, contra centros obreiros: así en xullo de 1936 foi atacado por pistoleiros o local do sindicato de Boiro La Fraternidad, uxetista, en plena reunión sindical. Nesta espiral de violencia, no Ferrol tivo lugar, durante enfrontamentos entre falanxistas e cenetistas, o asasinato do militante cenetista Antonio Gundín Dapena a mans de Nicasio Pérez, de tan só 17 anos de idade, fillo dun expresidente da patronal morto á súa vez no 1921, feito do que daquela foran acusados os cenetistas locais; deste xeito evidenciouse a personalización das agresións. No mesmo Ferrol teñen lugar varios incidentes entre militantes de FE e membros das Xuventudes Socialistas, adoito principiadas polo control simbólico da rúa á hora de venderen a prensa partidaria. En novembro do 1935 a liorta rematou a tiros, participando Xosé Montes entre os falanxistas e sendo ferido o mozo socialista Cipriano Calvo, o que motiva o decreto de clausura dos locais de ambas as dúas organizacións ditado dende o Goberno Civil. Os socialistas locais apuntaban á Armada como alicerce do totalitarismo fascista, esixindo ás autoridades medidas no exército para depurar mandos de recoñecida simpatía por doutrinas autoritarias. O antifascismo fíxose unha realidade permanente sobre todo no 1936: os protagonistas foron PCE, PSOE, CNT e Izquierda Republicana, salientando a acción de comunistas e socialistas, conscientes da necesaria unidade expresada na Fronte Popular e amosada en actos públicos unitarios, así como tamén nas análises teóricas; eis a chea de artigos sobre o fenómeno fascista europeo, o seu carácter imperialista e belicista e as referencias á Alemaña hitleriana no semario socialista ferrolán El Obrero ao longo de 1935 e 1936. Na Coruña vai ser en marzo de 1936 cando a morte do cenetista Amboage desencadee unha folga xeral como protesta. Nun multitudinario acto na praza de touros, foi patente o protagonismo sindical de CNT e UXT na procura da unidade, centrando as súas acusacións no apoio patronal a obreiros fascistas entre o proletariado local. No manifesto do 1º de maio de 1936 incluírase un punto específico esixindo a disolución e desarme dos grupos fascistas. Outro mitin antifascista de gran repercusión foi o realizado en Vigo no salón Danubio Azul, denunciando o carácter inexorablemente belicista e agresor da ideoloxía. O protagonismo das organizacións proletarias socialistas, comunistas e anarco-sindicalistas foi patente. Certamente en moitos outros mitins da época os oradores reservaban unhas frases para criticaren o que coidaban constituía un perigo in crescendo. Tanto IR, o Partido Galeguista e, por suposto, socialistas e comunistas, incluído o POUM, así como o sindicalismo cenetista, foron conscientes da ameaza fascista. Xunto coas cidades galegas citadas, Cariño, Vilagarcía, Ribadeo, Maceda, Pontevedra, A Estrada e outras vilas coñeceron durante a primeira metade de 1936 voces de denuncia específica do fascismo, mesmo cunha dimensión internacional; velaí a campaña en Galicia, ben que minoritaria, levada ao cabo polos comunistas pedindo a liberdade para o líder alemán Thaelman. Neste contexto naceron na órbita socialista e comunista grupos de acción especificamente antifascista que, se ben de carácter minoritario, fixeron eco da problemática sobre o afortalamento do fascismo cunha perspectiva internacional e vencellada á defensa da paz, ameazada a nivel global polo rearme alemán e o imperialismo italiano en Abisinia; tentaron ampliar o proselitismo de esquerdas en xeral e dar paso á unidade das súas forzas. Así se explica o nacemento da Unión de Estudiantes Antifascistas na Coruña en data tan temperá como maio de 1935, arredor da persoa de Carré Aldao, secretario da FETE-UXT: o manifesto fundacional desta organización de ámbito español publicouse o 18 de maio de 1935 no voceiro socialista ferrolán El Obrero. Outra organización, a Agrupación de Mujeres contra la Guerra y el Fascio, intentaba captar mulleres na Coruña, Vigo e Ferrol dos medios obreiros e republicanos de esquerda. No Carballiño naceu nesta onda Antifascistas y Antibélicos de Carballiño. O feito de que tales organizacións se reunisen nos locais obreiros ou Casas do Pobo e a dobre militancia dalgúns dirixentes lévanos a encadralas dentro da acción de recuperación e proselitismo marxista e obreiro, dirixido agora a sectores sociais alén do proletariado: velaí o caso das mulleres e estudiantes. Certamente o antifascismo foi un aglutinante social, que semellaba chamado a ter un éxito certo co triunfo da Fronte Popular no 1936. Tentou impedir a acción fascista, enfrontándose a ela mesmo violentamente, recorrendo ás folgas xerais de protesta e solicitando a intervención das autoridades republicanas, de esquerdas tralo triunfo da Fronte Popular, que contou con alcaldes e gobernadores civís que mentres puideron actuaron nese sentido. Durante a Guerra Civil Española (1936-1939), o apoio alemán e italiano aos sublevados e a inspiración fascista da que estes se serviron para elaborar o seu soporte ideolóxico, propiciaron a intervención no confito de voluntarios de países europeos e americanos, que, integrando as Brigadas Internacionais, acudiron coa intención de frear o avance fascista. Moitos destes voluntarios xa sufriran a experiencia fascista nos seus países (Alemaña, Italia, Hungría, etc), mentres que outros eran activos militantes das organizacións sindicais e políticas. Trala Segunda Guerra Mundial, pechada coa derrota do fascismo italiano e o nazismo alemán, tanto a pervivencia de réximes pseudofascistas (España, Portugal, Grecia, Arxentina, Uruguai, Brasil, Perú, etc) como o apoio electoral que acadan grupos neofascistas en países como Francia (Fronte Nacional) ou Austria (Partido Liberal), ou os episodios de violencia racista protagonizados por grupos neonazis, mantiveron alerta aos antifascitas contra o perigo totalitarista que o fascismo representa.