Antiga e Barbuda
Estado das Pequenas Antillas (442 km2; 62.922 h [censo 1991], 64.500 h [estim 1997]) que comprende as illas Antiga (280 km2), Barbuda (160,5 km2) e Redonda (1,5 km2). A capital é Saint John´s, situada na illa da Antiga.
Xeografía física
A illa Antiga é un cordal de orixe volcánico que configura unha superficie montañosa que ten a máxima altitude no monte Boggy, que acada os 402 m. O litoral das illas é de orixe coralina, feito que determina a existencia de costas recurtadas rodeadas de barreiras coralinas no L. A maioría das rochas son de orixe volcánica, aínda que están recubertas por unha abundante terra fértil, pero tamén hai presenza de importantes chairas calcarias. A illa Barbuda é de orixe coralina cunha gran lagoa no O (Lagoa de Codrington); a máxima altura, no monte Higlands, acada os 62 m. O clima é tropical (25°C de temperatura media anual) e relativamente seco (1.100 mm de precipitación anual). A illa Redonda é de orixe coralina. As illas do arquipélago están suxeitas, así mesmo, á forza dos furacáns, ás cheas dos ríos e aos terremotos.
Xeografía económica
Con respecto á agricultura, os principais cultivos son a cana de azucre, o algodón, a froita (especialmente as bananas, mangos e melóns) e as hortalizas. A gandería bovina adquiriu importancia, o mesmo ca a pesca e, sobre todo, o marisqueo. A actividade industrial céntranse nas empresas alimentarias e de bebidas derivadas da cana (azucre, ron, whisky, vodka); sen embargo, outros sectores industrais como o téxtil (derivado do algodón), mobiliario (equipamento do fogar) e de ensamblaxe de compoñentes electrónicos, teñen unha importancia relativa no conxunto da economía deste Estado. A principal industria, sen embargo, é a refinería de petróleo de Friars Hill, que abastece unha central térmica que cobre as necesidades das illas. Aínda así, o turismo é a principal actividade económica con 254.704 turistas no ano 1994 e uns ingresos de 293 millóns de dólares (65% do PNB), que permiten sufragar o déficit comercial noutros capítulos. Importa petróleo, manufacturas e produtos alimenticios. As relacións comerciais establécense principalmente cos EE UU (27% das importacións) e a Gran Bretaña (16%). A independencia e a integración de Antiga e Barbuda no Caribbean Common Market (CARICOM, Mercado Común do Caribe) permitiu un crecemento anual do PIB entre 1975 e 1985 moi elevado (11,6%); posteriormente, no ciclo 1986-1996, se ben o crecemento foi positivo houbo un relativo retroceso (3,5%) que obrigou á toma de medidas proteccionistas para protexer os produtos rexionais importados da zona CARICOM (1990). A década dos noventa estivo marcada pola liberalización do sector público (Antigua-Barbuda Airwais); a conxelación dos gastos de investimento e dos empregos na función pública; a reorganización xeral do sistema fiscal; a creación dunha zona de libre comercio no norte de Antiga e subas dos impostos. Unha boa rede de estradas (1.161 km [1993]) facilita os transportes interiores, entre as illas de Antiga e Barbuda as comunicacións establécense vía aérea e marítima; o porto de Saint John’s e o aeroporto internacional Vere Bird de Coolidge, 7 km ao NL da capital, son os principais enlaces co exterior. A moeda oficial é o dólar do Caribe Oriental.
Xeografía humana e política
A illa de Antiga concentra o 98% da poboación, Barbuda acolle un pequeno núcleo de 1.241 h e a illa Redonda está deshabitada. A taxa de natalidade é do 17‰ (1995), feito que unido a unha mortalidade moderada (5,4‰ en 1995), produce un incremento anual elevado (11,7‰). A poboación está formada na súa inmensa maioría (94,4%) por persoas de orixe africana, se ben tamén existe unha minoría mestiza (3,5%) e de orixe europea (1,3%). O 74% da poboación practica a relixión anglicana, o 11% seguen o culto católico. O inglés é a lingua oficial, pero a xente adoita falar un crioulo inglés. O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Antiga e Barbuda entre os países cun alto desenvolvemento humano (ocupa o posto 29 cun índice 0,892). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacemento é de 75 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 95%; o índice bruto de escolaridade é do 76%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 9.131 $. Antiga e Barbuda é unha monarquía constitucional integrada no ámbito da Commonwealth. O Xefe do Estado é o soberano do Reino Unido (Isabel II), representado por un gobernador xeral (sir James Carlisle dende 1993) que nomea ao Primeiro Ministro e ao goberno, que exercen o poder executivo. O lexislativo correspóndelle a un parlamento bicameral: o Senado está composto por 17 membros, a Cámara dos Deputados por 17 membros elixidos por cinco anos. A administración territorial organízase ao redor de sete parroquias na illa de Antiga e dúas illas (Barbuda, administrada polo Consello de Barbuda, e Redonda). Antiga e Barbuda é membro da ONU, da OEA, da Commonwealth e do CARICOM, e membro asociado da UE.
Historia
Antiga foi descuberta por Cristovo Colón no 1493; sen embargo, debido aos graves problemas de abastecemento de auga potable, a illa non foi colonizada ata o ano 1632, cando os ingleses estableceron os primeiros asentamentos permanentes na illa. Barbuda non foi colonizada ata o ano 1661. Os franceses ocuparon temporalmente a illa de Antiga, pero ao asinarse a paz de Breda (1667), foi devolta definitivamente ao Reino Unido. A poboación indíxena foi aniquilada polos colonizadores ingleses e franceses que introduciron escravos negros africanos para traballar as plantacións de cana de azucre e algodón. Entre 1871 e 1956 formou parte da federación das illas Leeward. Logo converteuse en colonia independente da Coroa británica (1957), posteriormente en membro da Federación das Indias Occidentales (1958-1962) e, finalmente, en Estado Asociado do Reino Unido (1967-1981). Acadou a plena independencia o 1 de novembro de 1981 e as primeiras eleccións democráticas celebráronse en 1984. O Antiga Labour Party (APL, Partido Laborista), liderado por Vere C. Bird e, despois de 1994, polo seu fillo Lester Bird, dirixe o país dende o ano 1976. Malia a aparente estrutura democrática, a realidade do país amosa un sistema corrupto -en 1990 coñeceuse un escándalo de tráfico de armas procedente de Haifa (Israel) con destino ao cártel de Medellín (Colombia) e en maio de 1995 Ivord Bird foi acusado de tráfico de cocaína- e oligárquico, no que a familia Bird emprega os resortes da administración en beneficio dos seus investimentos (principalmente centrados no sector turístico).