antiimperialismo

antiimperialismo

(

s m [POLÍT]

Doutrina política e económica que se opón a calquera forma de imperialismo. As primeiras análises económicas que denuncian o imperialismo aparecen trala guerra hispano-norteamericana (1898) e a anglo-bóer (1899-1902), son O imperialismo (1902), do economista inglés Hobson, O capital financeiro: fase contemporánea do desenvolvemento do capitalismo (1910), do marxista austríaco Hilferding, O imperialismo: fase superior do capitalismo (1916), do revolucionario ruso Lenin, e Nationalstaat, imperialistischer Staat und Staatenbund (1915), do reformista alemán Kautski. Malia as diferencias teóricas entre estas catro obras, todas coindicen nunha crítica expresa aos fundamentos económicos do imperialismo e ás súas consecuencias políticas e sociais. Non obstante , só na obra de Lenin existe unha exposición doutrinal na que o antiimperialismo é unha doutrina revolucionaria orientada cara á transformación da sociedade; tanto Hobson ou Kautski coma outros autores reformistas (Agahd, Landsburgh, Eschwege ou Bérard) opoñen ao imperialismo a libre competencia e a democracia. Na actualidade, malia a diferente situación económica (descolonización, Terceiro Mundo, desequilibrio Norte-Sur, etc), a crítica teórica ao imperialismo continúa establecida nos mesmos termos. Como movemento político non chegou a fixar unha doutrina teórica. Neste sentido, o antiimperialismo foi un aglutinador das forzas políticas independentistas, é o caso de Sandino en América Central ou de Ho Chi Ming en Asia.