antimilitarismo
(
Movemento social contrario ao espírito ou ás institucións militares. Pretende demostrar a preponderancia do exército dentro da administración do estado en tres niveis: socialmente, pola existencia duns deberes de defensa (Servicicio Militar Obrigatorio), mentres os dereitos (toma de decisións en política de defensa) están limitados á xerarquía militar; economicamente, outorgando grandes sumas a gastos militares ou comerciando con armamento; e a nivel xeopolítico, animando políticas baseadas na desconfianza e na confrontación e formando parte de bloques militares. A loita antimilitarista maniféstase a través de diferentes vías: a obxección de conciencia, ou negación a cumprir co servizo en filas; a obxección fiscal, consistente en absterse de sufragar os gastos militares a través dos impostos directos; a educación para a paz, que ensina uns valores favorecedores dunha sociedade e cultura pacíficas; e a investigación para a paz, que pretende clarificar as condicións baixo as que se desencadean os conflitos e ofrecer bases para a súa prevención. Así mesmo, as campañas contra as guerras e conflitos armados, os bloques ou as bases militares, son algúns dos xeitos de protesta pública deste movemento social. O antimilitarismo percorreu unha longa andaina, dende os movementos contra o recrutamento forzoso ata as mobilizacións contra as guerras, que o aproximaron estreitamente ao ecopacifismo. A negativa civil a colaborar co exército e máis concretamente a resistencia ao recrutamento militar forzoso, foi común en Galicia dende a conformación da milicia contemporánea (as quintas quedaron normalizadas a partir da Ordenanza de 1800). O servizo militar decimonónico era universal e obrigatorio só na teoría, xa que estaba permitida a redención mediante o pagamento de sumas de diñeiro prohibitivas para a inmensa maioría da poboación, que optaba por outras formas de resistencia ilegal, como as mutilacións de membros (sobre todo dedos) dos nenos acabados de nacer ou a fuxida cara a América. O primeiro logro do antimilitarismo español foi a supresión do servizo militar obrigatorio pola Lei do 17 de febreiro de 1873; así mesmo, aprobouse unha lei de amnistía para todos aqueles que tomaran parte en protestas antimilitaristas. Non obstante , non se pode falar de antimilitarismo como movemento organizado ata a difusión de ideoloxías revolucionarias, tanto socialistas como anarquistas, que consideraban o exército e a guerra como garantía e consecuencia da orde económica e social do capitalismo. Na Galicia de comezos do s XX, a oposición organizada contra a ideoloxía militarista vinculouse co movemento obreiro, que se mobilizou animado polos anarquistas contra a guerra de Cuba en 1895, ou para protestar polo embarque de tropas cara a Marrocos en 1909. Durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) os ácratas do Ateneo Sindicalista de Ferrol convocaron un Congreso Internacional en favor da paz, mandando invitacións a destacados pensadores e militantes obreiros de América e Europa para discutir o xeito de rematar a contenda. A nivel internacional, a primeira mobilización do antimilitarismo foi a Conferencia de Zimmerwald (Berna, 5-8.9.1915) que, convocada polo Partido Socialista italiano, agrupou a 42 delegados de once países co fin de artellar mecanismos eficaces para frear a Guerra Mundial. A militarización da sociedade de entreguerras e a inminencia dunha nova conflagración mundial foron preocupación de primeira orde para os movementos proletarios. En Galicia, durante a Segunda República, activistas de todas as correntes ideolóxicas organizaron en diversas localidades comités e ligas contra o previsible conflito armado, como nalgúns cuarteis coruñeses e, sobre todo, no Arsenal ferrolán. O movemento antimilitarista promovido polos anarquistas e comunistas diminuíu durante a Guerra Civil (1936-1939) e a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) debido a que houbo unha opción clara pola revolución armada ou pola guerra para vencer os réximes fascistas, autoritarios e militaristas que dominaron gran parte do territorio europeo. O antimilitarismo despois da Segunda Guerra Mundial desenvolveuse de xeito distinto dependendo das circunstancias específicas de cada país (ditaduras, democracias con exército profesional ou con servizo militar obrigatorio). Tamén determinadas relixións (budismo, testemuñas de Xehová, etc) predican a non violencia, negándose a tomar as armas. Trala fin da Guerra Civil española e a instauración do réxime franquista (1936/1939-1975), o movemento antimilitarista quedou sumido na clandestinidade e foi duramente reprimido, contemplando a lexislación apenas para os que se negaran a acudir ao servizo militar. Nos últimos anos do s XX, debido á difusión do ecopacifismo, o movemento antimilitarista centrouse practicamente na oposición ao Servicio Militar Obrigatorio, aos conflitos armados e á política de bloques. A Constitución Española (6.12.1978) recolle o dereito á obxección de conciencia, que se rexe pola Lei Reguladora do Dereito á Obxección de Conciencia e da Prestación Social Substitutoria do 28 de decembro de 1984; sen embargo, o movemento antimilitarista axiña se manifestou en contra do modelo de prestación. Consideraban que o tempo da prestación excedía o do servizo militar (18 meses fronte a 12), o tempo de espera para incorporción ao servizo asignado era demasiado longo e ocupábanse postos nos servicios sociais ou nas ONG para os que os obxectores non estaban cualificados, coa conseguinte diminución da calidade e eficacia do servicio, ademais de supor un intrusismo que contribuía a precarizar as condición laborais dos profesionais. Como alternativa, o movemento antimilitarista propuxo a insubmisión, negativa a incorporarse a calquera tipo de servizo ou prestación, militar ou civil. A progresiva profesionalización do exército, promovida polo goberno desde 1996, supón o peche dun ciclo antimilitarista que se centraba na eliminación do servizo militar obrigatorio. O outro campo de acción dos colectivos antimilitaristas é o dos bloques militares, desenvolvida amplamente nas mobilizacións anti-OTAN, que fixeron do antimilitarismo un dos movementos sociais máis fortes a partir de 1980. Cara ao século XXI, o movemento antimilitarista centra a súa atención nas estruturas militares garantes do bloque dominante, traballando en prol dunha desmilitarización baseada na transformación social.