Antioquía
Departamento de Colombia (63.612 km2; 4.919.619 h [1993]). A capital é Medellín. Situado á beira do mar Caribe, limita ao N co mar, ao L cos departamentos de Santander e Boyacá, ao S con Caldas e ao O con Chocó. O clima vese afectado pola circulación das masas de aire procedentes dos Océanos Atlántico e Pacífico, e os seus rexistros térmicos e pluviométricos vanse atenuando en función do factor altitude a medida que se penetra no interior. As elevadas precipitacións e a súa baixa latitude permiten o desenvolvemento dunha vexetación de selva húmida ecuatorial nos vales dos grandes ríos. Litoloxicamente amosa gran diversidade; está dominado por un gran batolito metamórfico de orixe precámbrica e paleozoica, e cun sector occidental composto por rocas sedimentarias e ígneas do mesozoico, outra meridional de rochas volcánicas, e depósitos cenozoicos nos vales fluviais. Dúas cordilleiras, a Central e a Occidental, atravesan o estado en dirección N-S. Ata a chegada dos españois durante o s XVI, poboaban a zona varios pobos, dos que os máis coñecidos son os catio, os nutaba, os tahami e os quimbaia. A poboación actual é froito da mestizaxe con individuos de procedencia europea, americana e africana, estes últimos debidos á introdución de man de obra escrava entre os ss XVI e XIX. O departamento é rico en recursos minerais (carbón, ouro, ferro, chumbo, cromo, cinc, mármore, cemento), explotados algúns deles dende época precolombina. A capital, Medellín, é un dos principais centros industriais de Colombia. A selva, de difícil acceso, aprovéitase para o cultivo da coca, práctica ancestral e hoxe clandestina, por ser da súa folla de onde se extrae a cocaína. Os EE UU e o goberno colombiano colaboran na erradicación do seu cultivo, promovendo a súa substitución por actividades alternativas.