Antoniniana, Provincia Nova Hispania Citerior

Antoniniana, Provincia Nova Hispania Citerior

Provincia ou división administrativa romana, cun breve período de existencia (216 e 217), creada polo Emperador Marco Aurelio Antonino Caracalla (211-217) como resultado da secesión dun territorio da Provincia Citerior Tarraconense, identificado coa Gallaecia, e que se correspondía cos tres conventus xurídicos noroccidentais: asturicense, lucense e bracarense. A súa creación debeuse a motivos económicos e militares: era preciso controlar o territorio fronte a posibles revoltas indíxenas e asegurar o acceso ás minas de ouro do noroeste de Hispania, situadas principalmente no Bierzo. Con estas medidas, Caracalla tentaba revitalizar as explotacións auríferas, que xa coñeceran o seu momento de esplendor durante a época flavia. Coa morte de Caracalla no 217, xa certificado o esgotamento mineiro debido en gran medida á pouca rendibilidade dos procedementos técnicos empregados, a nova provincia desapareceu e pasou a estar baixo o mando do gobernador da Tarraconense. O seu único gobernador, Gaio Xulio Cereal, enviado por mandato expreso do Emperador, colocou a capital en Legio (León), lugar no que se atoparon as dúas únicas inscricións que fan referencia á existencia da provincia.

Palabras veciñas

Antoniano, Silvio | antonimia | antónimo -ma | Antoniniana, Provincia Nova Hispania Citerior | antoniniano -na | antonino -na | Antonino Pío, Tito Aurelio Fulvio