Antroido, Teatro

Antroido, Teatro

Compañía de teatro independente creada en 1974 en Compostela por Roberto Vidal Bolaño e Laura Ponte. O seu propio nome dá proba do que son os seus espectáculos: en todos eles déixase sentir o peso da farsa, da festa comunitaria e da tradición dramatúrxica popular. Despois de presentarse cun espectáculo baseado no texto Amor e crimes de Juan el Pantera (1975) de Eduardo Blanco Amor e cunha segunda proposta, a partir da peza de Euloxio R. Ruibal As falcatrúas do Marqués Patacón (1976), a compañía centrou a súa actividade na posta en escena de espectáculos baseados nas propostas textuais do seu director, Roberto Vidal Bolaño. Así, cómpre mencionar Laudamuco señor de ningures (1978), con dirección de Eduardo Alonso e Xarará, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón ou como trocar en rato pequecho o meirande xigantón (1979), Ruada das papas e o unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) e Romance dos figos de ouro (1983), todos eles baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño. Nese mesmo ano, Antroido presentou un espectáculo baseado en textos de Xosé Luís Méndez Ferrín denominado Percival, con dramaturxia e dirección de Vidal Bolaño, co que acadaría a Medalla de Ouro da Cidade de Valladolid no ano 1984. En 1985 Antroido estreou o espectáculo Caprice des dieux-Antollo de deuses (1985), texto orixinal do director da compañía, no que se ofrece unha aceda visión da realidade teatral e cultural de Galicia. Este espectáculo constitúe a última proposta da compañía que desapareceu, finalmente, coa creación do grupo Teatro do Aquí. Paralelamente, en 1978 Antroido promoveu a creación dun Obradoiro de Aprendizaxe Teatral co que realizaron Antroido na rúa (1978) e Memoria de mortos e ausentes (1978), espectáculo que merecería o recoñecemento de público e crítica na Mostra de Teatro Galego de Ribadavia ese mesmo ano. En 1980 esta compañía participou na creación da Cooperativa Teatro do Estaribel e presentou o espectáculo Bailadela da morte ditosa, dirixido por Eduardo Alonso e baseado nun texto de Roberto Vidal Bolaño.

Palabras veciñas

antroido | Antroido, O | Antroido, O | Antroido, Teatro | antrópico -ca | antropo- | antropocéntrico -ca