antropoloxía
(< antropo- + -logía)
-
[ANTROP]
-
s
f
Ciencia que estudia o ser humano e, nun sentido máis amplo, os homínidos. Debido á diversificación somática sufrida polo ser humano, os diferentes ambientes en que tivo que vivir e as súas manifestacións culturais e de relación, a antropoloxía, no máis amplo dos seus sentidos, comprende tanto o estudo biolóxico do corpo humano e as súas variacións no tempo e no espazo (antropoloxía física ou biolóxica) como do comportamento cultural e social (antropoloxía cultural e antropoloxía social). Os datos derivados do estudo biolóxico do corpo humano pola antropoloxía física son a base sobre a que se ten que estruturar o estudo das antropoloxías social e cultural.
-
antropoloxía biolóxica/física
Ciencia que estudia o home ou, nun sentido máis amplo, os homínidos, como obxecto das ciencias naturais, analizando a variabilidade normal do corpo humano no espazo e no tempo. En tanto que poden contribuír a este obxectivo a anatomía, a fisioloxía, a xenética e a paleontoloxía humana constitúen o fundamento da antropoloxía física. Na antropoloxía física sintetízanse os coñecementos destas disciplinas co obxecto de situar o ser humano na súa praza na natureza e procurar aclarar cál é a orixe do home como ser natural; cáles son, cómo se explican e que significado teñen para o individuo e para a colectividade as diferencias existentes entre os grupos humanos; cáles son os factores que determinan estas diferencias e cáles son as consecuencias prácticas que se poden sacar desas observacións. Malia que o interese polo estudo antropolóxico do ser humano existía dende a antigüidade grega e chinesa, foi Linné (1707-1778) quen primeiro situou o home, xunto cos simios, no grupo dos primates, feito que é considerado por algúns como o punto de partida da antropoloxía biolóxica. A liña iniciada por Linné desenvolveuna de xeito específico J. F. Blumenbach, quen no libro De generis humani varietate nativa (1775) estableceu os fundamentos do que viría ser a antropoloxía física ata o s XX. Nesta tradición, na que se sitúan Broca (1824-1880), Retzius (1796-1860), Quatrefages (1810-1892), Galton (1822-1911) ou Sergi (1841-1936) predominaron os estudios biométricos e descritivos. Non obstante , foi Darwin (1809-1882) quen sentou as bases para unha antropoloxía evolucionista, que permitiu explicar a praza que o ser humano ocupa na natureza como resultado da evolución. Profundizaron nesta liña, que determinou o pensamento biolóxico do s XX, biólogos como Huxley (1825-1895) ou Haeckel (1834-1919). Co desenvolvemento da xenética, froito da orientación causal na análise dos fenómenos biolóxicos, a antropoloxía supera a fase descritiva e complétaa coa fase interpretativa actual. A parte descritiva da antropoloxía é tratada pola antropoloxía fisiolóxica e pola somatoloxía. A antropoloxía fisiolóxica analiza as diferencias observadas nos trazos fisiolóxicos do home (entre os que poden ser incluídos os bioquímicos) e a somatoloxía analiza as que hai nos somáticos ou morfolóxicos. Dentro da somatoloxía ten un papel moi destacado a osteoloxía, que estudia as características morfolóxicas do esqueleto humano, análise fundamental no estudo da variabilidade do ser humano ao longo do tempo. A interpretación dos datos obtidos pola antropoloxía descritiva, conséguese grazas á xenética e á ecoloxía humanas, que analizan as causas (herdanza e ambiente) da variabilidade observada. A xenética humana permite formular a cuestión raciolóxica dende outra perpectiva: a cor da pel nas poboacións melanodermas (negros) está relacionado coa súa evolución biolóxica (herdanza) e coas circunstancias nas que viven ou viviron (ambiente). Como síntese dos coñecementos obtidos polas disciplinas mencionadas, sen esquecer os progresos realizados pola paleontoloxía humana para explicar a súa evolución, a sistemática humana intenta situar o home dentro do conxunto total dos seres vivos.
-
antropoloxía cultural
Estudio da cultura humana desde as súas orixes ata aos nosos días e das súas variedades e adaptacións en función das súas relacións sociais e biolóxicas. A antropoloxía física ocúpase dos comportamentos, específicos e universais, da cultura. A antropoloxía cultural precisa do concurso da etnoloxía, a antropoloxía social, a arqueoloxía e a lingüística para o seu desenvolvemento. Ademais, son fundamentais para a antropoloxía cultural os datos da antropoloxía física e, a miúdo emprega os resultados das investigacións sociolóxicas, psicolóxicas, filosóficas, xeográficas, etc. Os métodos experimentais incorporáronse recentemente á antropoloxía co obxecto de determinar o grao de adaptación de certos grupos humanos aos cambios efectuados na súa cultura. A antropoloxía cultural conformouse como ciencia a partir da segunda metade do s XIX, cando se crearon as primeiras sociedades antropolóxicas, coleccións etnográficas e ao iniciarse os traballos de campo e as expedicións científicas a diferentes puntos do planeta. A problemática máis importante neses anos foi a do evolucionismo cultural, desenvolvido paralelamente ao evolucionismo biolóxico de Darwin. Os antropólogos máis importantes foron o norteamericano Morgan e o inglés Tylor. O historicismo substituíu, practicamente, o evolucionismo nas universidades, instaurando o principio de que a historia das sociedades humanas non se fixo mesturando procesos de cambio semellantes, tanto porque as combinacións culturais foron diferentes como polo feito de haber zonas onde a cultura se desenvolveu mellor, polo que se converteron en centros de difusión de civilización, que se definiron como círculos culturais. Neste sentido, os cambios e as evolucións culturais orixínanse máis como consecuencia da propagación dos pobos, das ideas e das formas de vida que por un paralelismo nos procesos culturais de cada sociedade humana. O difusionismo tivo unha forte penetración nos medios académicos debido á influencia exercida por Schmidt, director da escola de Viena; sen embargo, foi Graebner quen propuxo as primeiras grandes cuestións desta teoría. No Reino Unido, o difusionismo tivo como expoñente destacado a Elliot-Smith, que defendía que Exipto fora o foco único de civilización mundial. O historicismo cultural desenvolveuno o norteamericano Boas, que consideraba cada cultura como un proceso particular e aplicaba unha metodoloxía naturalista e indutiva á investigación cultural (particularismo histórico); a súa influencia na escola norteamericana mantívose ao longo do s XX. De xeito simultáneo, desenvolveuse o psicoloxismo, orientación dirixida, especialmente, por Mead, Benedic22t e Linton. As bases programáticas tiñan como principio explicativo que a forma cultural ou maneira de vivir dunha sociedade é a causa fundamental da estrutura da personalidade dos seus membros. Así, cada cultura constituiría a personalidade básica dos seus individuos. Segundo esta corrente, nas sociedades habería individuos representativos do tipo dominante e outros que non se adaptarían a estes tipos (inadaptados), que constitúen a minoría; así mesmo, afirma que os criterios de normalidade e anormalidade son propios de cada cultura. Unha orientación diferente dentro da antropoloxía cultural é o funcionalismo, reacción contra o historicismo. Son representantes destacados desta corrente Malinowski e Radcliffe-Brown. O principio no que se basea a teoría e o método funcionalista é que cada forma cultural ten unha integración que depende de funcións interdependentes. Esta integración deberá ser buscada, segundo Malinowski, relacionando as institucións e as formas culturais coa satisfacción relativa que esixen as necesidades biolóxicas do individuo. Neste sentido, cómpre considerar as variedades culturais ou as diversas formas de vida como diferentes habilidades para resolver estas necesidades. Radcliffe-Brown inverteu a relación considerando que as necesidades sociais non son efecto das necesidades biolóxicas, senón que dependen das necesidades da sociedade, que condiciona o xeito de comportarse de cada individuo; consecuentemente, sostiña que as investigacións de antropoloxía cultural debían concentrarse no estudio da estrutura social. Os métodos antropolóxicos víronse enriquecidos pola ampliación teórica que supuxo o estruturalismo. O expoñente máis destacado é o francés Levi-Strauss. A particularidade do método estrutural consiste en producir modelos extraídos da etnografía cos que obter principios relativos a comportamentos sociais. Esta metodoloxía baséase na selección de elementos da realidadeque se organizan de acordo coas súas propiedades e en función do seu comportamento con respecto a outros. Outra orientación da antropoloxía cultural é o neoevolucionismo, que afirma que a sociedade humana, considerada como totalidade, ofrece un progreso constante cara a unha estrutura cultural máis complexa. Os membros máis destacados do neoevolucionismo son Gordon Childe e White. Entre as orientacións teóricas máis recentes cómpre salientar en primeiro lugar a ecoloxía cultural, que se desenvolveu en Norteamérica a mediados do s XX. Considera a sociedade humana como unha poboación ecolóxica que se adapta ao contorno grazas á gran capacidade que lle concede a cultura e a organización social. Son representantes desta corrente Steward, Shalins, Rappaport e Service. Desta perspectiva deriva o materialismo cultural, representado fundamentalmente por Harris. Outra orientación importante dentro da antropoloxía cultural é a marxista: o materialismo dialéctico, que tivera moi pouca incidencia na antropoloxía cultural malia os apuntamentos etnográficos de Marx e as investigacións de Engels. Comézase a aplicar dunha forma sistemática ao estudio dos pobos primitivos a partir da década dos sesenta, sobre todo da man de autores franceses como Godelier, Meillassoux, Terray e Rey. Por último, cómpre mencionar o enfoque simbolista, iniciado cara 1970 coa obra de autores como Geertz, Schenider, Douglass ou Leach, que estudia a cultura como un sistema de símbolos.
-
antropoloxía económica
Estudio das estratexias, relacións e institucións económicas das “sociedades primitivas”. Dúas teses de Marx son o fundamento da antropoloxía económica: as súas observacións sobre o fetichismo da mercancía, que é o principio central de todo intercambio aínda que cada sociedade presente diversas versións do mesmo fenómeno, e a distinción entre valor de uso e de cambio. As investigacións sobre o intercambio tribal (don e o contradón) realizadas por Malinowski, continuadas por Mauss, que intenta atopar o factor que fai que os suxeitos se sintan obrigados a devolver o dado e aterse aos termos do don e contradón, abren unha liña de investigación antropolóxica na que hai que situar os traballos de Herskovits, Firth, Goodfellow e Polanyi. A partir de 1950 a antropoloxía económica concibiuse dende diferentes enfoques: o formalista e o substantivista. Para o formalismo, representado por Firth, Herskovits, Tax, Pospisil, Epstein ou Schneider, o obxecto da antropoloxía económica é o estudio da conduta humana en relación coa necesidade de elixir entre diferentes usos dos medios inducida pola súa escaseza; ao recoñecer que a maioría das sociedades primitivas non teñen institucións económicas especializadas, o formalismo fai extensiva a teoría económica neoclásica a estas sociedades, tentando elaborar xeneralizacións que permitisen aplicar unha teoría universal da relación medios-obxectivos. O substantivismo, representado por Polanyi, Sahlins, Arensberg, Bohannan ou Dalton, basea a súa teoría económica na insuficiencia da teoría neoclásica para ser aplicada en sociedades que non desenvolvan unha economía de mercado. Os autores desta corrente elaboraron modelos descritivos que relacionaban as unidades de produción con realidades socio-políticas, tanto do pasado como do presente, ocupándose fundamentalmente da análise da organización da produción e as formas de circulación e distribuición de bens. O materialismo cultural, representado por Harris, fai énfase no determinismo técnico-ambiental, os condicionamentos do medio e a presión reprodutora nos procesos sociais. Á marxe destas correntes teóricas o marxismo basea a análise das estruturas económicas nos conceptos de modo de produción e formación social.
-
antropoloxía social
Estudio do ser humano en función da súa conduta social. A antropoloxía social proponse obter coñecemento respecto ás institucións e aos procesos sociais que constitúen o sistema de comportamento dos individuos dunha sociedade e, comparando estas formas de comportamento coas doutras sociedades, procurando establecer modelos e categorías de institucións sociais. Caracterízase polo seu método de investigación integral e pola aplicación da técnica etnográfica e de campo, sobre todo a nivel de comunidade, realizada dentro de sociedades primitivas ou de baixa densidade demográfica tratando de obter coñecemento a partir dos conxuntos sociais. Os traballos que fundamentaron cientificamente a antropoloxía social foron os elaborados por Maine, Bachofen, Morgan, Tylor e Frazer; sen embargo, as orientacións posteriores seguen as liñas de investigación abertas por Boas en EE UU, Levi-Strauss en Francia e Malinowski, Radcliffe-Brown e Evans-Pritchard no Reino Unido. As orientacións teóricas máis frecuentes da antropoloxía social son o funcionalismo e o estruturalismo. O funcionalismo caracterízase polo estudo do comportamento social institucionalizado (o parentesco, organización político-legal, canons do pensamento e sistemas de crenzas) e interrelacionado. O estruturalismo basea os seus métodos na lingüística e na loxica simbólica. Os temas máis frecuentes dentro da antropoloxía social son os relacionados co matrimonio, a familia, o parentesco, a relixión e as institucións económicas en relación cos procesos sociais.
-
antropoloxía teatral
Disciplina que estudia as manifestacións teatrais propias dunha cultura determinada e a presenza de elementos teatrais noutras manifestacións artísticas, cerimonias rituais ou celebracións festivas desa mesma cultura. Non obstante , tamén é posible un enfoque intercultural e multicultural, tal como ocorre nos últimos anos. Se ben o estudo das diferentes manifestacións da teatralidade xa se pode documentar desde Grecia, foi a principios do século XX, baixo a influencia da febre orientalista e primitivista que se vivía en Europa e América do Norte, cando se procedeu á descrición e ao estudo doutras tradicións teatrais e á transferencia, intercambio e apropiación das máis diversas técnicas de interpretación, dirección ou formación. Konstantin Stanislavski e Vsevolod E. Meyerhold foron dos primeiros en manifestar a importancia das técnicas teatrais orientais e doutras que se tiñan esquecido, como a Commedia dell’Arte. Non obstante , sería Antonín Artaud quen insistiría na súa importancia para o proxecto de reteatralización do teatro. As súas referencias ás danzas balinesas e o seu libro Les Tarahumaras (Os Tarahumaras, 1945) constituíron un exemplo significativo desa paixón e defensa desoutras tradicións culturais que tanta importancia tiveron na renovación da escena máis contemporánea. Nesa mesma liña descritiva e divulgativa habería que considerar algúns traballos do ensaísta e novelista D. H. Lawrence, sobre todo aqueles que toman a México como fonte literaria e etnográfica. Bastantes anos despois, Eugenio Barba, discípulo e colaborador de Jerzy Grotowski, publicou un libro, A la ricerca del teatro perduto (A busca do teatro perdido, 1965). Esta obra suporía a presentación dos obxectivos e principios metodolóxicos dunha liña de traballo que desenvolvería durante máis de trinta anos á fronte do Odin Teatret e desde a Escola Internacional de Antropoloxía Teatral (ISTA), creada en 1979, e que ten un referente substantivo no libro El arte secreto del actor (1990), escrito en colaboración con Nicola Savarese. Nesa mesma liña, aínda que cunha orientación máis teórica e disciplinar, sitúase o traballo de Vic22tor Turner, autor de estudios como From Ritual to Theatre (Do ritual ao teatro, 1982) ou The Antropology of Performance (A antropoloxía da transformación, 1988), ou as experiencias e investigacións de Richard Schechner, autor de Between theatre and anthropology (Entre o teatro e a antropoloxía, 1985) ou Performance Theory (Teoría da Transformación, 1988). En Galicia cómpre salientar o traballo realizado polo Teatro Circo, que desde mediados dos anos setenta creou un equipo de traballo de campo que percorreu decenas de vilas galegas, recollendo materiais moi diversos relacionados con festas cíclicas e con outras manifestacións festivas e rituais. A experiencia tivo continuidade na Escola Dramática Galega, que publica na colección Cadernos da EDG estudios editados por Antón Lamapereira. Alén das manifestacións de hiperenxebrismo e realismo costumista presentes, moita da recuperación e recreación de elementos tirados da dramaturxia popular no eido da expresión literaria, foi realizada por autores como Daniel Cortezón, Manuel María, Roberto Vidal Bolaño ou Camilo Valdeorras. En canto á expresión escénica, foi Antroido a compañía que con maior frecuencia recuperaría e reivindicaría elementos da tradición popular.
-
antropoloxía urbana
Estudio das interaccións entre individuos e grupos inseridos no medio urbano. Na aparición desta disciplina inflúen decisivamente os procesos de independencia das antigas colonias europeas, acontecidos sobre todo entre 1945 e 1970, que adoitan ir acompañadas dun intenso proceso urbanizador das súas poboacións. Os antropólogos levaban estudiando xa desde había tempo problemas que recoñecen como especificamente urbanos, pero isto aínda non lles conducira á análise de presupostos da súa disciplina, non sendo ata finais dos setenta e principios dos oitenta cando o termo acada uso xeneralizado, consolidándose como especialidade académica ben definida. Das correntes xurdidas nos estudios de antropoloxía urbana cómpre destacar en primeiro lugar a Escola de Chicago, dende a que autores como Park, Wirth e Whyte centran o interese no mundo urbano dende puntos de vista ecolóxicos, defendendo que nas cidades se atopan unha serie de áreas ou rexións morais nas que se concentran tipos de poboación con trazos culturais específicos. Pola súa banda, Gluckmann e a Escola de Manchester centraron a análise no cambio social, baseándose nun amplo abano de datos antropolóxicos sobre África Central. Unha tendencia máis radical polas implicacións teóricas que presenta, xa que condiciona unha concepción das relacións sociais centradas nos procesos, é a constituída polas chamadas “historias de vida”; así mesmo, cómpre citar os estudios das redes sociais urbanas centrados no comportamento social dos cidadáns. Finalmente, están as achegas dos teóricos da reacción social, tendencia que busca esclarecer os mecanismos polos que o individuo se constrúe unha identidade a partir da etiqueta que a sociedade lle asigna.
-
s
f
-
s
f
[FILOS]
Reflexión filósófica sobre o ser humano. Ten como obxecto o home, non só como ser natural, senón tamén como ser esencial. Segundo Scheler, a antropoloxía filosófica constitúe unha ponte que une as ciencias positivas coa metafísica. Parte, en efecto, das ciencias positivas humanas, como a antropoloxía biolóxica, a psicoloxía, a lingüística, etc, para elaborar e interpretar filosoficamente os seus resultados e buscar a esencia ou estrutura fundamental do ser humano, que explique todas as súas funcións e todas as súas obras específicas: a linguaxe, a consciencia moral, a arte, os mitos, a relixión, a ciencia, a cultura, etc. Non é unha antropoloxía das características ou funcións humanas, senón da esencia do home, polo que se constitúe como unha parte da filosofía. Con todo, non estaba separada con suficiente precisión do núcleo principal da filosofía (lóxica, metafísica, ética) debido a que non tiña definido o seu status epistemolóxico. Tal como se concibe actualmente, a antropoloxía filosófica non é unha filosofía “a priori” que parta duns primeiros principios para fundar outras ciencias, senón que admite os resultados como datos e os interpreta filosoficamente. O seu ámbito especulativo -a reflexión sobre o ser humano- é xa antigo debido a que ao longo da historia todas as correntes filosóficas formularon dalgún xeito teses relativas a esa cuestión. Sócrates foi quen primeiro situou o home no centro da reflexión filosófica, sobre todo da ética. Así mesmo, os filósofos occidentais posteriores (Platón, Aristóteles, Descartes ou Kant), mantiveron esa mesma tradición socrática. Con Feuerbach a antropoloxía volve colocarse no centro da reflexión filosófica, motivo polo que se considera precursor da situación actual, se ben cunha preocupación distinta porque o que el quería era que a antropoloxía substituíse a teoloxía. Malia que o interese filosófico polo home é antigo, o que constitúe actualmente a posición peculiar da antropoloxía filosófica -interpretación filosófica dos resultados científicos- é recente debido a que ese eido non se puido desenvolver en tanto non houbese un desenvolvemento das ciencias humanas. Coa obra Die Stellung des Menchen im Kosmos (A posición da humanidade no Universo, 1928), Sheler converteu a antropoloxía filosófica nunha instancia central na que semellan converxer todas as anteriores disciplinas filosóficas, Scheler situou o home nun lugar especial no cosmos, pola súa abertura ao mundo, a súa liberdade de comportamento, o seu poder de transcender o inmediato e o seu carácter de espírito. Outros autores importantes, de diversas tendencias, escribiron libros sobre antroploxía filosófica: Plessner, Groethuysen, Gehlen, Landsberg, Hartmann, Buber, Cassirer ou Landmann. Paralelamente a esta tradición filosófica, Darwin, Marx e Freud abrían tres continentes novos para a filosofía antropolóxica: o evolucionismo, que sentou as bases científicas para situar a humanidade no seo da natureza; o marxismo, que afirma que a esencia do home son as súas relacións sociais; e Freud, que descobre a importancia do inconsciente no desenvolvemento dos actos humanos. Actualmente, á problemática proposta polo evolucionismo, por Marx e Freud, sumouse o enfoque do estruturalismo, que reformulou as cuestións da liberdade, do suxeito, da historia, da cultura e a sociedade e, máis recentemente, sobre o sentido do home.
-
s
f
[RELIX]
Orixinariamente, reflexión sobre o home a partir da revelación: inclúe o tratado teolóxico sobre a creación do home, a súa caída e a súa redención. Actualmente, teólogos como Rahner, Schillebeeckx ou Metz considérana como un motivo teolóxico que determina a mesma teoloxía como tal. Así, non se pode dicir nada sobre Deus, obxecto formal da teoloxía, sen falar tamén do home. Segundo esta perspectiva, derívanse varias consecuencias importantes para a reflexión teolóxica. A primeira é que a teoloxía debe descubrir o estreito vínculo que hai entre o contido das afirmacións dogmáticas e a comprensión propia do home. A segunda, que hai que ter en conta a achega das ciencias humanas e sociais para realizar a súa propia reflexión. A terceira, a importancia da cristoloxía en tanto que en Cristo aparece o que o home é e ten que ser.
-
antropoloxía criminal
[DER/PSIC]
Estudio dos factores antropolóxicos en relación á actividade criminal. Partindo de que o delito é un acto humano que implica unha infracción das leis chamadas penais, acepta que tanto o delito como o delincuente son fenómenos condicionados por factores antropolóxicos (somáticos, psicolóxicos e sociais). Así, o italiano Lombroso, considerado o máximo representante da antropoloxía criminal, pretende definir o delincuente como unha subespecie do xénero humano, identificado por unha serie de características fisiolóxicas e somáticas. Tamén se coñece como bioloxía criminal.