antroponimia
(< antropónimo)
-
s
f
[LING]
Conxunto de antropónimos.
-
s
f
[LING]
Rama da onomástica que estudia a orixe e a significación dos antropónimos, é dicir, dos nomes propios de persoa (nome de pía e apelidos). Aplicado a unha rexión, raza, nación, etc, este termo designa o conxunto dos nomes de persoa que se empregan habitualmente en cada un deses ámbitos. As principais fontes para o estudo da antroponimia dun pobo son os textos legais non literarios xunto coas inscricións. O sistema antroponímico pasou por varios estados evolutivos, reflexo dos diferentes cambios culturais sucedidos ao longo da historia. Os testemuños que quedan do período prerromano son escasos e proceden fundamentalmente das fontes epigráficas. Dedúcese dos datos existentes que o nome hispánico anterromano debeu ser simple e de carácter adxectivo. Este sistema de denominación acabou por desaparecer contra finais do s III a C, ao irse consumando a definitiva incorporación de Hispania ao mundo grecolatino. Como consecuencia, a denominación persoal mudou e foise facendo latina, ao igual có resto dos ámbitos (relixión, idioma, costumes, organización civil, política, militar, etc). O sistema onomástico romano, o tria nomina, baseábase na tripla denominación, establecida polo costume e consagrada polo dereito: praenomen, nomen e cognomen. O primeiro era o nome individual, o segundo o xentilicio, común a todos os membros da gens (incluíndo clientes e libertos) e, o terceiro, era o que caracterizaba cada unha das familias que compuña a gens respectiva. A esta cadea podía ocasionalmente engadirse un agnomen, que viña a ser o sobrenome individual. Desde os primeiros séculos da nosa era advírtese unha tendencia progresiva á simplificación deste complicado sistema, que se derrubou totalmente trala caída do Imperio; de feito, no momento en que chegaron os visigodos, xa eran raras as denominacións múltiples. Ademais, os xermanos contaban tamén cun nome único que ofrecía un grande abano de posibilidades. Así, por exemplo, dos 32 reis godos que houbo na Península Ibérica só dous levan o mesmo nome. Deste xeito, no momento en que comezou a Reconquista a denominación era simple, pero a variedade onomástica foise reducindo cada vez máis ata que chegou un momento en que a gama de nomes existente era moi pequena. Esta redución orixinou moitas confusións entre as persoas, polo que se recorreu á adxunción dun segundo nome. A creación deste novo nome realizouse mediante tres vías: a indicación do nome do pai, a indicación da procedencia ou a adxunción dun nome adicional (alcume ou hipocorístico). Son os apelidos creados mediante estes procedementos os que se transmitiron co paso do tempo ata que no s XVII se fixeron hereditarios e chegaron ata nós.