Anunciación
Nome procedente do latín eclesiástico annuntiatio ‘anunciación, anuncio’, derivado de annuntio. Este último termo procede de ad-nuntio ‘anunciar’, composto de ad ‘cara a, en dirección a’ e nuntio ‘informar, notificar’ e este, á súa vez, deriva de nuntius ‘nuncio, mensaxeiro’. Este antropónimo ten unha orixe cristiá; alude ao anuncio do nacemento de Xesús (“Anunciación a María”), relatado no evanxeo de san Lucas. A Anunciación tamén se coñece cariñosamente como a “Nosa Señora das Merendas”, porque a súa festa marca o comezo dos traballos nas veigas e, xa que logo, das merendas fóra da casa. A festividade da Anunciación, que antano se celebraba o 18 de decembro por non cadrar co espírito da Coresma, trasladouse logo ao 18 de decembro. Actualmente festéxase o 25 de marzo agás en Entrimo, onde se conmemora o 5 de agosto, e en Baiona, onde se celebra os días 5 e 10 de agosto. A Anunciación é titular dunha parroquia. Unha variante deste antropónimo é a forma apocopada Anuncia. Na tradición popular recóllese o refrán: “Día da Anunciazón, as derradeiras xiadas son”.