aña

aña
s f [MÚS]

Termo empregado nas zonas pertencentes ou limítrofes á bisbarra de Mondariz e Ponteareas, amais doutros lugares de Galicia, para referirse ás cantigas, cancións populares e coplas, con distintos ritmos e letras, empregadas durante a época das sachadas do millo. As añas ou sachadeiras son cantadas polos xornaleiros que rematan antes o seu labor coa intención de provocar desafío ou retesía cos que aínda non deron fin ao axeitado da leira na que se realiza a tarefa, ou mentres se espera a merenda. Normalmente estas cantigas acompáñanse polo ritmo do son producido cuns croios batendo na pa dos legóns e apeiros de traballo, onde o seu pulso musical e itus métrico veñen determinados pola regularidade dos movementos implicados no correspondente labor. Está composta por catro versos de oito sílabas que riman en consoante os pares. A súa temática é moi diversa, destacando principalmente os diversos aspectos que implican as tarefas de sachar. Así, por exemplo, existen desafíos entre lugares de procedencia dos participantes, peticións por parte dos sachadores para conseguir favores e cumprimento nas obrigas adquiridas polo propietario da leira (“amo”) e tamén outras entoadas polo amo dirixíndose ás súas sachadeiras. Na tradición popular rexístrase o exemplo: “Sachadeiras do meu millo / funas buscar a Oliveira / cortáronme o millo todo / deixáronme a millaxeira”; “Este noso amiño de hoxe / cántalle un grilo na testa, / cando vai buscar o viño / todo camiño fai festa”.

Frases feitas

  • Botar a aña. Chegar en primeiro lugar ao extremo dunha leira onde están a sachar varias mulleres, e celebralo dándolle golpes ao sacho cunha pedra.

  • Levar a aña. Atrasar os labores do campo.

Palabras veciñas

Ana | Ana | Ana | aña | Añá | Ana Belén | Ana Bolena ou Anne Boleyn